• O sábado 31 de outubro a Praza de Avelino Vicente da Guarda acolle de 10:00h a 14:30h actividades abertas a todo o público.

A campaña 'AgresiónOff, eu digo non á violencia sexual', da Secretaría de Igualdade da Xunta de Galicia, ten como obxectivo previr e evitar as agresións sexuais contra as mulleres, especialmente en eventos que se desolvolvan en Galicia. Actualmente, por mor da COVID, as intervencións realízanse tamén noutro tipo de contextos.

No marco da campaña, ofrecerase información contra a violencia sexual e realizaranse accións de sensibilización e prevención sobre agresións sexistas.

OBRADOIROS E ACTIVIDADES LÚDICO-FORMATIVAS:

No stand levaremos a cabo as seguintes actividades e obradoiros:

1. CANTO DE ESTEREOTIPADA ESTÁ A TÚA MENTE? Esta actividade consiste en escoitar e reflexionar acerca de diferentes mensaxes que poden inducir, moitas veces de xeito inconsciente, a pensamentos estereotipados.

2. A RULETA DO AMOR ROMÁNTICO. Este xogo interactivo consiste en facer xirar a ruleta dos mitos sobre o amor romántico. Cando esta se pare nun mito en concreto, a persoa que xoga debe argumentar o que pensa sobre a frase que corresponda.

3. NON ME CONTES CONTOS. Empregando o televisor co que contaremos no stand, proxectaranse na pantalla diferentes fragmentos de contos, fábulas, refráns e ditos populares, co obxectivo de invitar á reflexión acerca da importancia da información que recibimos e, sobre todo, transmitimos.

4. ONDE ESTÁ O LÍMITE? Nun lateral do stand, expoñeranse de forma escalonada (semellando graficamente a imaxe dun termómetro), diferentes actitudes ou comportamentos que se poden dar dentro da parella. De xeito individual ou grupal, os participantes deben decidir onde poñen o seu límite, xerando así o debate sobre a delgada liña que separa unha relación aparentemente sa dunha relación tóxica.

5. EU NON NECESITO #FILTROS. Nunha das paredes do stand haberá diferentes espellos que deforman ou alteran a imaxe. Sobre estes espellos haberá rotuladas mensaxes que invitan á reflexionar acerca da imaxe que queremos transmitir nas RRSS, incluíndo o uso de filtros para modificar aqueles aspectos físicos que non nos gustan. Neste senso, mediante mensaxes como 'a túa personalidade non ten filtro' preténdese xerar un clima de reflexión que contemple a autoestima e a valoración persoal coma o eixo principal para construír relacións socio-afectivas saudables.

6. ESTÁS SEGUR@ DE PREMER O BOTÓN DE ENVIAR? Os/as participantes nesta actividade deberán decidir, coñecendo previamente os riscos e as consecuencias do sexting, se envían ou non, de xeito hipotético, o contido vinculado a esta práctica.

7. KAHOOD DA IGUALDADE. XOGO TECNOLÓXICO ON LINE. Nunha pantalla proxectaremos este xogo no que a través do móbil e un sinxelo rexistro, as persoas participantes poderán respostar a diferentes preguntas "on line" en directo sobre a violencia de xénero, comprobando ao momento quen acada a puntuación máis alta en cada partida.

8. A INFORMACIÓN ESTÁ AO ALCANCE DA TÚA MAN. A través de códigos QR os participantes poden acceder á información relacionada co programa, como o portal de Igualdade, os enlaces de descarga da APP AgresiónOFF, números de teléfono da muller, etc.

Ademais das actividades para adultos, contaremos tamén con outra pensada para os máis cativos, así como dúas propostas a maiores que complementan todas as actividades anteriormente citadas:

9. O TÓTEM DO SEXISMO. Ao carón do stand colocarase un pequeno tótem serigrafiado con palabras ou frases sobre diferentes accións e actividades que aos máis cativos lles poidan resultar familiares (como bailar, xogar ao fútbol, axudar nas tarefas do fogar, cociñar, xogar con bonecas, pelexar…). Na parte superior do tótem situaranse dúas flechas, unha que indica 'nenas', e outra, en dirección contraria, que indica 'nenos'. Os máis cativos, guiados polas persoas informadoras do stand ou polas súas familias, deben decidir se as accións citadas son de nenos, de nenas ou de ambos. Con esta actividade preténdese combater os estereotipos e o sexismo dende a infancia, esclarecendo que non hai diferencias entre mulleres e homes á hora de realizar este tipo de accións.

10. VERDADE OU MITO. Esta actividade ten como obxectivo desterrar ideas erróneas sobre a violencia de xénero e as agresións sexuais.

11. AMPLIEMOS O DECÁLOGO CONTRA A VIOLENCIA SEXUAL. Partindo do decálogo sobre a violencia sexual, animarase aos/ás participantes que se acheguen ao stand a engadir algunha indicación máis que complemente ás xa recollidas no mesmo.

12. ADIVIÑA A ADIVIÑANZA…QUEN ESTÁ DETRÁS DE CADA FRASE? As persoas informadoras do stand propoñerán frases asociadas a profesións que os/as participantes deben identificar segundo sexan ditas por unha muller ou por un home, e razoar o porqué.

Ademais, ao longo da intervención distribuiranse flyers co 'Decálogo contra a violencia sexual: 10 cousas que tes que saber' en galego, castelán e inglés, así coma merchandising cos logotipos de programa.