Nun dos espazos naturais con gran valor histórico máis belos de Galicia, gravou o grupo redondelán Cantatorrella o seu novo disco, “Preludio”. As salinas de Ulló entre Arcade e Vilaboa foron o escenario –nas construcións de pedra abandoadas así como na fraga– da rodaxe. O resultado foi presentado onte no Multiusos de Redondela.

Sobre o palco, a banda de novísima creación pero con músicos doutros grupos como As Efémeras, aproveitou para interpretar tres temas do que será o seu primeiro disco que ata o momento está descubriendo mediante singles.

As cancións elixidas foron “Mañana calor”, “Oitenta” e “Carantoñas” que foron cantadas no retrouso mentres as melodías convidaban a danzar a un público que sempre pedía máis.

Cantatorrella, no vídeo.

Cantatorrella, no vídeo. MARCOS CANOSA

Porén, o protagonista era o vídeo. O cantante, Fon Conde, agradeceu á xente participante na gravación o seu traballo. Estaba apoiado por Antonio Vidal (guitarras e voz), Myriam Cortizo (acordeón, percusións e coros); Diego Orge (batería e percusións) máis Mario Blanco (baixo).

No vídeo, idea orixinal de Pelu Vidal, participan –entre outros– os tres integrantes da agrupación de títeres Tanxarina; Benito Cascallo (o portador da Coca); os danzantes da Danza das Espadas e As Penlas e diferentes intérpretes de música e baile tradicional (Inquedanzas) así como persoeiros da vila, como os portadores dos cabezudos. Tamén contaron coa axuda de moitos veciños e veciñas como Diego Toucedo que levou a súa vaca Lía que aparece no inicio da curta musical; José Fernández “Elvis”; o fotógrafo Marcos Canosa ou Andrés Giráldez, entre outros moitos máis.

O traballo foi realizado o pasado mes de xuño nas salinas cun equipo de xente do audiovisual capitaneada por Thomas Schwartz, o director de fotografía, que asinou un vídeo excelente.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, louvou o resultado e resaltou que aspira aos Mestre Mateo, coa confianza de poder chegar a finalista levando a xente de Redondela e a súa música por Galicia.

Ao longo da metraxe, imos descubrindo os diferentes músicos do grupo no lugar sós ou en conxunto. Especiais son as imaxes nas que teñen un xantar nunha mesa mentres xogan ao bingo de xoguete e escachan un cochiño de cartos.

Cantatorrella, onte, no Multiusos de Redondela. M.M.

“Preludio” é un tema con raíz tradicional marcado polo acordeón pero con melodías enlazadas co contemporáneo e con ritmo de rumba galega.

Na letra, faise referencia a como eran as cousas antes poucas décadas atrás, na forma de vivir e de disfrutar da vida en comparación co actual marcado polo lixo de plástico.

O tema, que pronto estará no Spotify, pode verse co seu vídeo no YouTube dende onte. A canción foi gravada nos estudos “Ao teu ritmo” en Reboreda e masterizada en Casa de Tolos en Gondomar.