A rúa Príncipe de Cambados acollerá mañá mércores 29 de xuño, ás 12.30 h, a inauguración da exposición «Os nosos océanos», un proxecto fotográfico desenvolvido en colaboración coa Editorial Planeta e baixo o comisariado de Joaquín Araújo, experto en medio ambiente e reputado ecoloxista. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Cambados, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas coa presenza de Samuel Lago Ozón, alcalde de Cambados; José Luis Romero Quiroga, coordinador institucional de ABANCA en Vigo; e Paloma Vela Garicano, coordinadora adxunta da Área de Cultura.

A exposición «Os nosos océanos» poderase visitar, a pé de rúa, en Cambados, do 29 de xuño ao 25 de xullo. Presenta as imaxes máis espectaculares da biodiversidade mariña, porque todo o que coñecemos como vida non só procede dos océanos, senón que segue dependendo deles. Con esta exposición, Afundación Obra Social ABANCA sae á rúa cunha achega cultural de primeira orde que xunta mensaxe, beleza, transcendencia e emoción.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.