Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Os toques das campás na igrexa de San Martiño de Moaña

Os catro templos históricos de Moaña conservan os toques de campá centenarios, declarados Patrimonio da Humanidade

Recreación da igrexa antes das reformas barrocas do século XVIII. Esquema do delineante, Xosé M. Glez. | ARQUIVO A CEPA

Na data do 30 de novembro do ano en curso, a Unesco declarou o toque manual de campás español, “Patrimonio da Humanidade”, o que representa un motivo máis para alegrarnos de que nas catro igrexas históricas do actual concello de Moaña aínda se conserven eses toques centenarios.

No caso da parroquia milenaria de San Martiño de Moaña, que foi a máis poboada da Xurisdición do Morrazo no século XVIII; aínda se pode dispoñer dun sancristán que respecta unha parte importante dos toques tradicionais nas dúas campás da igrexa parroquial; a pesar de que no ano 1964, de xeito totalmente ilegal, a segregada parroquia do Carme quedouse co 70 % dos veciños da matriz de San Martiño, deixando a esta co máis pequeno número de fregueses dos que se atopan no actual concello moañés.

Para coñecer a senlleira historia das campás moañesas, sinalar que os primeiros datos coñecidos arredor delas remóntanse a 1670; pois, nese ano a Confraría das Ánimas do Purgatorio descargou 100 reais para axudar a mercalas; isto pode lerse no libro parroquial desa confraría, gardado no arquivo diocesano de Santiago.

Como nunha acta da visita pastoral de 1757, salientábase que a espadana da igrexa estaba arruinada, é doado deducir que, antes de rematarse a construción do actual campanario en 1760, xa existía a devandita espadana que, polo rebaixe que se encontra no muro da fachada na súa cara interior, moi visible dende a tribuna do templo e pola pedra diferente no exterior, encontrábase no cumio dela.

Lugar que ocupou a antiga espadana no cumio da fachada, con pedra de cor diferente.   | MANUEL UXÍO.

Lugar que ocupou a antiga espadana no cumio da fachada, con pedra de cor diferente. | MANUEL UXÍO.

Dende alí, saían e espallábanse polas 29 aldeas moañesas os sons das campás, que regulaban a vida social da poboación, tanto na súa variante relixiosa como civil; pois, ata que se creou o actual concello, no século XIX, o abade era a máxima autoridade da freguesía.

O campanario, rematado en 1760, debeu acoller as campás da derrubada espadana, xa que, ata o 24 de febreiro de 1828 non se atopa o primeiro documento relacionado coa compra doutras novas; trátase do que fixo o escribán D. Juan Antonio Carrera, conservado no Arquivo Histórico de Pontevedra e refírese a un poder que lle dan máis de 115 cabezas de familia moañesas, encabezadas polo abade D. José Antonio Mouriño, o señor de Paxarín D. Pedro Benito Rubiños, o dono da casa de Baldomar D. José Antonio Jauregui, o crego D. Pedro Soage, o diácono D. Manuel Freire e o procurador xeral do partido Juan de Pazo, para formar unha comisión de catro homes co obxecto de poñerse en contacto cun mestre campaneiro; no documento cítase da maneira seguinte a súa representación:

Campá de son agudo.   | MANUEL UXÍO.

Campá de son agudo. | MANUEL UXÍO.

…que expresan ser la mayor y más sana parte de vecinos de esta Parroquia, en donde también lo son los relacionados que hacen por si, los que se hallan ausentes, enfermos e impedidos, por quienes se obligan y prestan la suficiente capción en forma; …

Isto significa que estivo toda a freguesía moañesa involucrada na compra, motivado polo que tamén se expresa no documento, do xeito seguinte:

Dijeron: Que siendo tan útil a todo el vecindario, que en la Iglesia parroquial haiga Campanas suficientes, con Voces que alcancen a los Ángulos de los Lugares distantes de ella, que algunos lo están cerca en una legua; sucede que las dos que actualmente subsisten en la Torre, carecían de aquella circunstancia, y además se hallan ambas rotas a efecto del tiempo, por cuya causal carecen los comparecientes y más pueblo del preciso auxilio de saber las Horas en que se celebra el Santo Sacrificio de la Misa y más Oficios Divinos; las señales de fuego y vital hechores para concurrir a ellos, según así esta prevenido por las Leyes Divinas y humanos; y a fin de salir de vivir estado tal, han conferenciado con acuerdo del presente Señor Párroco, el medio más conveniente de remediar lo referido, y efectivamente resolvieron, que bajándose en la torre las dos Campanas, se refundan nuevamente, añadiendo su dimensión y calibre, hasta aquello que los Apoderados que nombrarán consideren justo, para que de este modo se aumenten sus voces…

Parece que estas dilixencias tiveron pronto éxito, pois nun apuntamento do citado Libro de fábrica, correspondente a ese ano, indícase o seguinte:

Doscientos reales que dio la fábrica para ayuda de fundir de nuevo las dos campanas por estar ambas rotas, las que se fundieron en el mes de Mayo de este año mil ochocientos veintiocho y se subieron a la torre en treinta y uno de dicho mes; cuyas campanas han tenido de coste entre llevarlas a Corujo, traerlas, encofrarlas de nuevo y subirlas a la torre, 4.424 reales, por haberle añadido doce arrobas y media de metal nuevo.

Documéntanse, logo, queixas diante dos fundidores porque as campás non deran bo resultado, ata que no ano 1884, segundo está gravado na de son grave, os talleres Sanjurjo de Vigo, fundiron as que na actualidade prenden do campanario da igrexa. Nela tamén consta o nome do párroco que exercía ese ano: D. Manuel Iglesias Vázquez.

Os primeiros datos arredor das campás moañesas remóntanse a 1670

decoration

As sucesivas campás da igrexa de San Martiño encarreiraron á parroquia histórica de Moaña ata os anos 60 do século XX, repenicando nas festas, chamando á oración ao amencer, mediodía e cando se poñía o sol, convocando ao pobo para xuntanzas civís e relixiosas no adro baixo e no interior do templo, tocando a rebato nos incendios e dobrando nos tránsitos. Como foi sinalado, unha parte importante deles aínda se conservan e déronse a coñecer, na súa totalidade nunha publicación titulada “O linguaxe das campás da igrexa de San Martiño de Moaña”

Para poñer un exemplo sobre a enorme importancia que se lle daba as campás, sinalar que no ano 1827, trasladaron ás dúas da igrexa de San Xoán de Tirán ao antedito taller de Coruxo, co obxecto de fundilas para compoñer outras de maior tamaño; como os fregueses non se fiaban sobre a vixilancia realizada sobre o citado taller, apuntouse no seu libro de fábrica o seguinte:

Ítem al Comisionado que por parte de los vecinos presenció la fundición de dichas Campanas a fin de que fuesen del metal de las viejas, y que el aumento se arreglase a la calidad de aquel, por su ocupación, cuatro reales.

*Investigador local e Cronista Oficial de Moaña

Compartir el artículo

stats