LITERATURA EN MOAÑA | Juan Parcero Escritor

“A xeración dos 80 enfrontouse aos seus propios conflitos, igual que a da posguerra”

O autor moañés presenta mañá ‘Na canella infinita’, a súa quinta novela

Juan Parcero, onte, nos Xardíns do Concello de Moaña.   | // G. NÚÑEZ

Juan Parcero, onte, nos Xardíns do Concello de Moaña. | // G. NÚÑEZ / Fran G. Sas

Juan Parcero (Moaña, 1977) presenta este venres a súa quinta novela, titulada ‘Na canella infinita’. Trátase da súa segunda publicación coa Editorial Galaxia e narra unha historia interxeracional que se entrelaza a través de diversas vidas. Está ambientada nunha “Moaña ficticia” á que denomina Aferróns. A presentación será mañá ás 20.00 horas no salón de plenos de Moaña e o autor estará acompañado pola alcaldesa, Leticia Santos, o concelleiro de Cultura, Daniel Costas, o dinamizador cultural Jesús Costas e o director de edicións de Galaxia, Marcos Calveiro.

–Na súa anterior novela, ‘A soidade selénica’, debutou na ciencia ficción. Agora voltou cambiar de xénero.

–Escoitase moito falar de novelas xeracionais. Esta é interxeracional. Intenta poñer cara a cara a dúas xeracións: a da posguerra e a afectada pola droga nos anos 80. Trata de fuxir da frase de que ‘calquera tempo pasado foi mellor’. Cada xeración ten as súas guerras e os seus conflitos. Cada xeración enfróntase aos seus problemas dun xeito distinto e son tan grandes e importantes uns coma outros. Todo o mundo que teña máis de 30 anos vaise ver reflexado nalgún momento desta novela. Ademais é unha novela poliédrica porque o mesmo problema está visto por catro puntos de vista diferentes. Trátase de personaxes relacionadas no espazo e no tempo, mediante a canella infinita que funciona como un transporte no tempo.

–Voltará á ciencia ficción, un xénero moi pouco traballado en galego?

–Si. De feito xa teño outra escrita de ciencia ficción que rematei no verán. Agardo que sexa a vindeira que publico.

–En qué situación se atopa a literatura galega máis aló dos principais nomes que copan as listas de vendas?

–Non escribo moito pensando nas vendas, porque sei que o sistema literario galego está moi fastidiado. Hai estudos que falan de que só o 3% da xente escollería ler en galego en vez do castelán. Eu escribo en galego xa non só por militancia, senón porque é a miña lingua e non me sei expresar doutra maneira mellor que en galego. Falo e penso en galego. Pero o que non pode ser é que a literatura en galego sexa un acto de heroísmo das poucas persoas que manteñen, por exemplo, os clubes de lectura.

–Leva unha carreira prolífica con cinco novelas en poucos anos.

–O primeiro premio que recibín foi no 2010. A primeira novela publiqueina no 2011. Vou a un ritmo dunha novela cada dous anos e teño intención de seguir. Escribir é terapeutico para min. Nesta novela escribín sobre todo de madrugada, dende 11 da noite ás 4 da mañá. É cando a casa está parada e tranquila. Alguén que non é profesional ten que sacarlle tempo á vida para escribir. Considero que esta é a miña mellor novela, cada vez vou atopando mellor a miña propia voz e como contar as cousas.

Suscríbete para seguir leyendo