Co obxectivo de conmemorar o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, a Concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra desenvolverá, en colaboración co portal de divulgación científica GCiencia, dúas mesas redondas online que porán o foco en dúas temáticas de absoluta actualidade: unha analizará o impacto que tivo e ten a Covid-19 no traballo que realizan as investigadoras e a outra como afecta a pandemia ao Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), impulsor das vocacións nestes ámbitos con perspectiva de xénero.

A pandemia do coronavirus condiciona máis non é quen de tombar a celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, unha cita xa consolidada de GCiencia e o Concello de Pontevedra. Nesta ocasión, a causa das restricións da covid, desenvolverse n foro de debate on line, con dúas mesas redondas, os días 10 e 11 de febreiro.

Os debates porán o foco, por unha banda, no impacto que tivo e ten a covid no traballo desenvolvido polas investigadoras e por outra, en como afecta a pandemia ao bacharelato de excelencia en Ciencia e Tecnoloxía, o STEMbach, dirixido a promover as vocacións científicas con perspectiva de xénero. O ámbito STEM abrangue as áreas de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemática.

O programa foi presentado esta mañá na sala de prensa do Concello de Pontevedra nun acto no que participaron a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco; a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Rosa Campos e a axente de Igualdade do CIM Mercedes Renda. A edil subliñou o feito de que "as temáticas elixidas, que non podían pasar por alto a realidade que estamos a vivir coa pandemia, servirán para reivindicar máis que nunca non só a importancia da investigación para a nosa sociedade, senón tamén o papel esencial que están a xogar as mulleres científicas".

O primeiro dos foros de debate, que leva por título 'Investigar en Pandemia', terá lugar o mércores 10 de febreiro, e o segundo, baixo o epígrafe de 'STEMbach en tempos da Covid', o xoves 11 de febreiro. Ambos emitiranse a partir das 20:00 horas a través das canles de Youtube de GCiencia e do Concello de Pontevedra.

A edil Yoya Blanco subliñou "a investigación en feminino, que está a reclamar o seu lugar nesta pandemia e este momento tan complicado é unha oportunidade para poñer o foco sobre esas científicas valentes que nos están a salvar literalmente a vida".

A concelleira do PSOE amosouse "orgullosa de que as mesas redondas poidan contar con científicas, doutoras universitarias, investigadoras e mestras de primeiro nivel". Así, segundo avanzou Begoña Márquez, xornalista e moderadora dos eventos dende GCiencia, no coloquio sobre 'Investigar en Pandemia' estarán como convidadas Elena Cartea González, doutora en Bioloxía pola USC e directora da Misión Biolóxica de Galicia; Inés Viana González, investigadora do Instituto Español de Oceanografía; Susana Cid Fernández, doutora en Neurociencia e Psicoloxía Clínica pola USC; e Águeda Gómez Suárez, doutora en Socioloxía e coautora do informe 'Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos da Covid-19', que recolle, dun xeito cuantitativo e cualitativo, as consecuencias da pandemia no traballo científico.

A mesa titulada 'STEMbach en tempos da Covid' contará con Esther Padín Vidal, profesora de Matemáticas do IES A Xunqueira II, coordinadora do Bacharelato STEM neste centro e titora de varios proxectos de investigación dirixidos desde as universidades de Vigo e Santiago, así como colaboradora en diferentes iniciativas de innovación (Club de Ciencia, Espazos Maker, Semgal ou o proxecto Erasmus+ ATS STEM); Ángela Soto Lamas, alumna de 1º de Bacharelato STEM no IES A Xunqueira II que investiga coa facultade de Bioloxía no proxecto 'Análise bioinformático dun xenon bacteriano; Natalia Caparrini, vicerreitora de Captación de Alumnado da UVigo, e as voceiras do CIM, Rosa Campos e Mercedes Renda, que abordarán a influencia que teñen os roles de xénero na elección das carreiras universitarias.

Pola súa banda, Rosa Campos salientou que "non só hai un menor número de mulleres na ciencia", senón que as que están nese mundo "son totalmente invisibilizadas" a pesar de ser as autoras "da metade dos traballos de referencia que temos son realizados por mulleres". Nai dunha investigadora, a directora do CIM amósase partidaria de modificar o actual sistema de nomenclatura dos traballos científicos co obxectivo de que as mulleres sexan recoñecidas como algo máis que "apelidos".

Mercedes Renda afirmou que os roles de xénero e a súa influencia na elección das carreiras supoñen "a primeira fenda que temos que superar", xa que posteriormente se vai manifestar noutras fendas como a salarial. "Traballar en igualdade -aseverou- é previr a violencia do futuro".

En base ao informe sobre 'Xénero e investigación científica na Universidade de Vigo en tempos da Covid-19' elaborado pola doutora Águeda Gómez, a revisión e produción de artigos científicos mantívose para os homes nun 75%, mentres que, no caso das mulleres, viuse minguado nun 58,6%.