A Concellería de Cultura de Bueu convoca unha nova edición dos Premios Johan Carballeira de poesía e xornalismo. O certame poético cumpre 26 anos e o xornalístico chega a súa vixésima edición. O prazo para presentar os traballos, que deben estar escritos en galego, remata o vindeiro 31 de xaneiro.

As persoas que desexen participar poderán entregar os textos en formato papel ou ben a través de medios dixitais. Os premios están dotados con 1.500 euros e no caso do certame poético inclúe a publicación do poemario a cargo de Edicións Xerais.

Os galardóns son unha homenaxe ao político, poeta e xornalista José Gómez de la Cueva, que foi alcalde da vila e que era máis coñecido polo seu pseudónimo literario Johan Carballeira.