Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

De quen ven sendo o mestre Cerviño?

O 14 de xuño de 1834 naceu en Santa María de Aguasantas o escultor Ignacio Cerviño, autor do Cruceiro do Hío

Sinatura e cuño personalizado do mestre Ignacio Cerviño.

No 150 aniversario do Cruceiro do Hío, na honra e memoria de Ignacio Cerviño

Tal día como hoxe, un 14 de xuño de 1834, naceu o que consideramos o mellor escultor galego do s. XIX, Ignacio Cerviño Quinteiro. Veu a este mundo na denominada Casa do Casal, no lugar de Peroselo, na parroquia de Santa María de Aguasantas, , en Cerdedo/Cotobade. Nesta colaboración o investigador e veciño do Hío Anxo Coya lembra a figura de Ignacio Cerviño, as obras que deixou nesta casa, hoxe propiedade de Dolores Fraguas; e a controversia pola adxudicación dalgúns dos seus traballos a José Cerviño “Pepe da Pena”, veciño da parroquia que coincidiu parte da súa vida laboral coa do mestre de cantería

O 27 de xuño de 1835 Andrés Quinteiro e a súa muller María Rosa Touriño doan á súa filla María Antonia Quinteiro e ao seu esposo Antonio Cerviño a denominada Casa do Casal, no lugar de Peroselo, parroquia de Santa María de Aguasantas, Cerdedo/Cotobade. Antonio Cerviño Couceiro, mestre de cantería, e a súa muller foron os pais de Ignacio Cerviño, quen chegará a ser recoñecido ao longo da súa vida como “O Mestre Cerviño”.

Anxo Coya, ante o Cruceiro do Hío. Fdv

O documento da doazón di: / ...espuso llamarse Andrés Quinteyro vecino del lugar de Perocelo parroquia de Santa María de Aguas Santas en la estinguida jurisdicion de Cotovad y actualmente Partido de la Lama dijo: Que deseoso de remunerar las buenas obras servicios y amor que le tienen demostrado su hija María Quinteyro y su marido Antonio Cerviño desde luego por virtud presente Escra. (escritura) y en aquella vía que mas valedero y firme sea hace gracia y donación para cuando llegue el caso de su fallecimiento del tercio y remanente del quinto de todos sus vienes, consignando dha (dicha) mejora en la Casa de su havitación sita en dho lugar do Porcelo con sus cuadras y Cavallerizas y circundado que lo rodea, en la Veiga da Porta sembradura de poco mas o menos de un ferrado en el propio lugar que limita al Naciente y Poniente con otra de María Andión, y en lo mas sobre si, en otra casa del propio lugar conocida como la de arriba con su Horreo circundado sobre si, en los ganados frutos verdes secos o pendientes que esistiesen a su fallecimiento y le perteneciesen y en los gananciales que le toquen y haya husado durante el consorcio con su esposa María Rosa Touriño.../.

Casa do casal, onde naceu o mestre Cerviño en Cerdedo/Cotobade. Arquivo do autor

Tal día como hoxe, un 14 de xuño de 1834, naceu o que consideramos o mellor escultor galego do s. XIX, Ignacio Cerviño Quinteiro. Veu a este mundo na denominada Casa do Casal, no lugar de Peroselo, na parroquia de Santa María de Aguasantas, como apuntamos, fillo de Antonio Cerviño Couceiro e de María Antonia Quinteiro Touriño. Isto supón que cando se fai a anterior doazón, Ignacio Cerviño xa levaba un ano nesta Casa de Peroselo. A partida de bautismo de Ignacio apunta: / ...En diez y seis días del mes de Junio año de mil ochocientos ttreinta y cuatro: Dentro de esta Paroquial Yglesia de Santa María de Aguas Santas Dn José Benito Senra Pro. (Presbítero) vecino y capellanista de la misma con licencia expresa de Dn José Antonio Fernández y Sueiro Cura Parroco de ellas Bautizó solemnemente y puso los santos oleos a un niño que nació el catorce de dho (dicho) mes a las cuatro de la tarde hijo de legítimo matrimonio de Antonio Cerviño y María Quinteiro oriundos y vecinos de esta Parroquia y Lugar de Peroselo: Nieto Paterno de Franco Francisco Cerviño difunto oriundo que ha sido de la parroquia de Santiago de Caroy y vecinos de esta parroquia y lugar de Peroselo y Casa do Casal: materno de Andrés Quinteiro y de Rosa Touriño, su muger oriundos y vecinos de esta parroquia y referido lugar de Peroselo: el cual puso el nombre de Ygnacio: fueron sus Padrinos Ygnacio Ribas y su muger María Manuela García vecinos de esta parroquia.../

Figuras esculpidas no interior da vivenda de Ignacio Cerviño. Arquivo do autor

A propietaria actual da vivenda, Dolores Fraguas, asegura que, fai tempo, as cornixas da casa estaban adobiadas por dúas esculturas de pedra, hoxe exentas de ámbalas dúas. Unha sería o Santiago a lombos do cabalo, e a outra un reloxo de sol no que cré lembrar representadas dúas figuras humanas de menos de medio corpo que se collen das mans, estando unha delas enriba da outra. Este reloxo caeu cando ía cumprir un século, segundo apuntamentos orais de Dolores. Un reloxo semellante atópase na igrexa parroquial do Hío, sendo modelado por Ignacio Cerviño no 1854. No interior da citada vivenda atópanse dúas pequenas figuras labradas na pedra. Pertencen ás efixies de santa María e Santiago, e mesmamente parecen estar esculpidas por un rapaz aprendiz. O 17 de marzo de 1891, Ignacio Cerviño, sendo veciño de Ponteareas, vende a Manuel García Lopo, oito fincas na parroquia de Aguasantas, con inclusión da denominada Casa do Casal. O documento dinos textualmente: / ... Casa conocida con el nombre de Antonio Cerviño, señalada con el número ocho...con inclusión de una aira y un pedacito de terreno á inculto en la que se halla enclavado un hórreo lindante al Norte camino de Calvelle.../. Esta venta tivo un valor de 1950 pesetas. O 11 de setembro do mesmo ano, o comprador deu en dote á súa filla Purificación García Moreira “la casa que adquirió de Ygnacio Cerviño sita en el lugar de Peroselo”.

Quen foi, pois, o mestre Cerviño?

Nove anos despois do nacemento de Ignacio Cerviño, veu a este mundo José Cerviño García, e fíxoo un 23 de maio de 1843, no lugar da Pena, na mesma parroquia e concello citados anteriormente. Esta persoa será coñecida como “Pepe da Pena” por nacer no mencionado lugar, e formarase profesionalmente como mestre canteiro e carpinteiro, coincidindo parte da súa vida laboral coa do veciño Ignacio Cerviño. Non sabemos cando, como, quen ou porque, mais a mención ao Mestre Cerviño foi adxudicada de xeito equívoco ao mestre canteiro José Cerviño. De inmediato moitas obras construídas polo mestre Cerviño (Ignacio Cerviño), foron inscritas indebidamente no legado de Pepe da Pena. Isto perdurou e séguese crendo hoxe en día que é algo certo. Mais investigacións máis recentes desbotan esta posibilidade, xa que Ignacio Cerviño aparece documentado no Hío en varios documentos que coinciden coa labra e a erección do Cruceiro do Hío, sen haber coñecemento de que o denominado como Pepe da Pena estivese nesta parroquia.

Retablo da Virxe das Dores, en Areas, en Ponteareas.

Retablo da Virxe das Dores, en Areas, en Ponteareas. Arquivo do autor

Algo semellante acontece no concello de Ponteareas onde, a día de hoxe, non está acreditada a presenza de José Cerviño García nese concello. Aínda así, o rueiro de Ponteareas ten unha rúa denominada “Cantero José Cerviño”.

Contrato asinado por Ignacio Cerviño do retablo da Virxe das Dores.

Contrato asinado por Ignacio Cerviño do retablo da Virxe das Dores. Arquivo do autor

Temos demostrado que Ignacio Cerviño viviu durante vinte anos en Ponteareas. Asemade, existe un contrato asinado entre o crego Francisco González, da parroquia de Santa María de Areas, en Ponteareas e o escultor Ignacio Cerviño Quinteiro que asina de puño e letra engadindo un cuño personalizado formado por debuxos de ferramentas típicas dun escultor (compás, escadra, etc.). Este contrato data do 14 de marzo de 1892 e nel trátase a construción en pedra dun retablo na honra da Virxe das Dores. Esta obra foi rematada no 1895, e o seu acabado é magnífico. Aínda así, co existente contrato de obra, o panel informativo que está a carón da igrexa de Areas, sinala que este retablo foi construído polo Mestre Cerviño, dando erroneamente este “título” ao canteiro José Cerviño. Porén, cremos que nós estamos preto da realidade. Seguimos coa teima de que o verdadeiro Mestre Cerviño foi Ignacio Cerviño Quinteiro, autor do Cruceiro do Hío. Seguimos batendo no ferro quente....

Fontes consultadas: Arquivo Diocesano de Tui, Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra.

(*) Veciño do Hío

Compartir el artículo

stats