“Falando da saúde” en Cangas

Oito colectivos de doentes participan nun ciclo de charlas semanais en marzo e abril

Representantes do Concello e dos colectivos participantes, onte no salón de plenos.

Representantes do Concello e dos colectivos participantes, onte no salón de plenos. / G. NUÑEZ

“Falando de saúde” é o titulo das xornadas arredor de distintas enfermidades que organiza Afimo, a asociación de persoas afectadas de fibromialxia do Morrazo, e conta coa participación de oito colectivos, que se turnarán en charlas de periodicidade semanal, no salón de plenos de Cangas. A iniciativa xurde coa firme intención de consolidarse como cita anual e medrar en participación, segundo suliñaron a presidenta e a secretaria de Afimo, Marta Rial e Carmela Gil, nun acto de presentación que contou coa presenza da alcaldesa, Araceli Gestido, e das concelleiras Iria Malvido e Aurora Prieto.

A primeira charla será o vindeiro xoves, día 7, a cargo da Asociación Española contra el Cáncer, coa intervención das nutricionistas Patricia González Calviño e Clara Hernández González. O mércores 13, Afimo traerá á doutora Eva Estévez, do Centro de Saúde de Moaña, que falará sobre “A fibromialxia na alimentación, na actividade física e no sono". Para a semana seguinte está prevista unha charla de Agaela, a asociación galega contra a esclerose lateral amiotrófica (ELA), aínda pendente de confirmar. E a asociación Anedia ten data o día 26, coa intervención da súa presidenta, Carolina Estival Río.

Os actos do mes de abril comezan o día 3 a cargo da asociación EMMO, que loita contra a esclerose múltiple. Estarán no salón de plenos parte da directiva e pacientes, a logopeda Vanesa Sarmento, e neuróloga Helena Hervés e a enfermeira Elena Allegue Magaz. O día 10 tomará o relevo A Voz da Sanidade, coa participación da nutricionista Paula Seguín Fernández, do Centro de Saúde de Cangas. A asociación de persoas diagnosticadas de cancro de mama e xinecolóxico (Adicam) intervirá o 16 de abril coa sesión “Apálpate, autoexploración”, e o colectivo Coliño Bailongo, que promove a lactancia materna, achegarase a ela coas intervencións de Inés Curro, Ana Cal e Marisol Santomé, coa colaboración da asociación Chuchamel.

Suscríbete para seguir leyendo