Cangas celebra hoxe mercadiño ambulante pero a praza de abastos estará pechada

G.M.P.

Cangas celebra hoxe, como cada venres, o mercadiño ambulante, a pesares de ser xornada festiva pola celebración das Letras Galegas. O que non abrirá é a praza de abastos, unha decisión do Goberno local atendendo ás discrepancias ao respecto entre o colectivo de vendedoras. “Non haberá lonxa, e por tanto tampouco peixe fresco”, apunta a concelleira de área, Lucía Docampo (BNG), para xustificar a inactividade nesas instalacións municipais.

No gremio había división de opinións, entre os que cren que praza e mercadiño deben ir xuntos, complementarse e nutrirse de clientes mutuamente e prestar servizo para competir coas superficies comerciais, e quen alega o contrario porque non haberá peixe do día por inactividade das lonxas, como tampoco carne fresca ou froita polas mesmas razóns de descanso no sector. Entre os ambulantes tampouco hai unanimidade, pero os partidarios de celebralo apuntan que non se poden permitir manter gastos sen ingresos por actividade.