A estrea da obra póstuma de Domingo Villar, “Síbaris”, atópase xa na contra atrás e a compañía teatral que a porá sobre as táboas non pode estar máis contenta: é moi probable que colgue o cartel de entradas esgotadas para as dúas funcións de Vigo no Teatro Afundación este sábado (a partir das 20.30 horas) e o domingo (18.00 horas). Se ademais vostedes son de perto da Illa de ARousa, mañá venres haberá un pase especial para a veciñanza no auditorio do lugar.

Para preparar o fito histórico de ambos os dous días –as primeiras representacións con público dunha obra teatral do impulsor do noir galego– actores da peza, o director, responsables das editoriais que publicaron o libro este mes (Galaxia e Siruela) e a viúva do escritor compareceron onte ante os medios en Vigo para facilitar detalles deste proxecto.

O lugar seleccionado foi a Taberna Eligio, un local querido polo autor así como polo protagonista das súas novelas, Leo Caldas. Unha manchea de xornalistas acudiron á chamada dun dos fitos culturais do ano na cidade: a posta en escena da obra póstuma de Villar.

A peza, “Síbaris” presenta a un escritor, Víctor Morel (Carlos Blanco), que leva máis dunha década sen escribir un novo libro a pesar de que a súa muller –Laura (Belén Constela )– presiónao para que a saque adiante ou para que dea conferencias co gallo de cobrar os cartos precisos para saíren dos números vermellos.

Ademais, na obra aparecen o axente literario, un doutor e un veciño do matrimonio, así como un maniquí e un gato.

Sobre o posible paralelismo entre Morel e Villar ante un momento de embotamento creativo, a dona do autor, Beatriz Lozano, explicou que o vivido por Domingo nos anos anteriores á publicación de “O último barco” non foi “un bloqueo como tal. Domingo escribiu unha obra e como era tan esixente, non se sentía seguro para desprenderse dela. Cando chegou o momento, ou alomenos iso foi o que el a min me dixo, lembráballe moito á ‘Praia dos afogados’ e non se sentía cómodo facendo algo tan parecido”. Aclarou que “non deixou de escribir. Escribiu unha novela, esbotouna e comezou con outra”.

Lozano admitiu que non leu “Síbaris”, inda que acudirá á estrea da peza, polo recordo continuo do seu marido finado en cada páxina.

Pola súa parte, a responsable da editorial Siruela, Ofelia Grande, engadiu que nos dez anos que transcurriran entre o penúltimo e derradeiro libro publicado en vida, Villar non deixou de traballar, colaborando na película que levara á pantalla a súa novela, por exemplo, ao tempo que lidiaba con momentos familiares importantes como o falecemento de seu pai.

“Domingo non estaba contento de todo co libro inda que hei de dicir que a novela estaba ben. El era a persoa máis perfeccionista que coñecín nunca. Era tamén a mellor forma de respectar os lectores, non darlles algo co que non estivera satisfeito ao 100%. El non era fácil de satisfacer, era especialmente esixente consigo mesmo”, sinalu respecto da novela que nunca se chegaría a publicar.

Fiinalmente acabou no lixo inda que chegou a estar anunciada como novidade editorial no catálogo de Siruela e a xente mesmo preguntaba por ela –o título ía ser “Cruces de pedra”– na Feira do Libro.

Tras facilitar estes detalles, Grande lembrou: “Cando Domiongo entregou o manuscrito de ‘O último barco’, facilitoumo en agosto estando en Sanxenxo, e cando regresamos a Madrid en setembro chamoume un día facéndome entrar en pánico dicíndome que non estaba seguro. Aí xa lle dixen que ese libro ía saír, que se publicaría nuns meses. Acordamos que fora o 6 de marzo por ser o seu cumpreanos e o meu. Entre agosto e marzo, tivémolo ‘atado’ a unha cadeira da editorial. El viña encantado e voluntariamente. Ía cada día traballar alí. Dabámonos seguridade uns a outros. O libro seguiu en marcha, publicouse e foi un éxito. El tiña dúbidas de se, tras dez anos, os lectores se lembrarían del ou non. Ese medo quedou disipado na primeira semana. O libro vendeu máis ca os anteriores e viuse que ía ser un éxito como así foi”.

Na rolda de prensa, participou tamén Carlos Blanco resaltou que “Síbaris” presenta un “texto brillante” e que este proxecto é especial para el xa que é a primeira vez que o vai dirixir seu fillo. “Todo é moi especial”, engadiu para expresar: “É unha honra ser o alter ego de Domingo Villar” na peza.

Tamén aproveitou para louvar a música en directo que compuxo para a obra e que interpretará Pablo Novoa, quen ten un papel secundario que calificaron como “brutal”.

O seu fillo, Lois Blanco, resaltou que a preparación desta obra foi un proceso no que “houbo moito cariño”, nunha primeira fase na que Villar estivo presente e unha segunda na que non por mor do seu pasamento.

Tamén interviu no acto o produtor da obra, Toni Garrido, quen calificou esta peza de “regalo final” de Domingo para el ao tempo que destascaba que Villar “fíxonos a vida mellor”.

Pola súa parte, o presidente de Galaxia, Antón Vidal Andión, rememorou aspectos de Villar. Un foi a súa amizade con Alfonso Zulueta de Haz. Tamén lembrou como coincidiu con el pouco antes de finar na porta de Povisa cando viña de visitar a súa nai ingresada por unha doenza.