Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

As vellas festas de San Bieito

O autor percorre as tradicións iniciais das festas de Domaio vencelladas ao vapor dende Vigo e a través das páxinas de FARO

A procesión nas festas de San Bieito do ano 2011. | // CARMEN GIMÉNEZ

O día 19 de xuño de 1875 unha traxedia marítima sobresaltaba os veciños de Domaio, a lancha “Viuda” que facía a ruta de Vigo-Domaio, volcou fronte A Guía debido ás fortes rachas de vento. Parte dos que viaxaban na embarcación quedaron atrapados na tilla e houbo que facer un boquete para salvar a algúns deles, entre os que estaba o abade da parroquia de Domaio. Faleceron 6 mulleres e 3 homes das máis de 20 persoas que viaxaban na embarcación. Vintedous días despois e xa pasadas as celebracións e fogueiras do patrón San Pedro e superado o loito, FARO de VIGO informaba de que a parroquia celebraba a súa festa máis querida, a romería de San Bieito.

Anunciábase que os abundantes romeiros da outra banda da ría poderían viaxar máis cómodos, rápidos e con precios económicos no vapor que facía as faenas no Porto de Vigo. Nos anos seguintes FARO de VIGO seguía informando da concurrida romería e calificaba o sitio da festa como agradable e pintoresco. No ano 1879 anunciábase con gracia que do Porto de Vigo saíu para Domaio unha mercadoría que non levaba factura e que nin os carabineiros de aduanas nin os encargados de cobrar os impostos lle puxeran pegas. Tratábase de dúas cestas de foguetes e un atado de madamas, que consistían nuns artefactos piroctécnicos que se acendían case sempre pola noite e xiraban con rápidas volteretas e atronador ruído final. Á crónica do Decano remataba:

¡Hay San Benito querido!/

me dá congoja y tristeza/

pensar como tu cabeza/

soportará tanto ruido.

En 1880 na véspera da festa FARO de VIGO publicaba na primera páxina uns curiosos telegramas, entre galego e castelán.

FARO de VIGO 1880-07-10 Páxina 1.

FARO de VIGO 1880-07-10 Páxina 1. Xesús Cancelas Franco*

O nome da empresa marítima era o de un coñecido armador republicano vigués o revés, anunciaba gran foliada e daba conta da fartura na comida (pasto). Na contestación, o armador entre outras cousas pedía reserva aceite, xogando co coñecido uso do aceite nos actos relixiosos para curar espullas e afeccións da pel, e ao mesmo tempo pedindo viño en abundancia. Con todo o máis interesante está ao remate do telegrama, onde dí: pide San Payo cargamento murrunchos. Referíase a un molusco bivalvo parecido ás ostras, que se extraía na desembocadura do río Verdugo e que se comía tradicionalmente no San Bieito. No ano seguinte continuouse anunciando as festas con loas das tranquilas augas da ría e das máis belas armonías da natureza no Val de Domaio.

O día seguinte da festa, había unha queixa importante:

Dicen que en San Bieito/

reuniuse onte moi pouco aceite/

compréndese/

subiu tres cuartos en cuartillo/

¿Cando se venderán os caldos por litro?

Neste ano de 1881 o San Bieito de Domaio competía co de Gondomar e o de Porriño (había poucos días que se podía ir en tren dende Vigo) polos romeiros da cidade e os seus votos. O atractivo de Domaio era viaxar en lanchas de vapor, uns anos no “Vigo” e outros no “María” que saían do molle de madeira ou do de pedra. Ademais tamén viñan moitos veciños de Teis e Chapela nas súas propias embarcacións a remo ou a vela.

Faro de Vigo 1881-07-09 Páxina 3.

Faro de Vigo 1881-07-09 Páxina 3.

O día da festa en 1884 anunciouse a romería en Vigo pola mañá coa Banda Municipal tocando unha diana, levaban un cartelón anunciador e repartían prospectos sinalando os horarios dos vapores que dende as oito da mañán trasladaban os romeiros. A viaxe custaba dous reais e unha banda de música tocaba no vapor durante o percorrido.

A Romería resultou moi animada e despois da misa houbo unha boa tirada de foguetes de aire e madamitas. Nesa época os asistentes á romería eran maioritariamente veciños de Domaio (contaba cunhas 1000 almas) que ese día estreaban traxe, e tamén veciños da outra banda da ría porque as comunicacións co resto de Moaña estaban en moi mal estado. Os productos que se consumían masivamente eran o viño e os morrunchos, o que conlevaba un risco como decía o cronista de FARO de VIGO en 1885: Como na romería cómense morrunchos, son de temer pola noite os casos sospeitosos.

As viaxes en vapor para a festa do San Bieito seguíronse facendo durante moitísimos anos e algúns costumes foron mudando, non así a inxesta de viño, pero o pasto vai máis por empanadas, polvo e sardiñas. Longa vida á Romería de San Bieito de Domaio.

Xesús Cancelas Franco.

Xesús Cancelas Franco.

*Directivo da Agrupación Cultural NÓS

Compartir el artículo

stats