Talento literario de Bueu concentrado

Dúas alumnas da vila gañan dous dos tres premios do certame de microrrelatos convocado pola RAG e PuntoGal

Antía Novas e Elena Pastoriza, onte na Biblioteca Torrente Ballester de Bueu.   | // SANTOS ÁLVAREZ

Antía Novas e Elena Pastoriza, onte na Biblioteca Torrente Ballester de Bueu. | // SANTOS ÁLVAREZ / David garcía

A Real Academia Galega (RAG) e Asociación PuntoGal convocaron este ano a quinta edición do seu concurso de microrrelatos nas categorías de adultos, xuvenil e infantil. Dos tres primeiros premios concedidos dous son de Bueu: Antía Novas Arribas, unha alumna de segundo de Bacharelato do IES Johan Carballeira, e Elena Pastoriza Cortizo, de cuarto de Primaria do CEIP Plurilingüe Montemogos de Beluso. En total presentáronse ao concurso máis de 900 textos, que non podían superar as 200 palabras de extensión. Todo un exercizo de imaxinación e brevidade.

Bueu está de noraboa. Ten dous novos talentos literarios, dúas mozas que veñen de gañar sendos primeiros premios no concurso de microrrelatos que convocan desde hai cinco anos a Real Academia Galega (RAG) e a Asociación Punto Gal. Antía Novas Arribas gañou na categoría xuvenil por “Sen”, mentras que Elena Pastoriza Cortizo gañou en infantil por “O gran baile”. As dúas recibiron con sorpresa e ledicia o recoñecemento dos xurados, que incluirán a publicación dos seus textos e un regalo que combina tecnoloxía e lectura.

O certame conta con tres categorías: adultos, xuvenil e infantil. O seu obxectivo é reforzar a presenza da lingua e da identidade propia no mundo dixital. Antía Novas e Elena Pastoriza demostraron o seu talento e a súa capacidade creativa para concentrar nunha cápsula literaria as súas historias. As bases estipulaban que os microrrelatos non podían superar as 200 palabras, co título incluído.

Na modalidade xuvenil concursaron 200 textos e entre as persoas integrantes do xurado estaba a académica, escritora e profesora Fina Casalderrey. O tribunal decidiu premiar un microrrelato de Antía Novas titulado “Sen”, unha historia que os propios xurados definen como “estremecedora” e que ten apenas 100 verbas. Espazo suficiente para dar conta dunha violación e de como a vítima quédase sen algo máis que a roupa: sen sentimentos, sen dignidade.... “É bastante breve, está escrita de forma contundente e sen rodeos: non hai posibilidade de darlle voltas”, explicaba onte a súa autora, estudante do IES Johan Carballeira e que nestes días está a preparar os exames de Avaliación do Bacharelato para o Acceso a Universidade (Abau).

O relato é ficticio, pero parte dun sentimento moi real: o medo dunha moza que camiña soa pola rúa de camiño a casa. “Escribino un día que voltaba do ximnasio. Eu camiñaba intranquila porque era de noite e non me sentía segura. Non me pasou nada, pero ao chegar a casa sentín a necesidade de escribilo”, contaba Antía Novas, que corroborou con outras amigas que ese sentimento era compartido por máis mozas.

Os membros dos xurados dos certames de microrrelatos co presidente da RAG, Víctor Freixanes, no centro.   | // RAG

Os membros dos xurados dos certames de microrrelatos co presidente da RAG, Víctor Freixanes, no centro. | // RAG / David garcía

O seu microrrelato está estruturado en forma de conversa telefónica, na que o lector só coñece as respostas da vítima da violación e través das cales intúe as preguntas que lle fai a outra persoa. Unha delas parece evidente que se trata da tópica “que levaba posto?”. “Sempre se xulga que levaba posto a vítima, se andaba buscando ou provocando. Trátase dunha forma de facer reflexionar e facer entender que o que leva posto unha persoa non ten nada que ver, ás veces levamos postas máis cousas das que se miran e que nos quitan de forma totalmente inxusta”, manifesta a alumna do IES Johan Carballeira.

Esta é a segunda vez que a moza de Bueu participa neste certame de microrrelatos e a concesión do premio foi unha agradable sorpresa. “Non me comentaron que foi o que valorou o xurado, pero entendo que o sentimento que eu tiña transmitiuse da forma que eu quería. Sobre todo no final, que penso que é inesperado”, di Antía Novas. Agora xa somentes pensa na Abau e en acadar a nota suficiente para estudar algunha carreira da rama de Biociencias.

A gañadora da categoría infantil tamén é unha moza de Bueu. Neste caso é unha alumna de 10 anos do CEIP Montemogos, Elena Pastoriza Cortizo. Desde a organización destacan que o seu microrrelato foi o máis breve de todos os gañadores: só 16 palabras. “Escribino en clase da profesora Carmen. Dixonos que tiñamos que escribir un relato aberto, así que eu escribín unha historia sen principio nin final”, contaba onte desde Beluso.

Antía Novas e Elena Pastoriza posan xuntas, onte pola tarde, diante da Biblioteca Torrente Ballester de Bueu.

Antía Novas e Elena Pastoriza posan xuntas, onte pola tarde, diante da Biblioteca Torrente Ballester de Bueu. / SANTOS ALVAREZ

O título do seu microrrelato é “O gran baile” e Elena Pastoriza conta que a idea viulle a cabeza despois de ler un libro na biblioteca do colexio. “É unha historia sobre dous alieníxenas ou sobre a aliñación de planetas”, explicaba a moza, que estuda cuarto de Primaria. Tamén afirma que este premio “é toda unha sorpresa, aínda non mo creo”. Unha sorpresa tanto para ela como para a súa familia, que non sabía que a nena participara no concurso a través do colexio. “Estamos moi contentos porque sempre fomentamos a lectura en galego”, contaba onte a súa nai.

Os relatos serán publicados na web relatos.gal e na revista Luzes. O xurado escolleu tres gañadores por categoría e ademais tamén elexiu a unha serie de finalistas por categoría. Aquí tamén hai representación da comarca do Morrazo. Neste caso con Alía Álvarez Puime, unha alumna de sexto de Primaria do colexio de A Rúa (Cangas), que presentou un microrrelato titulado “Ela”.

A entrega de premios será proximamente na sede da RAG. Elena Pastoriza Cortizo recibirá un Lego Boost e un lote de libros infantís, mentras que Antía Novas terá unha Nintendo Switch, un lote de libros xuvenís e un dominio gratuíto .gal durante un ano.

Suscríbete para seguir leyendo