Na busca dos “hits” dos cantos de taberna

Un novo programa para a Televisión da Galicia, “Traes unha cantiga?”, escolle a Bueu para a gravación dun dos seus capítulos cos Mulos, Palleta Mollada e Retrouso

A actuación dos Mulos sobre o escenario do Aturuxo, co seu “Falemos galego”

Producciones Celta

A produtora Producciones Celta está en pleno proceso de gravación dun novo programa para a Televisión de Galicia ao redor da cultura popular dos cantos de taberna. O equipo dirixido por Henrique Rivadulla Corcón e presentado por Noelia Rey percorrerá trece vilas da comunidade e unha das escollidas é Bueu. Alí estiveron onte gravando as interpretacións dos tres conxuntos seleccionados. O lugar escollido foi a sala Aturuxo e os grupos que tiveron que dar o do de peito foron Os Mulos, con “Falemos galego”; Palleta Mollada con “Farruco”; e Retrouso con “Muiñeira da Portela”.

A coñecida sala Aturuxo de Bueu convertiuse onte nun plató de televisión. Pero sen perder a súa esencia musical. Este foi o lugar escollido polo equipo de produción de “Traes unha cantiga?”, un novo programa concurso da Televisión de Galicia, para a gravación dun dos trece episodios da súa primeira tempada. Un programa adicado a unha das formas máis senlleiras da cultura popular galega: os cantos de taberna. Os encargados de dar o cante foron os veteranos de Os Mulos, o grupo tradicional Retrouso e os mozos de Palleta Mollada.

Este novo programa é unha idea de Producciones Celta para a TVG é ten como presentadora a Noelia Rey –que xa ten participado en espazos como “Cantas ou non”, “Malicia Noticias”, “Vaia Troula”, amáis de ser a encargada de dar as badaladas do ano novo 2022 xunto a Arturo Fernández e a medallista olímpica canguesa Teresa Portela– e o seu director e guionista é Xosé Henrique Rivadulla Corcón. En cada unha das vilas polas que pasará “Traes unha cantiga?” escóllese a tres grupos e cada un deles interpretará unha canto de taberna.

O obxecto deste concurso non é escoller ao mellor grupo, senón que o que se selecciona é a canción. “A intención é facer unha listaxe cos temas e cantos máis populares de Galicia e non unha competencia entre os grupos”, explican desde o novo programa. Así que desta xeira de trece programas espallados por toda a xeografía galega sairá unha especie de “playlist” ou unha “hit parade”, como se diría agora, dos cantos de taberna. Un “grandes éxitos” ou “greatest hits”, por seguir coa terminoloxía anglosaxona.

Así, cada un dos grupos interpretará unha canción e un xurado será o encargado de elexir a mellor, en función da interpretación e de como o grupo a deféndese en directo. Os Mulos escolleron un dos seus clásicos, o “Falemos galego” composto hai xa medio século por José Diz para o Entroido da vila; Os Palleta Mollada cantarán “Farruco” e Retrouso a “Muiñeira da Portela”.

A difícil misión de escoller a mellor interpretación vai recaer nun xurado. En cada programa haberá dous membros fixos, que son Alfredo Dourado –fillo do mítico Fito Domínguez, de A Roda, e actual cantante do grupo– e a cantante Sheila Patricia. A maiores en cada unha das entregas haberá unha persoa diferente para apoiar aos grupos. No caso de Bueu, Os Mulos, Palleta Mollada e Retrouso terán como madriña á cantante Uxía Senlle.

Cada un dos programas terá unha duración aproximada duns 55 minutos e amais das interpretacións servirá para achegarse aos ensaios dos grupos e á tradición dos cantos de taberna en cada un dos lugares que forman parte desta primeira tempada. Ao remate de cada emisión os grupos participantes xuntaranse para cantar unidos o tema que resultase gañador. E cal foi ese canto en Bueu? Paciencia. Para sabelo haberá que agardar a emisión do programa.

“Nas Rías Baixas existe unha gran tradición, quizais máis que noutras zonas, pero o obxectivo é cubrir todo o territorio galego e as súas catro provincias”, explican desde “Traes unha cantiga?”. No caso de que se poda gravar unha segunda tempada non se desbota a posibilidade de voltar a algún dos outros municipios da comarca do Morrazo.

De momento Producciones Celta xa ten gravados sete programas e a data de estrea aínda está por confirmar. Pero parece que será moi cedo. Así que haberá que ter os oídos atentos.

Suscríbete para seguir leyendo