Unha das raíces da cultura popular galega está nas ondas do mar, que son traballadas na nosa costa con formas propias que singularizan a Galicia no mundo. No “Coa luz do corazón” de hoxe na TVG (19.45 horas), a moza cega Corina Mañá quere tocar coas súas mans e co seu corazón a cultura mariñeira. E percibir os seus sons. O espazo viaxa a Camariñas, na Costa da Morte, ao encontro dunha muller moi especial nacida neste porto: Yaqui Lista, mariscadora e mariñeira.

Yaqui mostraralle a Corina unha arte que singulariza a Costa da Morte e que ten a súa expresión máis coñecida en Camariñas: os encaixes de palillos. Dúas palilleiras, María Isabel Pasantes e Josefina Lista, esta última irmá de Yaqui, aprenderanlle a palillar a Corina.

Para esta é unha arte descoñecida, pero coas explicacións de Yaqui, Isabel e Josefina, axiña comprende como se desenvolve esta arte, e a pesar da súa dificultade, e a maior complexidade para Corina pola súa cegueira, en poucos minutos é quen de tecer cos palillos, como unha principiante, claro, no vai ser de súpeto unha experta. Pero a habilidade de Corina sorprende grandemente ás tres palilleiras de Camariñas. Esta habilidade da xoven nace do seu inmenso interese en querer saber de todo e en demostrar que a cegueira non é un impedimento para nada que ela se propoña facer.

Despois da experiencia do palillo, Corina vai con Yaqui embarcar no seu barco do que é patrón Tono Pasantes, o home desta. O dous traballan xuntos no mar. Corina, e o presentador do programa X. H. Rivadulla Corcón, embarcan e entre Tono e Yaqui ensínanlle as diferentes partes do barco a Corina.

No mar van recoller unhas nasas do polbo que teñen largadas. O día ponse mal, levantase o vento e o mar está bravo. Para Corina é unha situación totalmente nova, pois nunca embarcara nun pesqueiro e moito menos co mar nese estado. Corina percibe o perigo, pero sabe manter a calma, e incluso goza coa situación, vivindo o que os mariñeiros coñecen, coa dificultade do seu traballo, a dureza da súa vida.

O programa remata cunha entrevista do presentador X. H. Rivadulla Corcón a Corina, onde conta como viviu a experiencia dun día facendo o traballo nun pesqueiro.