A pintura de Manuel Colmeiro (1901-1999) representa unha reformulación da temática popular galega a partir de chaves formais debedoras da figuración europea de entreguerras.

Esta obra é desenvolvida en grande medida nas cidades onde o artista viviu e que marcaron o seu labor:

Buenos Aires, Vigo e Paris e as características dos traballos realizados por Colmeiro con temas orixinados nas cidades están modulados pola relación que estabelece o pintor co medio urbano.

Buenos Aires é a cidade formativa, onde pasou a adolescencia e primeira mocidade como fillo de emigrantes e onde inicia o traballo artístico, marcado pola súa rebeldía contra o academicismo e as intensas preocupacións sociais. Na capital arxentina traballa, a finais dos anos dez e comezos dos vinte, nun ambiente de forte inquedanza cultural e de preocupacións políticas, estéticas e filosóficas.

A concreción destes estímulos pode ser vista nos debuxos que o artista fixo nomeadamente no porto da Boca. Son obras de carácter sintético e con certos trazos expresionistas onde o protagonismo está no proletariado portuario e nas paisaxes urbanas, entre guindastres e barcos e onde capta o valor plástico dos fragmentos da vida.

En 1926 Colmeiro regresa a Galicia e o primeiro punto de chegada é o porto de Vigo, cidade que terá un papel importante na súa biografía anterior á Guerra Civil, de feito realiza aquí a súa primeira exposición.

Máis tarde, na súa madureza será a súa referencia en Galicia xuntamente coa casa familiar de Costela (Silleda).

Os primeiros debuxos de Vigo, da segunda metade dos vinte, manteñen a fidelidade aos temas laborais de Buenos Aires, mais tamén sinalan a consolidación do seu estilo, xa inserido no contexto de preocupacións do movemento renovador da arte galega: temática popular, sensibilidade social e figuración sintética que se inspira na tradición galega románica e popular.

A partir de 1936, exiliado por mor da Guerra Civil, Colmeiro torna a Buenos Aires, mais este non vai ser o destino definitivo do artista xa que en 1949 se instala en París, con frecuentes estadías en Galicia.

As obras que dedica a París están, a diferenza das de Vigo e Buenos Aires, case totalmente centradas na paisaxe, sen unha presenza importante do elemento humano. As chaves estéticas destas paisaxes están nese postimpresionismo que ten orixe en Cézanne e que foi obxecto permanente de revisión polo artista. Só ocasionalmente -maio do 68- podemos percibir o fondo humano e social que caracterizou boa parte do seu labor.

As cidades de Colmeiro son moito máis que simples lugares biográficos, iluminan o proceso de formación e plenitude do pintor e informan e documentan as súas máis profundas preocupacións como cidadán e artista.