Moaña, aos "amadores" dos cabalos

Unha escultura de Henrique Prado rende homenaxe aos impulsores da afección ecuestre

"Cabalo Amigo Cabalo" xa preside a Praza do Concello de Moaña.

"Cabalo Amigo Cabalo" xa preside a Praza do Concello de Moaña. / G. Núñez

G.M.P.

O que naceu como iniciativa privada de homenaxe a Amador Martínez Gayo, veterano e apreciado promotor da actividade ecuestre en Moaña, convértese en recoñecemento a todas as persoas afeccionadas e tamén ao cabalo como noble animal de compañía e de ocio. Simbolízase cunha escultura a tamaño real do artista morracense Henrique Prado, que tomou como modelo a Black, un fermoso e nobre frisón que finou tras o seu dono e agora “pastará” na Praza do Concello. O acto oficiouse onte con representación familiar, da institución local e de ADOC-Cabaleir@s de Moaña.

O escultor, con representantes do Concello, de ADOC e da familia, descubren a peza.

O escultor, con representantes do Concello, de ADOC e da familia, descubren a peza. / G. Núñez

“Con Amador acabou de irse o último activo dunha xeración que puxo a andar os cabalos como ferramenta de amizade máis que de traballo, de escusa para compartir domingos e festivos en compañía e disfrutar da contorna en Moaña e no Morrazo”, explicaron os promotores desta iniciativa que abandeira a asociación ADOC-Cabaleir@s de Moaña e que atopou un decidido respaldo institucional no Concello, praza na que xa reside a peza escultórica de Henrique Prado e que buscará compañía doutros exemplares en anos vindeiros, pois pretende ser xérmolo dun recoñecemento periódico a persoas e colectivos que representen eses valores.

Representantes de todas as partes implicadas posan xuntos coa obra artística.

Representantes de todas as partes implicadas posan xuntos coa obra artística. / G. Núñez

Lembraron desde o colectivo que, de xeito regular e cando as tarefas que lles deban de comer o permitían, un grupo de homes –porque na orixe non había mulleres, cousa que agora mudou para ben– quedaban no Meixueiro, nas Paghonas, nas Sanguiñeiras ou no Carrachal para verse, poñerlle valor económico ás bestas e pagar unha cota proporcional para telos “asegurados” por se enfermaban ou morrían, cando aínda non se levaban ese tipo de pólizas. Eran “os da contrata”, como se coñecían popularmente. Logo, a pasear, a trotar, a galopar pola contorna, con paradas para refrescar e tomar a chiquita.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, diríxese aos asistentes ao acto inaugural.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, diríxese aos asistentes ao acto inaugural. / G. Núñez

O artista Henrique Prado tomou nota daquela proposta privada e implicouse na tarefa. Colleu como modelo a Melle vd Sanning, coñecido como Black, o cabalo que acompañou a Amador ata o último día. Visitouno no Piñeiro e Berducedo, fíxolle fotos, tomoulle medidas e comezou a deseñar e traballar na escultura coa que representaría ese soño: “Cabalo Amigo Cabalo”. Ao pouco de rematar aquelas notas, Black tamén finou, ao tempo que medrou a idea “de facerlle unha homenaxe non a unha persoa nin a un cabalo, senón a unha tarefa colectiva que ben o merece e que temos intención se seguir promovendo”, anuncian.

María Jesús Gutiérrez, directora da Escola de Música, interpretou dúas pezas á frauta.

María Jesús Gutiérrez, directora da Escola de Música, interpretou dúas pezas á frauta. / G. Núñez

ADOC, a Asociación de Cabaleir@s de Moaña que é herdeira daquela “contrata” de amizade, fixo súa a proposta. Plantexóuselle ao Concello de Moaña, que enseguida viu con moi bos ollos a idea e ofreceu un espazo público a escoller para facelo máis visible e convertelo en símbolo “ao que lle queremos dar continuidade”. Será, segundo apuntou Gonzalo Martínez en representación do colectivo, “cunha distinción periódica a persoas, colectivos ou institucións que compartan e contribúan a promover e impulsar os valores de amizade e solidariedade cos que nace”. ADOC e o Concello “estamos a traballar para levalo adiante buscando a máxima implicación social”, suliñan.

As fotos de familia sucedéronse ao final do acto inaugural.

As fotos de familia sucedéronse ao final do acto inaugural. / G. Núñez

A Henrique Prado, que decora con escintileos de luz ese cabalo negro de paixón e liberdade, tamén lle parece ilusionante ese camiño por diante. Na súa intervención lembrou a compañía amiga dos cabalos desde hai miles de anos, mesmo o binomio que teñen feito ao longo da historia, como son os casos de Rocinante con Don Quijote, Babieca e o Cid Campeador, Bucéfalo con Alejandro Magno, Othar con Atila, ou Incitatus, ao que Calígula quixo nomear sacerdote e cónsul. Aínda que, de momento, ten menos sona, o cabalo de Henrique Prado simboliza uns valores que tamén se reflexarán en pezas vindeiras.

A alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, foi a encargada de pechar o acto celebrado onte na Praza do Concello, presentado polo concelleiro de Cultura, Daniel Costas, e amenizado pola directora da Escola de Música, Mª Jesús Gutiérrez, que interpretou á frauta “O son do ár” e a banda sonora de “O home que susurraba aos cabalos”. A rexedora recoñeceu e agradeceu o traballo de Amador Martínez e daquela xeración da "contrata". Tamén de ADOC –co seus presidente e secretario, Samuel González e Carlos Juncal, ao frente–, a plasmación artística que lle fixo Henrique Prado e a relevancia desta escultura –e doutras que poden vir, coa implicación de máis artistas– para recoñecer eses valores e contribuír á creación e difusión da Cultura e tamén dos múltiples atractivos de Moaña. Desde onte, o fermoso cabalo da Praza do Concello xa acapara fotografías e soña con seguir facendo amigos.

Suscríbete para seguir leyendo