Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Roberto Vilar | Humorista e presentador de televisión

“O que me molesta é que morran nenos na guerra, chistes... ningún”

“O humor é o máis importante que hai; é o bálsamo, é a medicina; cando non che queda nada, ti sacas o humor”

Rober Vilar, no plató do seu programa na TVG. Jesús Prieto

Non moitas son as persoas que logran chegar aos trinta anos na televisión, un número redondo que acaba de acadar o humorista e presentador Roberto Vilar [Xove, 1971] e polo que hoxe arranca en Lugo ‘Celebreixon’, unha xira –a primeira que realiza– polos teatros de toda Galicia.

–Quen é Roberto Vilar?

–Houbo varios Roberto Vilar ao longo da vida, pero varios distintos, moi distintos. Algúns nin os recoñezo. Agora mesmo, Roberto Vilar é un tío moi feliz e moi agradecido por levar trinta anos facendo o que lle gusta e por seguir gustándolle o que fai. Alguén dixo que iso era a felicidade, que che siga gustando o que tes.

–Trinta anos na televisión. Dise pronto...

–Trinta anos son moitos anos, pero claro, todo é relativo, dillo a Gayoso. Gayoso cando levaba trinta anos era un chaval. Son moitos anos, eu non fun consciente da dimensión ata que me decidín a celebralo. Pensei un pouco, con calma, e é moi difícil, hai que ter moita sorte para estar 30 anos facendo televisión e entretemento, moita sorte. Agora doume conta do difícil que é e da sorte que tiven.

–Vaia maneira de celebralo, cunha xira –a primeira que fai– por teatros de toda Galicia.

–Isto é unha xira descomunal, eh! Levamos tres meses ensaiando e cada vez estou máis seguro de que é a maneira perfecta de celebralo. Ao acabar os ensaios sempre lle digo ao equipo que realmente isto é o que quería, é unha auténtica celebración, unha festa onde te xuntas coa xente que queres e fas o que queres.

–Unha festa chea de sorpresas...

–Hai moitas. En cada actuación, en cada gala, en cada cidade, hai un invitado sorpresa e en Santiago, o vindeiro 3 de febreiro, a estrela invitada ten tantos e tantas fans, tantos e tantas, que creo que vou ter que dicir quen é antes da actuación para que os fans del non se perdan o que vai pasar en Santiago.

–De quen estamos a falar?

–Non me atrevo a dicilo aínda, pero creo que uns días antes vou ter que dicilo, porque se trata dunha actuación única, que só a vai facer ese día.

–Entón, teremos que quedar coa intriga...

–Iso parece.

–Tres décadas na televisión. Imaxino que entrar non foi nada doado, e máis naqueles tempos.

–O máis fácil da televisión é empezar, porque empezar tampouco depende de ti, ten que ser alguén que te vexa e que che dea a oportunidade. A min veume un día, no ano 1993, un empresario palestino afincado en Santiago, Ghaleb Jaber Ibrahim, que me dixo: “Ti para diante, ti a traballar na televisión”. El deume a oportunidade e a partir de aí comezou a complicación. De que falo?_Como vou a enganar á xente tanto tempo?_(ri). Despois fun tendo sorte e acertos, sobre todo un, rodearme de xente con máis talento ca min, ou polo menos o mesmo, como Víctor Fábregas, Xosé Ramón Gayoso, Xosé Antonio Touriñán, Eva Iglesias... Iso si que foi un acerto.

–Tras tanto tempo, gardará moi bos recordos con compañeiros, grandes momentos... con cal quedaría?

–Hai moitos momentos moi emocionantes polo conseguido. Os Tonechos conseguiron cousas tremendas, o cariño que recibiamos na rúa. Os Tonechos actuaron en Nova York, en Queens. Había un cartel en Queens que poñía “única actuación en Queens dos Tonechos”. Land Rover foi elixido o mellor programa das televisións autonómicas de toda España. Foron cousas moi emocionantes e unha das cousas máis emocionante que vin na miña vida foi que a miña nai pasara unha tarde enteira con Julio Iglesias, entrevistándoo e facéndolle unha tortilla. Creo que iso foi das mellores cousas que fixen na vida, facer feliz a miña nai.

–Trinta anos de éxitos non exentos dalgún que outro fracaso. Supoño que, como vostede di, é o que teñen os medios xeneralistas nacionais.

–A maioría das cousas que che pasan na vida son fracasos. Case todo, pero de vez en cando, de repente acertas e tes sorte e éxito, como tiven nos Tonechos e en Land Rover. Pero iso é o excepcional. O normal é fallar. En case todo na vida, e no noso negocio da televisión máis aínda. De cada dez programas que se estrean, más ou menos, seguen para diante dous, os outros oito non funcionan.

–Por que lles custa tanto aos humoristas galegos triunfar fóra da nosa comunidade? Tan diferente é o humor no resto de España?

–Creo que si, estou completamente convencido de que o humor galego é o mellor humor que existe no mundo, o de máis calidade. Teño varias cousas que apoian esta teoría. Sánchez Dragó, que era un tío moi listo, cría firmemente nisto. Outra é que Les Luthiers, dos grupos de humor máis importantes da historia do mundo, triunfaba máis en Galicia que no resto de España. Isto é unha lectura máis importante. Creo que o humor galego é superior a todos, é moito mellor que todos.

–Impórtalle o que dirán?

–Intento pensar que non, pero a min impórtame moitisimo a opinión da xente que me coñece. O que diga a xente que non me coñece de nada impórtame menos. Que pasa? Que os que traballamos nisto, a nosa misión é gustar. O noso traballo consiste en gustar. Entón, claro, é terrible. É unha escravitude brutal (ri), porque ti vas pola rúa e 99 persoas dinche que estás moi guapo e unha diche que non estás moi guapo e xa vas fatidiado para casa. O ser humano é así, unha desgraza (ri). Vivimos nun sinvivir as veces. Despois penso que o meu pai foi ao Gran Sol desde os 14 ata os 54 anos e digo: “De que te queixas Roberto? Non te deas tanta importancia. Desfruta e sé feliz”.

–Queiramos ou non, o humor ten a súa importancia. Hoxe hai que ter moito coidado co que se di. Hai moito ‘ofendidito’...

–Si. O humor é o máis importante. Isto non o digo eu, díxoo Mariano Rajoy. E ten toda a razón. O humor é o máis importante que hai. É o bálsamo, é a medicina. Cando non che queda nada, en calquera situación ti sacas o humor. Na peor situación do mundo, o humor é un bálsamo, é unha medicina. Que pasa hoxe? Que todos en xeral andamos con coidado porque non queremos molestar. Iso é unha pena, porque tampouco pasa nada por molestar. A min o que me molesta é que morran nenos na guerra, iso si que me molesta, pero os chistes... Nunca me molestou ningún. Temos un pouco menos de liberdade de expresión da que tiñamos, porque a liberdade de expresión, para min, é poder dicir algo que che moleste. Iso é liberdade de expresión, porque se non che molesta non é liberdade de expresión, iso é relacións públicas. Pero tampouco digo que a xente non poida ofenderse.

–Sabe onde está o límite do humor?

–Non teño nin idea. Eu se fago un chiste e a xente non se ri, penso, aquí toquei límite (ri), pero continúo para diante. Non sei se á xente lle van parecer ben ou mal os meus chistes. O que se ofenda está no seu dereito. Ao que non ten dereito é despois poñerse nas redes sociais a despotricar.

Compartir el artículo

stats