Os estudantes de toda a comarca corren pola lingua mañá en Moaña

Todos os centros de ensino da vila publican un vídeo chamando a participar

Un 'frame' do vídeo dos centros de ensino moañeses.

Un 'frame' do vídeo dos centros de ensino moañeses.

REDACCIÓN

O Correlingua, a actividade que busca a normalización lingüística da mocidade e a infancia de Galicia celebra mañá, xoves 25, a súa festa final do Morrazo na vila de Moaña. Está previsto que participen estudantes de toda a comarca dende ás 10.30 horas. O sindicato CIG encargarase do traballo loxístico.

Para promocionar o evento a televisión escolar impulsada polo Concello de Moaña, Caranvexo TV, pendurou un vídeo no que interveñen alumnos de todos os colexios e institutos moañeses, facendo un chamamento á participación mentres se pasan o micrófono de xeito simbólico duns aos outros.

O alumnado anima no vídeo a falar na lingua propia. É un contido máis dunha televisión escolar que se pode ver na web caranvexo.gal e que foi galardoada co premio “Mil Primaveras”, que recoñece as accións e campañas en favor do galego. Ese premio entregarase en Pontevedra o vindeiro 4 de xuño.