Vigo acolle esta fin de semana dúas das obras de teatro galego que mellor acollemento están a ter entre o público neste ano. Por un lado, “Continente María”, con Melania Cruz e sobre a figura de María Casares, que se poderá ver hoxe no Auditorio Municipal. Por outra, “Recortes, caneos e outras formas de driblar”, que subirá ao escenario hoxe e mañá no Teatro Afundación; ambas as dúas dirixidas por Tito Asorey, o mesmo que asinou a versión teatral de “Fariña”.

Ao igual que nesta última, en “Recortes, caneos e outras formas de driblar” –vista no Salón Teatro de Compostela por máis de 4.500 persoas– aparece a pegada de Nacho Carretero e a actuación de Touriñán. Carretero explicou a este diario que “en realidade a obra é un texto do dramaturgo José Luis Prieto a raíz dunha investigación que eu estou levando a cabo e que teño a intención de que sexa un libro. É como unha aproximación ao mundo do fútbol pero dende outro ángulo”.

“Gústenos ou non –detalla– o fútbol está sempre presente. Algo tan xigantesco peca sempre dunha aproximación superficial e interesábame saber como se vive por dentro dende o punto de vista dos xogadores, do desgaste físico, da corrupción, negocio, trampas, que hai despois... Quería buscar historias humanas no contexto do fútbol e traballamos con Prieto para convertilo nun texto teatral”.

Respecto aos personaxes –interpretados por Touriñán, Manuel Cortés,Christian Escuredo, Xoán Fórneas, Isabel Garrido e Sergio Zearreta–, sinala que non son fixos nin nomes propios. “Seguindo o espírito de Fariña hai unha sucesión de personaxes. Hai un eixo central que é Touriñán, que é o protagonista. Ao redor del, que é un siareiro, suceden todas as cousas. É a viaxe del dende o fanatismo ata comprender que é o fútbol por dentro”, engade Carretero. Ese periplo vén marcado por música, actuacións en directo, humor, sketches e moito entretemento, promete o autor galego.

“Temos un elenco –agrega– cunhas voces espectaculares. Hai varios coros a capella abraiantes. E hai moito humor”. Preguntado pola escenografía, se é herdeira da que se admirou na montaxe de “Fariña”, Carretero responde de forma rotunda: “Diría que é máis traballada, máis cambiante”. Entre todos estes elementos, o papel do espectador é primordial, defende o escritor e xornalista. En canto ao obxectivo da peza teatral, apunta que “é unha historia que invita á reflexión pero sen moralina. Faise moi intretida”.