O espectáculo está concibido para público adulto e terá

entrada libre ata completar o aforo

Os contos do Festival Atlántica seguen a percorrer Galicia e este

venres, 13 de novembro, van desembarcar en Lalín coas historias de

Soledad Felloza grazas á colaboración co Concello. O espectáculo,

titulado 'A vida é conto', está dirixido ao público adulto e

será no Museo Ramón María Aller a partir das 21 horas. A entrada é

libre ata completar o aforo que por mor das restricións vixentes é de

25 prazas.

En 'A vida é conto' pode acontecer que o teu avó decida fuxir a

mesma noite que nace o teu pai. Ou que a túa nai non dea creto a ter

unha filla cun nariz tan pouco aristocrático e que practique con ela

todo tipo de experimentos para mudala. Ou que che boten da academia de

danza por non representar ben o difícil papel de penedo. Ou que un

día, só por abrir unha botella de cervexa, gañes o premio gordo que

consiste en viaxar coa selección de fútbol do teu país por toda

América e marches decontado. Porque ás veces a vida énchese de tanto

conto que o mínimo que se pode facer é contalo, pero nese caso, se a

vida é conto, os contos, contos son?

A uruguaia Soledad Felloza (soledadfelloza.com [5]) dedícase á

narración oral desde hai 25 anos. Tamén é docente, actriz,

fotógrafa, escritora de literatura infantil e xuvenil e dramaturga,

cunha ampla formación no campo do teatro e no eido dos contos. Recibiu

o Premio Europeo ao mellor conto para nenos e nenas por 'A cociñeira

do rei' (Editorial Oqo). O seu programa de radio 'La casa

disparatada' foi declarado pola UNESCO de interese por mor da súa

contribución á difusión dos dereitos da infancia. Ten editados discos

de contos para nenos baixo o titulo 'De Tin Marín', esgotados neste

momento.