10 de marzo. Mesa redonda con Luz Darriba e Iria Vázquez Silva que presentarán os seus libros "Abril" e "Cómplices. A violencia machista institucional". Modera a xornalista Ana López Suárez (Faro de Vigo).

"Abril" pon o foco na ditadura militar da Arxentina, que a autora nada no Uruguai viviu na súa mocidade, e as consecuencias sociais e individuais que supuxo para toda unha xeración.

A artista plástica, que reside en Lugo desde 1990 e ten lazos familiares con Pontevedra, dá testemuña neste libro das vidas marcadas por aquela ditadura militar que decorreu entre 1976 e 1983, e que levou ao asasinato, á tortura, ao encarceramento e tamén á desaparición de 30.000 persoas, e practicou a apropiación sistemática de bebés e de menores.

A pesar da súa dureza, "Abril" é unha novela chea de esperanza que "tece entre Galiza e o río da Prata, os fíos dunha manta que nos abeire e nos salve da barbarie dun pasado que esixe reparación e esperanza", segundo reza a contracapa do libro.

Luz Darriba formou parte de Foeminas, a primeira revista virtual feminista do país, entre 2005 e 2008, e en 2010 retomou a súa vocación literaria. Ademais de colaborar na sección de Opinión de Nós Diario, publicou Toda a xente errante, Xoguetes para nenos cegos e O que o vento non se levou. No ano 2012 foi merecedora do Premio Ánxel Fole de Narración Curta.

"Cómplices. A violencia machista institucional" (Coord. Iria Vázquez Silva).

Este traballo vén botar luz sobre un dos aspectos da(s) violencia(s) machista(s) menos estudado e tamén menos visíbel: a violencia que exerce o Estado a través das súas institucións sobre as mulleres que están en situación de violencia machista. Poucas publicacións coñecemos que aborden este tema de xeito directo.

A autora explora varios eidos institucionais, cos que tivo contacto directo, e convida a outras autoras. Sheila Fernández Míguez (desde o eido xurídico), Olalla Villaronga Seoane (que achega unha perspectiva desde o eido rural), Lola Ferreiro Díaz (desde o ámbito sanitario) e Ana Martínez González e Fedra Alcaraz Ladrero (ambas as dúas traballadoras dunha asociación de parálise cerebral) a completar o panorama dunhas institucións que deberían acoller e defender as mulleres violentadas polo machismo.

A través deste libro podemos aproximarnos ao labirinto polo que pasan as mulleres en situación de violencia, analizando as forzas de seguridade, o eido xudicial, os servizos sociais ou o eido sanitario. Iria Vázquez Silva é Doctora en Socioloxía pola UDC. Especialista en Estudos de Xénero pola UAB (2006) e pola UVigo (2008). Investigadora no campo dea socioloxía de xénero e das migracións. Profesora interina de socioloxía na UVigo. Integrante do Grupo de Estudios Territoriais da UDC. Coordinou con Laura Rodríguez Salgado, o libro "Muller inmigrante, lingua e sociedade" (2017).

Para poder participar nesta xornada, que terá unha difusión internacional, é necesario inscribirse.