Luar celebra hoxe (22.00 horas) o seu 30 aniversario cun programa especial cheo de sorpresas. O programa lembrará as actuacións de grandes figuras da música e contará tamén coa presenza de presentadoras e colaboradores moi queridos pola audiencia, como a señora Palmírez, Socorrito, o carteiro Anselmo ou os Tonechos, que volven aos escenarios por un día. A esta gran festa tamén están convidados artistas como Los Limones ou Ázucar Moreno.

Con Xosé Ramón Gayoso á fronte, e baixo a dirección de Manuel Abad, arredor dun cento de profesionais fan posible cada venres –desde o 30 de setembro de 1992– a produción do programa, de preto de catro horas de directo, que hoxe se fai desde o plató 1.000 de Teo, pero que comezou a emitirse desde a discoteca Dona Dana de Touro, con 1.200 persoas como público.

Trampolín de orquestras e grupos de música popular galega desde os seus inicios, Luar tense convertido tamén, cos anos, nun espazo para a descuberta de novos talentos musicais e do humor en Galicia. Todo elo como complemento das actuacións das máis relevantes figuras da música española e internacional.

O programa de entretemento é o máis veterano da televisión en España e a súa audiencia –sempre por riba de dous díxitos– chegou nalgúns anos a superar folgadamente o 40%.