O Teatro Colón da Coruña acolle o vindeiro sábado a Gala de entrega de premios da XIV edición dos Mestre Meteo, na que o actor, dramaturgo, director teatral, tradutor e docente Manuel Lourenzo (Lugo, 1943) recibirá o premio de honra Fernando Rey, en recoñecemento á súa prolífera traxectoria e á súa contribución á cultura galega.

Nun comunicado, a Academia Galega do Audiovisual destacou que a gala contará coa presenza do grupo De Vacas, que serán as encargadas de pór música en directo a este espectáculo dirixido por Tito Asorey e presentado por Lucía Veiga.

Como novidade, as redes sociais da Academia emitirán en directo ‘O Recibidor dos Mestre’, un programa previo á gala presentado por Marta Doviro, no que entrevistará a finalistas e convidados da presente edición a partir das 17.00 horas.

Coa celebración dunha gala presencial, que arrincará ás 18.00 horas, a Academia busca reivindicar a seguridade nos eventos culturais aplicando estritamente as directrices establecidas polas autoridades sanitarias.