Unha alternativa á economía capitalista

Cangas celebrou a II Feira do Mercado do Social con produtos e servizos sustentables

Actividade da “Feira do mercado do social”, onte, baixo a carpa instalada no Sinal.   | // G.NÚÑEZ

Actividade da “Feira do mercado do social”, onte, baixo a carpa instalada no Sinal. | // G.NÚÑEZ

G.M.P.

Dar visibilidade a proxectos e actividades de economía social con produtos e servizos de proximidade e sustentables é o principal obxectivo da Feira do Mercado Social de Cangas, que se celebrou onte ao amparo dunha carpa instalada na alameda nova e a participación de preto de 30 postos de diferentes sectores, entre eles a agroecoloxía e produtos locais, enerxía renovable, economía circular, vivenda colaborativa ou economía dos coidados. Tamén cunha ampla programación de actividades de ocio e divulgación e obradoiros orientados á rapazada e persoas adultas ao longo de toda a xornada.

Na apertura da feira, o cartel incluía a proxección do documental ”Os pousos do café”, unha historia de amizade e comercio xusto, seguido dunha cata de chocolates e a actuación de María da Pontragha con “un saco de contos” para todos os públicos. Tralo xantar abriuse un espazo de diálogo coa participación da cooperativa canguesa Interpyme Asesores, seguido dunha xuntanza para tratar sobre os grupos de consumo e artellar mecanismos para a comarca. A media tarde, os veciños Carme Penim e Dani Blanco interpretaron os seus espectáculos “A Fraga de Pasacorrendo”, que combina música e narración, e “Rogelio, un pallaso en recuperación”.

A maiores destas actividades, desenvolvéronse outras nos postos espallados baixo a carpa, como a presentación do libro “As bicicletas si son para Galicia”, no posto de Catro Ventos; un obradoiro para facer compresas con tea, a cargo de Proxecto Xerminando; e dúas sesións para o obradoiro “Repair Café”, no posto de Informática Solidaria. Galicia Latente tamén mostrou a instalación artística-conceptual “Deconstruíndo consciencias”.

Os promotores destacaron que se trata dunha cita “chea de economía solidaria que une produtoras e consumidoras e que aposta por poñer ás persoas no centro e o consumo consciente local e sustentable”. O evento foi promovido e cofinanciado pola Rede Eusumo e o Concello de Cangas. A concelleira de Promoción Económica e Desenvolvemento Local, Lucía Docampo, destacou que esta iniciativa busca xerar alternativas de promoción, visibilización e comercialización de produtos e servizos de entidades de economía social e solidaria, achegar á cidadanía novas propostas de consumo responsable,promover o espírito emprendedor e amosar oportunidades de negocio.

Suscríbete para seguir leyendo