Tomiño arranca a vindeira semana a súa programación cultural para este 2021 coa conmemoración dunha data sinalada, o Día de Rosalía de Castro. O vindeiro 24 de febreiro a Concellería de Cultura súmase á da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) cunha campaña a través das redes sociais na que se difundirá un vídeo no que diferentes persoas de Tomiño len o manifesto da AELG para celebrar o aniversario do nacemento da autora galega. E, como propón a asociación dende 2010, dende o Concello anímase a toda a veciñanza a agasallar nesta data un libro en galego e unha flor mercados nas librarías e florerías locais.

Como complemento a esta campaña, celebrarase o sorteo de tres camisetas cunha serigrafía de Rosalía entre todas as persoas que durante toda a xornada envíen fotos da escritora, frases, fragmentos de libros, información de interese, anécdotas… O obxectivo é incentivar ás persoas usuarias das redes sociais do Concello para que participen de forma activa nesta iniciativa.

Por outra banda, e en colaboración coa Fundación Rosalía, o Concello tamén fará unha campaña de reparto de manteis individuais de Rosalía entre o alumnado usuario dos comedores escolares municipais.