Loita Amada trae a nova poesía galega a Bueu

O cantante de NAO, Jásper, únese a pandereteira bueuesa Nébeda Piñeiro

Pablo Carracedo “Jasper”, de Xenreira ou NAO, e a pandereteira bueuesa Nébeda Piñeiro.   | // LOITAAMADA

Pablo Carracedo “Jasper”, de Xenreira ou NAO, e a pandereteira bueuesa Nébeda Piñeiro. | // LOITAAMADA / David garcía

O novo proxecto musical de Jasper chámase Loita Amada e conta coa pandereteira de Bueu Nébeda Piñeiro. A xira de presentación do seu primeiro disco, “Viva a loita amada revolucionaria!”, comezou hai unhas semanas na sala Capitol de Santiago e este domingo desembarca no Aturuxo de Bueu.

Loita Amada é o novo proxecto musical de Pablo Carracedo “Jasper” despois de bandas como Xenreira ou NAO. Unha nova aventura na que se alía coa pandereteira de Bueu Nébeda Piñeiro e xuntos consiguen dar forma a unha nova poesía galega. Unha unión na que se combinan a forza e o carácter reivindicativo das letras de Jasper coa sensibilidade da pandereteira bueuesa. Esta nova proposta musical chega este domingo a Bueu despois da súa presentación hai unhas semanas na sala Capitol, en Santiago de Compostela. A actuación será na sala Aturuxo e as entradas xa están á venda a partir de 10 euros na plataforma wegow.com.

O primeiro disco de Loita Amada leva por título “Viva a loita amada revolucionaria!” e esta xira de presentación que agora chega a Bueu leva por nome “Amarás a loita sobre todas as cousas”. Trátase dun proxecto musical novidoso, que nace a partir da canción protesta galega e explora novos camiños, espazos e sonoridades. Así, o habitual compromiso e carga reivindicativa das letras de “Jasper” nesta ocasión van da man da pandeireta de Nébeda Piñeiro, que “rompe co rexistro tradicional para dotar de sentimento e fraxilidade un disco que emana forza por todos os poros”, tal como explican os músicos.

Este primeiro disco de Loita Armada mestura distintos estilos, desde a muiñeira, o vals ou a xota ata o rock máis potente. No concerto do domingo no Aturuxo sonarán os temas deste novo álbum, unhas cancións que son “cantos á liberdade, á esperanza e á resistencia”, mais tamén haberá espazo para homenaxes a outros referentes musicais como NAO, Fuxan os Ventos, Suso Vaamonde ou Banda Bassotti.

Pablo Carracedo “Jasper” e Nébeda Piñeiro non estarán sós enriba do escenario, senón que terán o acompañamento dunha potente banda integrada por Iván Barreiro á guitarra, Iria Iglesias ao teclado, Kinhos Saburido á percusión, Iván Bernárdez ao baixo, María Prado á tompeta e Xiana Naval ao trombón.

Suscríbete para seguir leyendo