O dúo cómico máis exitoso nos teatros galegos volve. Xosé A. Touriñán e Carlos Blanco regresan con “Somos criminais 3” ao Teatro Afundación de Vigo mañá e o sábado con dobre función, ás 20.00 e 23.00 horas. Falamos con Touriñan un anaquiño.

–Que lles moveu a Carlos Blanco e a vostede a pór en marcha este “Somos criminais 3”?

–Como segundas partes nunca foron boas, decidimos pasar da primeira á terceira parte. Por outra parte, hai que dicir que levábamos ano e medio sen poder ir aos teatros en Galicia e o que máis nos apetecía era facer un espectáculo de pasalo ben. Como a primeira parte foi tan ben, despois do confinamento e das restriccións, decidimos pegarlle unha volta ao formato de Somos Criminais.

–A actuación telemática que fixeron de “Somos Criminais” durante o confinamento foi histórica polo formato empregado pero tamén polos milleiros de persoas que a seguiron. Deulles, non obstante, máis ganas de reatoparse co público?

–É verdade que ter o público diante en directo non ten comparación, é a mellor sensación de todas. É certo que é raro non verlle os sorrisos e a cara á xente pero imos dando pasos para gozar todos xuntos no teatro.

–Desta volta, analizan os hábitos dos galegos...

–No primeiro, levabamos unha liña que falaba do criminal, do delitivo, de como somos os galegos de especiais á hora de ser criminais. Neste caso, falamos dos tópicos e cousas típicas que definen aos galegos para saber se un galego sobe ou baixa, para falar de que seriamos ricos se aproveitaramos as cousas que temos como a chuvia ou a auga. Tamén falamos de como as galegas teñen a esperanza de vida maior ca os galegos homes e que fan nese tempo de ser viúvas; e de como os galegos andamos por todo o mundo. Misturamos o monólogo, cos gags cómicos. Ademais leva unha parte técnica importante con vídeos e deseños de audiovisuais.

–Ás veces, en obras con dous monstros de interpretación ou da comedia, a aventura comeza ben pero ao final un acaba non querendo saber do outro. No caso seu, repiten. Foi difícil equilibrar o ego?

–Isto comentámolo despois pero falaban disto máis Tito (Asorey, o director) e Prieto (o dramaturgo). Dicían que ao principio vían complicado manter o equilibrio pensando en que ao mellor un quería destacar máis ca o outro no escenario. Pero non houbo ningún momento así. Estas cousas ou son fáciles ou imposibles. Este é o terceiro espectáculo que fago con Carlos e a verdade é que todo vai fantástico. Dígoo en serio, a complicidade no escenario e fóra foi extraordinaria. Traballar con Carlos é unha honra, é un referente do humor neste país e eu sempre quero aprender dos mellores.

–Cando leva unha nube no corazón e ten que saír do escenario, como a saca de diante para que non lle afecte?

–Poucas veces me fan esta pregunta. Nós somos persoas e pásannos cousas pero este oficio ten algo máxico. Pos o pé alí e todo o que pasa fóra esquécelo. Non hai unha fórmula, é a propia maxia da profesión, do oficio, pola que te convertes noutra persoa, noutro personaxe. É como se non foses ti. Ata é sanador. Cando facemos comedia e tes un día malo, chegas ao teatro e esqueces os problemas que tes na casa.

–Con esta xira, botan o resto fóra, con funcións dobres no mesmo día.

–Si, é para aproveitar as datas porque temos que facer o esforzo de dobrar para que poida vir toda a xente que queira. E despois disto, pegareime outro tute con “Fariña” que volve a Galicia en marzo despois de andar por Madrid. Están en Valladolid esta fin de semana.

–Que outros proxectos carrexa?

–Teño unha segunda tempada de “Rutas bizarras” que era o programa que facía con Marta Hazas para TVE que empezaremos a final de febreiro. Tamén temos unha cousa rodada para a TVG, o programa “Catro gatos” de 30 minutos que está a espera de que o emitan. Está Perdomo, Noemí Rodríguez e Fátima Pego. É un programa de comedia de sketches e tertulia, que escribimos e facemos nós.

–Este retorno á TVG, supoño que é moi querido por vostede.

–Por suposto, é que é a miña casa, a televisión na que se pode traballar no meu idioma. As circunstancias que me levaron a estar todo este tempo case sen traballar na TVG foron cousas que espero que se poidan ir cambiando. A min, gustariame traballar na TVG toda a vida.

–Porque o regreso a “Land Rober” queda descartado, non?

–Si, estou moi orgulloso do que fixen alí pero hai que ir abrindo portas, ter novas experiencias. É máis chulo o recordo que volver.

–Dáme a impresión que para vostede é máis importante ser libre e aprender que acomodarse.

–É moi importante e cando chegas a un lugar onde está todo feito... Eu son dos que creo que é mellor marchar antes que aburrir.Ao mellor son un tolo porque podería ter aseguridade de estar todas as semanas traballando inda que facendo o mesmo pero vivindo máis relaxadamente pero non me dá o corpo nin a cabeza para iso. Prefiro non aburrirme.