A festa máis irreverente e tola do paganismo galego, o Entroido, faltou á súa cita este ano no país. A pandemia do COVID fixo que os traxes de peliqueiros, cimarróns ou pantallas quedaran colgados no armario ou no arcón ou se pasearan intimamente polas casas a fuxir da colectividade. Mentres as vexigas de Xinzo agardan a ser afumadas para a nova festa, queda un remedio para sana-la alma entroideira: a lembranza na arte: a marabilla en libro “Non pare a festa. É tempo de entroido 2” de Ramón D. Veiga e David Sierra e a película “Os corpos” de Eloy Domínguez Serén.

O realizador de “Jet lag”, “No cow on the ice” ou “Hamada” –esta última pode verse no Filmin– vén de presentar en Galicia o seu último traballo, un proxecto sobre o entroido ourensán que se puido ver na última Mostra de Cine Etnográfico (MICE) en Compostela.

“Os corpos” está doblemente vencellado á pandemia: a curta foi rodada pouco antes de iniciarse o confinamento no último entroido celebrado ata o de agora; e ademais trata sobre o carnaval de Laza e Maceda.

“Nin a min nin a ningunha das persoas que estabamos alí se nos pasou pola cabeza que podería pasa-lo que aconteceu dez días despois”, sinala Eloy Domínguez quen aclara que “é certo que coñeciamos o que sucedía en Italia pero había moita desinformación. No mesmo antroido había bromas sobre o que estaba acontecendo. O luns, en Laza, fomos ás formigas que meten en vinagre para que estean máis rabiosas, para que piquen máis á xente. No carriño onde ían os animais poñía “Formigas da China” como broma sobre a COVID”.

O cineasta aclara que “xa había xente con mascarillas, pero eran as que se empregan para sulfatar e poñíanas para protexerse da fariña e formigas que lles lanzaban. Iso pasou dez días antes do primeiro caso de coronavirus confirmado en Galicia”.

Pero ó fitar n´“Os corpos” o que realmente impacta nos nosos días é “ver milleiros de persoas abrazándose, tocándose, bailando xuntas. Estas imaxes, dende a perspectiva actual, parecen delirantes sabendo que faltaban dez días para empezar a pandemia en Galicia”, confesa o director de cine que montou as imaxes no confinamento “cando nin podía saír da casa” dubidando “de se realmente existiran nalgún intre”. “Sobre todo dubidaba de se algún día volverían a existir esas imaxes. Sentía nostalxia e pánico pensando que non o volvería vivir”, reflexiona.

Cando se lle pregunta por que deu o xiro do Sáhara no seu anterior longametraxe ó carnaval galego nesta obra, lembra que descubriu “o entroido ourensán bastante tarde. Tería uns 30 anos. Vivía en Suecia e a primeira vez que participei foi un venres de folión en Laza. Entre que non o coñecía e que viña dun país oposto ó contacto físico, aquilo pareceume espectacular, como unha orxía, a cousa máis pagana que vira na miña vida”.

Lume por todas partes entre as cores vivas das máscaras e os disfraces extraordinarios chamaron a atención de Eloi. “Custábame recoñecer Galicia naquela noite, naquela aldea perdida nun curruncho de Ourense. Pareceume tan marabilloso e hipnótico... Pensei que tiña que repetir e algún día filmar aquelo”, lembra o creador.

Domínguez decatouse de que “o único xeito” de gravar de maneira “fiel” era formar parte da festa. “Tiña que ser parte activa desa carallada e meterme coa cámara no medio da xente con tódalas consecuencias que podía ter. Por iso, na curta estamos cerca das caras, levamos golpes por todas partes. Deixámonos arrastrar, tiráronnos cinzas, fariña, formigas. Eu ía metido nun chuvasqueiro que creamos para protexe-la cámara. Vía o mundo a través dun buraco no plástico para mete-la lente da cámara. Bely Martínez, a productora, facía de gardacostas, íame sacando a xente de enriba e íame guiando”.

A obra posúe “un valor etnográfico forte como testemuña, pero non é didáctica, aclara, non explicamos de onde veñen as máscaras, por que motivo se celebra. Capturamos a enerxía. Foi unha alegría que a xente de Laza e Maceda o vira e me dixeran que o entroido era iso, o que se plasmaba na curta”, conclúe o director galego.