Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carmen e Luis Iglesias Padín, tataranetos de Ramón Padín. | // A.C.

Nicolín e outros apelidos foráneos en Vilariño (I)

O autor afonda na presenza de apelidos de fóra no Hío, con especial atención a aldea de Vilariño

A Luis Iglesias Padín e demais familia

Para comezar esta exposición podemos partir dunha pequena escolma de apelidos foráneos na parroquia de Santo Andrés do Hío, que nun tempo pasado correspondíanlle a persoas que aquí chegaron deixando constancia na nosa contorna. Algúns persisten co paso do tempo e outros desapareceron por distintas circunstancias.

Podemos citar algúns persoeiros que recalaron no Hío relacionados co clero: Juan González de Cores, Pedro do Seixo, José Álvarez de Neira, Jazinto Gregorio de Castro Ozores y Sotomayor, Juan Rosendo Henríquez, Lorenzo Riol, Antonio Iglesias y Boán ou Juan Manuel Míguez; e liñaxes destacadas como Álvarez de Sotomaior,Sarmiento Valladares ou Romai de Junqueras.

Documento notarial do 12 de xuño de 1794 referente a María Rosa Martínez de Ceballos. | //FAMILYSEARCH.ORG

En canto á fidalguía e burguesía aparecen referencias a Inés e Ana Suárez Parcero que casou co boticario Francisco González Feijoo e en segundas nupcias, o 26/04/1656, co corsario e mercader Francisco Fernández de la Cruz; Antonio Jacinto Vilela y Lira casado con Rosa Ceballos, ou a “señorita” Josefa Antonia Suárez Ordóñez casada co mestre canteiro Esteban Sobreira, avó de “Don Vicente Pastoriza” quen deixou labradas as iniciais do sinalado entre aspas na balaustrada do balcón da súa morada, no Igrexario. Outras aldeas do Hío dan fe tamén da presenza de apelidos foráneos. Por exemplo, na de Donón viviron ou viven persoas apelidadas Meira xa no s.XVI. Tamén podemos citar a Juan de Carabelos Oitabén natural de Moaña, casado con Micaela Figueroa Lemos o 1/08/1748, ou a María Pascua Meis y Garrido, natural de Santa Eulalia de Nantes, que casou o 18/01/1806 con José Antonio Coya Lorenzo. Uns apelidados Ozores procedentes de San Vicenzo de Trasmañó, Redondela, residiron en Donón, tamén os Carballosa de Santa Eulalia de Nantes ou os Nogueira de San Xoán de Tirán. En Nerga anotamos casos como Abalde (de Comesaña), Blanco (de Cerponzóns), Cordeiro, Portela, Pena ou Troncoso (de Coiro). Veciños de Nerga foron Bienvenido Gil Llorente (de Pontevedra) e José Andrade de Moreira (de Mourente) que casaron coas irmáns Sara e Digna Paz Blanco en 1929 e 1926. Ata Liméns achegouse Tomás Rodríguez Gómez procedente de Esgos (Ourense) casando xa no 23/07/1849 con María Andrea Malvido. Tamén arribou Alfredo Rodríguez Lima (de Sta. Leocadia, Viana do Castelo, Portugal), apelidos como Guimeráns e Ríos (de Bueu), Parcero (Darbo), Dobarro (de Cangas) ou Currás (de Ameixoada, Moaña). No tocante ao Millán, que tamén se afincou na veciña Aldán, sabemos que recalou nesta no 1859, orixinario da parroquia de San Xián de Artes (Ribeira, A Coruña). No que atinxe ao apelido Pato, preguntamos á veciña de Liméns Carmen Rodríguez Pato que aos oitenta e nove anos goza dunha lucidez mental extraordinaria. Díxonos que segundo ten escoitado, este apelido chegou dende Ferrol. Ata agora non o podemos certificar con documentación, mais sabemos que o 8/02/1866 casaron Manuel Pato Fernández e Ramona Malvido Vilariño, fillos de José e de María Francisca e de Francisco e Mariana respectivamente.

Balcón no Igrexario coas iniciais de don Vicente Pastoriza. | // A.C.

No Igrexario temos numerosos casos de canteiros foráneos: Torres, Maquieira Argibay (Xeve), Villaverde (de Mourente), Calvo (de Campañó), Sorei (de Lérez), Folgán Tato que se achegou ata aquí dende a parroquia de Santa María de Troáns (Cuntis) casando nesta parroquia o 3/01/1842, Silva (de Arbo) ou mesmo o escultor do Cruceiro do Hío, o excelso Ignacio Cerviño Quinteiro (de Peroselo, Aguasantas, Cerdedo-Cotobade). Existen asentamentos matrimoniais de forasteiros como Darío Pousada (de Sta. María de Macendo,Ourense) ou o de Remigio Fernández Neira (de Vilafranca do Bierzo, León), ambos no 1908.

Podemos citar tamén entre outros a Griñán (de Albacete,Cartaxena, Murcia, así se expresa textualmente),o mestre Víctor Ortega Molina (de León), González de Nandín y Crespo (de Vigo), Covelo (de Teis), Chantada Carramal no 1804 (de Coia, Vigo), Carballido Acero (de Bouzas). En 1907 atopamos ao forneiro Antonio Carral Cacharrón natural de San Pedro de Pígara, e sendo o seu pai de San Estevo de Parga, ambas parroquias en Guitiriz, Lugo. A súa nai tamén era luguesa, natural de Bóveda. Seguimos con Pastoriza (de Cela), Pedro Baqueiro (de Santiago de Taboadelo, Ponte Caldelas) que casou con María de Lemos o 6/07/1632. Algúns máis: Manuel Vieira, (de Vilela, Lanhoso, Braga, Portugal), casado con María Magdalena de Outeiro o día das Candelas de 1740; Rodas (de Coiro) e os Portela, que se achegaron de San Lourenzo de Almofrei; cirurxiáns como Clemente de Pintos, que casou nesta parroquia con Dominga de Palmás, ámbolos dous veciños de Domaio, Pascual de Mato, soterrado o 8/12/1735 ou Manuel Lourido (do Porriño) casado con Angustia Novo.

Bens de Tomás Rodríguez de Liméns. Libro Afanegado de Liméns e Vilariño. | // ATOPO.DEPO.GAL

Mencionemos a don Baltasar Malvido Varela, natural de Santiago que recibiu sepultura nesta parroquia o 10/03/1736, de profesión “Guardia de Tabaco”. Polo demais, aquí residiu o practicante Marcelino Pérez Conde (de Allariz), o médico Manuel Martínez Piñó (de Pontecaldelas), traendo de criada a Encarnación De la Fuente Lens (de Conxo, Santiago), un tal José Núñez da Aira, veciño de Vilariño do Monte (de San Xoán do Hospital da Condesa, no Cebreiro), que casou o 13/10/1770 con María de la O Coya Santos, pasando a formar parte da veciñanza. Unha das familias máis amplas desta parroquia apelídanse Iglesias, coñecidas como “Corechas”, procedendo de San Salvador de Coiro, consideramos que tal vez o alcume derive de “Coirechas”, declinando no léxico da citada parroquia. Atopamos a José Menezes Silva natural de Nosa Señora da Gaiola das Cortes (Portugal) casado con Josefa Coya Gago o 20/02/1887. A finais do s.XIX damos conta de matrimonios forasteiros afincados no Igrexario que traballaron na fábrica de conservas de Ameixide, como: Manuel Ibusquiza de profesión maquinista e Sofía Campos, ou Restituto Barreiro (de Darbo) e María Olascuaga (da vila de Noia). Natural de Tarragona era Máximo Solé e a súa dona era de Sanxenxo, chamada Manuela Felipes.

Para loitar na guerra contra os franceses varou nesta parroquia Manuel Prieto natural de Vilachá, na mesma Pedrafita do Ceberiro, que formalizou enlace matrimonial con María Benita Ermelo o 19/04/1817. En Pinténs temos verificado tamén o apelido Prieto con distinta procedencia á anterior, oriúndo este de Palacio de Pan, Zamora, polo que se coñece a esta familia polo alcume de “Os Castellanos”. Temos tamén aos Carballo (de Pena,Portugal), aos serradores Méndes ou Gregorio (de Monte Redondo e de Vieira, en Leiría, Portugal).Os apelidados Pardavila débense ao veciño de Santomé de Piñeiro (Marín), Reimundo Pardavila Freire, que casaría con María Josefa de Outeiro Meira o 1/12/1734. Tamén foi habitante de Pinténs Manuel Acuña Santiago natural de San Xurxo de Mogor (Marín) casado con Carmen Piñeiro. Temos constatado apelidos nesta aldea como Agulla ou “do Con” facendo este alusión a un topónimo deste lugar. Na fábrica de Ameixide naceu o 3/11/1896 Leopolda María Ventín Araújo.

Carmen Rodríguez Pato, bisneta de Manuel Pato Fernández.

En Vilanova perduran os apelidos Besada (de Dena), Solla ( de San Martiño de Berducido) descendentes do canteiro Avelino Solla Sobral e os Gago en relación con Ramón Gago Novoa, esposo de Josefa Blanco Tenreiro (de San Lourenzo de Piñor, Ourense) dos que informantes orais aseguráronme no seu día que traballaron de caseiros na fábrica de salgado de Couso. Damos fe de que en Couso tamén traballaron os Miranda procedentes de Beluso ou Manuela Sar Canosa. Nesta aldea naceu o 22/02/1896 Manuel Verde Sotelo, fillo de Isidro e de Concepción, oriúndos de Viana do Castelo e de Darbo respectivamente. Asemade en Vilanova tamén existiron apelidos no s.XIX como Arias (de Aldán), Cabaleiro (de San Fausto de Chapela) ou Gude (de Corrubedo).

Do apelido Estévez temos catro procedencias distintas: de Beluso, de Arnoia (Ourense), Ponte Caldelas e Domaio. Apelidos como Barreiro, Villar, Rial, Graña, Montes ou Pazó están relacionados con Darbo e Cangas. Buet, Gil Montells, Lamberti, Gelpi, Ferrer, Curbera e Lluch, entre outros, foron fomentadores de fábricas de salgado no Hío procedentes de distintas partes de Cataluña.

A finais do s.XVI e primeiros do s.XVII existen outros exemplos: Jacinto Paz natural de Castrelos que casou o 18/05/1711 con Ana Martínez Rouca, ou apelidos como Arines, Montero, Casqueiro e Nores. Entre os apelidos desaparecidos na parroquia contamos Vieira, Agulla, Casqueiro, Bon, Acuña, Toucido, Carballosa, Meira, Refojos, Sobreira ou Moderrón, do que este último diremos que fai referencia a un topónimo dun pequeno casal monástico de Aldán que se atopa no denominado Camiño Vello que vai dende igrexa parroquial ata a Costa do Pardo.

Pero, é na aldea de Vilariño onde atopamos maior cantidade de apelidos foráneos, pois foi lugar de morada de varios persoeiros forasteiros dende hai máis de oito décadas. Algúns tiveron continuidade e outros perdéronse, ás veces, por ter descendencia feminina en xeracións posteriores, sostido no feito de que o apelido materno quedaba en segundo lugar e outras por mudárense de residencia cara outros lugares.

Bens de Manuela de Vega. Libro Afanegado de Liméns e Vilariño. | // ATOPO.DEPO.GAL

Séculos XVI -XX

Continuando en Vilariño testemuñamos Domínguez, Prieto ou Sestai que proceden de Darbo, San Xoán de Pedrafrita e Santa Cristina de Barro (Noia) respectivamente. En canto a este apelido diremos que a súa procedencia é toponímica, facendo referencia ao lugar chamado Sestaio, no concello de Muros e que sufriu deformacións como Cestay, Sestay ou Sestai.

Xa falamos en distintas ocasións de apelidos portugueses do gremio de canteiros que aquí recalaron, como Albino Alves Matos, Daniel Fernandes, Domingo Mendoça de Jesús, todos da vila de Ponte de Lima. Outros canteiros que aquí fixaron súa residencia foron Juan Morgade Outón natural de San Martiño de Berducido ou José Dios Sobral da mesma procedencia.

Temos constatado persoeiros foráneos en Vilariño como: o capitán mercader Juan Lavado e súa dona Aldonça Franco que eran veciños de Cangas e mandaron levantar a ermida de San Bartolomeu en 1593. Ao longo do tempo houbo varios descendentes de Juan Lavado, que aínda que non viviron en Vilariño construíron novas vivendas e plantaron viñedos tanto en Vilariño como en Manle (Liméns). Tamén tiveron relación por ter a obriga de manter a mencionada ermida ben cuidada e ornamentada persoas como: Juan Lavado (fillo), Gabriel Franco de Vega, Fernando de la Vega Alemparte ou Esteban de Villafanc entre outros. Xa no s.XIX a herdanza do vínculo de Juan Lavado caeu en Manuela de Vega que residía en Vilariño. Despois o herdeiro de Manuela foi seu xenro Ramón Padín Rodríguez, de oficio toneleiro e natural de San Cibrán de Calgo (Vilanova de Arousa) que casaría con María Taboada y Vega o 14/11/1836. Descendente desta familia foi Dionisio María Álvarez Padín que finou no 1944, fillo de Lorenzo, natural de Sta. María de Moialde, en Vilardevós, Ourense e de Severa Padín (de Vilariño, O Hío), ou mesmamente Máximo Padín Otero, pai Josefa e Margarita Padín Coya entre outros.

Hai referencias nos libros de casamentos a un tal Domingo Rey, natural de Santiago que casou cunha moza de Vilariño chamada Dominga Costas Franco o 1/02/1777. A procedencia do apelido Bastón está ligada á persoa de Jazinto Bastón, casado na parroquia de Aldán con Ana da Rúa o 10/12/1699, sendo este fillo de Silverio Bastón e de María de Laíño veciños da vila de Rianxo (A Coruña). Tamén Segunda Caeiro, sendo filla do moañés Jacinto Caeiro, casou o 3/06/1863 co veciño de Vilariño Francisco Rial. Sendo veciño desta aldea finou no 1942 Nicolás Vidal Castelo (de Ferrol).

*Veciño do Hío

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.