Naceu na Coruña pero sente que tamén é de Muxía. Quizais por falar (e comprender) esa linguaxe que so entenden os que mamaron o salitre, a Xosé Henrique Rivadulla Corcón (1962) as xentes do mar lévanlle abrindo as portas e os relatos máis íntimos desde 2008, cando arrancou a súa andaina audiovisual neste eido. Escritor, guionista e locutor, o ano da pandemia resultou prolífico para o autor, que publicou en poesía “Amor de náufrago” (Medulia), “A taberna do Mascato Negro” (Morgante) e “Cando soa a buguina”.(Edicións Xerais). Os tres textos abordan o tema do naufraxio e os tres saíron do prelo en 2020. Hoxe é noticia porque a Televisión de Galicia estrea dous programas que seguen o ronsel de “Ribeiras de salitre”. Corcón asina novos proxectos que afondan na pegada das mulleres no mundo do mar, “Clan das mariñeiras” e na impresionante revolución tecnolóxica operada en certas artes, en “Caderno de bitácora”.

–Ambos proxectos reparan no papel da muller no mar.

–Son dous programas que teñen como punto en común a homenaxe ás persoas que traballan no mar. Efectivamente “Clan das mariñeiras” está centrado nas mulleres e “Caderno de bitácora” homenaxea a persoas xa retiradas que traballaron toda a vida no mar –desde carpinteiros de ribeira a bateeiros–. A nós sempre nos preocupou que houbera representación de mulleres. A xente que non coñece o mundo do mar pode pensar que é un mundo de homes, pero non é certo en absoluto. No mar traballan homes e mulleres en moitos oficios. Por iso, en todos os nosos programas sempre elas tiveron unha grande importancia. Impórtanos que se visibilice que o mundo do mar tamén é un mundo de mulleres. E tamén, porque de forma natural as atopamos ao gravar os programas.

–Como xurde “Clan das mariñeiras”?

–No “Clan das mariñeiras” queriamos deixar claro a importancia feminina, así que decidimos contar os seus oficios e tamén as súas vidas. E amósase unha problemática que xa non é exclusiva do mundo do mar, senón que é extrapolable á sociedade xeral actual: a muller desempeña un papel imprescindible, pero está moi invisibilizada. Tamén a figura da muller dos mariñeiros da pesca de altura, que se embarcan por moitos meses, ten un papel vital: elas quédanse atendendo a familia.

Non imos a un porto a gravar, imos a convivir coas xentes mariñeiras, a falar entre amigos

–Cre que era unha débeda pendente?

–Eu creo que é necesario. Os homes van faenar, pero para que un barco saia ao mar son necesarios moitos traballos previos, que nunha porcentaxe alta desenvolven as mulleres. Por exemplo, o traballo das redeiras, ou os traballos administrativos, nas confrarías ou en Capitanía. Para contar a verdade do mundo do mar hai que falar das mulleres; se so falamos dos homes, relatamos so unha parte. Agora a sociedade comeza timidamente a tomar conciencia dos moitos séculos que levamos traballando nunha liña incorrecta ao non contar coas mulleres. Pero non podemos seguir caendo nos mesmos erros e que os homes sexan unha caste privilexiada. É algo que dicimos en “Clan de mariñeiras”: hai 63 confrarías de pescadores en Galicia e so en 6 delas o patrón maior é unha muller. É unha porcentaxe ínfima –so o 10%– que non corresponde coa representatividade das mulleres nos traballos do mar. E iso, é extrapolable a outros sectores da sociedade. Creo que é unha revolución que hai que facer: que a muller ocupe o lugar que lle corresponde na sociedade. É unha revolución pendente.

–Logo está a temática da revolución tecnolóxica no mar.

–O mundo do mar evolucionou moitísimo tecnoloxicamente en moi poucos anos. A maioría das persoas que saen en “Caderno de bitácora” aínda que non sexan moi maiores, como estiveron desde pequenos traballando no mar,viviron esa transformación. Atopamos patróns que navegaban cando non había practicamente instrumental abordo e se navegaba cun simple compás e mirando as estrelas. Neste programa refléxase moito esa evolución e tamén a importancia da tradición. A experiencia dos que viñeron detrás é moi importante.

–Vostede non foi mariñeiro, pero nos programas televisivos de eido mariño véselle como peixe na auga.

–Eu considero que é o meu mundo, o que eu coñezo, aínda que nunca traballei directamente no mar, si a miña familia. Eu son de Muxía, onde o mar é absolutamente todo. e condiciona toda a vida.

–Existe certa familiaridade no ton da conversa cos protagonistas. Como se alcanza?

–Levamos xa doce anos facendo programas desta temática, o que significa que en calquera porto galego temos gravado. Iso xerou unha relación persoal con moitas persoas que nos axudan, aínda que ás veces non saian en cámara. Ás veces as persoas ás que chamamos xa nos coñecen e saben que tratamento lle damos aos temas, así que a xente quere participar. E hai que ter en conta que non a todo o mundo lle gusta saír na televisión.

–Como o consegue vostede?

–So actúo como vehículo para dar a coñecer a súa historia. Fálolles para que sexan eles quen a conten. Nós imos a un porto non a facer unha entrevista, senón que imos a falar con un amigo sobre un asunto que nos importa, como norma de estilo. Imos a convivir coa xente do mar, como se foras anos despois a ver un amigo e el che contara como lle vai.