Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Abrazar o drama

“Séntese esa vulnerabilidade que se coa todo o tempo por debaixo da máscara do histrionismo”, sinala a autora sobre a obra de Mónica Sueiro

Unha imaxe da representación de Histriónica! Estudio Prolight

Un monólogo sobre o amor polo teatro. A 39ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acolleu a estrea absoluta de Histriónica!, de Mónica Sueiro, unha peza coproducida pola mostra e que contou coa colaboración da área de Igualdade da Deputación de Pontevedra, dentro do programa Violencia Zero. A función desenvolveuse na sala de exposicións do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, nunha disposición que permitía a proximidade da actriz coas persoas asistentes, o que facilitou a interacción e a recepción.

Histriónica! é un monólogo creado e interpretado por Mónica Sueiro e codirixido por ela e Avelino González, que afonda na metateatralidade. A actriz xoga a seguir e a escapar do texto e a deixarse sorprender cando ve que, a pesar de crer que está a fuxir do guión, realmente está a seguilo; nunha metáfora da propia vida. Porén, ademais desa abordaxe metateatral que abrangue as diferentes áreas da creación escénica, a peza, que ten unha forte compoñente de autoficción, aborda cuestións como as múltiples cargas que teñen as creadoras e que lles impiden ou dificultan dedicarse á súa profesión; a multitarefa; a tiranía da idade...

Mónica Sueiro en plena representación de Histriónica! Estudio Prolight

A actriz constrúe a súa persoa escénica a partir de certa sobreactuación e histrionismo, en conexión co propio título da peza, tamén como unha crítica a aquelas persoas e circunstancias que dificultaron a súa evolución como artista, que a criticaron por ser unha histriónica e unha drama queen. E faino tamén como unha homenaxe á nena que foi, á súa propia traxectoria, máis tamén á súa capacidade para seguir adiante, crendo nela mesma, a pesar do fracaso, e á súa capacidade para rir de si mesma, expoñerse, abrazar o ridículo e o erro.

Mónica consegue conectar co público, a partir de ollalo aos ollos e de facelo cantar; de botar man do humor e do absurdo para conectarnos coa súa infancia, a través de numerosas anécdotas dramatizadas. É bonito ver esa Mónica nena que xa amaba o teatro, que quería ser actriz e bailarina e traballar no circo e voar; e como nos mete nos seus xogos, a partir de poucos elementos e moita imaxinación. Séntese esa vulnerabilidade que se coa todo o tempo por debaixo da máscara do histrionismo, a pesar de que esta non chegue a romper máis que por pequenos intres, aínda que se agarde que poida crebar por máis momentos e que a actriz realmente rompa co texto; e vese como a máscara tamén aparece como un xeito de protexerse.

Histriónica! é unha peza que anima de xeito directo a non perder nunca a ilusión, a crer nunha mesma e no propio gozo polo que se fai, e esa paixón e ese valor contáxianse ao patio de butacas, animándonos a loitar polo que queremos e a ser nós mesmas, histriónicas ou non.

Compartir el artículo

stats