A aldea de Meiro, no municipio de Bueu, celebra do 14 ao 16 de abril unha das súas actividades estrela: o XXIII Encontro- Degustación do Millo Corvo, organizado pola Asociación Cultural de Meiro e o Concello de Bueu. Este evento, nomeado Festa de Interese Turístico de Galicia, encherá a aldea bueuesa de degustacións, charlas divulgativas, obradoiros e actuacións musicais, co obxectivo de dar a coñecer este produto tan típico. A programación deuse a coñecer hoxe nun acto no que estiveron o alcalde de Bueu, Félix Juncal; a concelleira de Promoción Económica, Silvia Carballo; e representantes da Asociación Cultural de Meiro, coa súa presidenta, Victoria Martínez.

O venres 14 de abril arrancará o programa coa tradicional muiñada, que se celebrará ás 18 horas nos Muíños do Canudo, no que este ano participará o alumnado do IES Monte da Vila O Grove, e pola noite elaborarase e degustarase unha brebaxe especial. Xa o sábado, ás 11.30 horas, como vén sendo habitual, abrirase a Ecotaberna no recinto da Morada, onde haberá produtos elaborados con millo corvo, como pan, empanadas, ovos con chourizo, e sobremesas como pastas ou bica, ademais dunha cervexa artesá, que se estreou na edición pasada. Esa mañá ás 12 horas haberá unha charla de Julio Ignacio Iglesias, alcalde do municipio de Ares e na que tamén participarán Celsa Formoso e Rogelio Pérez, directivos da Asociación Amigos do Mosteiro de Santa Catalina de Montefaro.

A mestra cervexeira Marta Galán guiará a presentación e degustación da cervexa elaborada a partir de Millo Corvo e pecharase a mañá cunha actuación musical. Pola tarde, Xulia Bande fará unha presentación e degustación de viños de autora ás 17 horas, e a continuación desenvolverase un obradoiro con Aurora Calviño arredor dos alimentos fermentados e como elaborar a fermentación da col. A tarde completarase con xogos tradicionais da man da Asociación Amodiño; unha charla de Andrés Reboreda, membro da Asociación e Mai de ecoloxía circular, quen falará sobre a rexeneración de augas residuais con microorganismos do monte; e a actuación musical coa voz da recoñecida artista galega Uxía Senlle.

O domingo continuará a festa xa dende a mañá, ás 11 horas, cunha andaina pola zona a cargo de A Illa dos Ratos. A continuación desenvolverase unha das actividades máis salientables desta edición: o encontro e celebración das “Amas da Terra”, no que intervirán Lucía Freitas, cociñeira con Estrela Michelín, Marta Álvarez, gandeira e fundadora da Granxa Maruxa, Victoria Martínez, eco agricultora de Slow Food e promotora do Millo Corvo, e Xavier Castro, experto en Historia da Alimentación de Galicia, no que tamén se contará coa degustación dun petisco de cociña creativa elaborado con Millo Corvo a cargo de Lucía Freitas; e pechará a mañá a actuación de Tumba e Dalle.

Pola tarde haberá unha presentación do Ecomuseo Latente, unha charla da bióloga Sara González sobre o "Antropoceno e os cambios ambientais" das últimas décadas e a actuación infantil e familiar “C@nto contigo” con Paco Nogueiras, e a actuación das pandereteiras Cinco en Zocas. E para o público familiar, os dous días poderase aprender con diversos obradoiros demostrativos, entre os que destacan o posto de artesanía con madeira da Asociación Juan XXIII de Cangas, os xogos tradicionais con Amodiño, a artesanía en Follaco con Lino de Bon, artesanía con Alcacén de centeo, cestería e sombreiros con Carmen Recimil, ou a proxección do documental “Rexurdir do Millo Corvo. Testemuña dunha tradición”.

Na presentación de hoxe o alcalde destacou que esta festa é “unha fusión perfecta entre o pasado e o presente, na que se transmiten as tradicións e se revalorizan”, polo que “é un momento ideal para compartir experiencias entre as persoas, como se fai nas aldeas”. Pola súa banda, a edil de turismo destacou o “enorme traballo levado a cabo pola Asociación Cultural de Meiro tanto na festa como ao longo de todo o ano na recuperación do millo corvo”. E dende a asociación, Victoria Martínez salientou que “todos os anos buscamos que haxa novidades nas actividades, polo que a festa é tamén unha oportunidade para coñecer outras experiencias e proxectos relacionados sempre coa terra”.