A plataforma creativa ButacaZero estreará o vindeiro 12 de marzo o seu novo espectáculo: a traxicomedia 32m2, unha peza de teatro absurdo sobre o confinamento da pasada primavera. O proxecto de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira propón unha viaxe cara un pasado recente "á fin de provocar unha catarse colectiva ante un acontecemento que marcou, e marcará, a vida da sociedade".

O espectáculo, que terá a Laura Villaverde e Xurxo Cortázar como protagonistas, pon o foco sobre a vida de Mar e Xan, unha parella que reside nun pequeno piso dunha superficie de 32 metros cadrados. Unha pandemia mundial e un confinamento da poboación reducen, de súpeto, a súa vida ao que aconteza entre catro paredes. A través de elementos cómicos e tráxicos, 32m2 visualiza a habitual convivencia coa precariedade e as desigualdades, que semellan invisibles, nunha vida que xa nunca volverá ser a mesma.

"A peza é un enredo co que todo o público se poderá sentir identificado, pois todos mercamos un chisco máis de papel hixiénico do habitual e todas tivemos que acabar por levantar as nosas propias alfombras para descubrir a merda que tiñamos debaixo dos propios pés", sinalan Carrodeguas e Castiñera, directores da peza e fontes das vivencias, pensamentos e dúbidas das que parte o propio espectáculo. "Durante o confinamento Godot apareceuse como única resposta. Decidimos que este

podería ser un momento ideal para levar a escena a situación máis absurda que nos tocara vivir", asevera Carrodeguas, quen asina a dramaturxia.

"32m2 é unha traxicomedia que pretendemos sandadora, unha forma de vernos no espello do escenario para comezar a curar feridas, lembrarnos daquelas aquelas persoas que xa marcharon e homenaxear ás que deixaron o mellor de sí mesmas neste presente-futuro incerto que nos agarda.

Porque para afrontalo temos que pechar etapas. E, sen lugar a dúbida, a mellor chave é a risa. E o pranto", apunta Xavier Castiñeira.

Con esta produción, que conta cunha banda sonora ad-hoc creada polo músico e axitador folclórico Rodrigo Cuevas, ButacaZero aséntase como referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego pola súa capacidade á hora de dialogar co mundo actual. A investigación e a

reflexión dende un ollar crítico e irónico son as claves que definen as súas propostas que se concretan en dramaturxias feitas á medida nas que a tradición teatral se mestura coas posibilidades que ofrece o audiovisual en escena.

UNHA "XIRA CONFINADA"

A nova producion da plataforma ButacaZero preséntase ao público galego a través dunha serie de funcións nomeada "xira confinada", xa que todas as representacións de 32m2 se desenvolverán en recintos culturais galegos entre os días 12 de marzo e 20 de xuño de 2021, coincidindo coa

celebración do primeiro aniversario do confinamento por mor da covid-19 na pasada primavera.

A estrea absoluta terá lugar no Auditorio Municipal do Concello de Vigo e a xira continuará no mes de marzo por teatros de Rianxo, Vilalba, Muros, Cee e Pontevedra. Xa no mes de abril, 32m2 visitará as localidades de Noia, Melide, Boiro, Vilagarcía de Arousa ou As Pontes de García Rodríguez, entre outras. As funcións continuarán no mes de maio en Santiago de Compostela, A Coruña e Ourense, mentres que no mes de xuño ButacaZero achegará a súa máis recente creación a poboacións como

Ferrol, Cedeira ou Tomiño. Todas as datas desta "xira confinada" pódense consultar tanto na páxina web www.butacazero.net coma nos perfís da compañía nas redes sociais.