Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Arde Massó, si. Mais quen lle planta lume?

“Pita Massó”, a expresión que hai máis de trinta anos convocaba a centos de mulleres para ir traballar a fábrica, transformouse, nun desacougante “Arde Massó”! transmitido boca a boca, o pasado xoves 14 de abril de 2022 contra as dez da noite.

Por que ese repetido intento de queimar a fábrica de conservas Massó, patrimonio arqueolóxico que forma parte da memoria estética e social de Cangas? Por que esa desidia, ano tras ano, na súa conservación? Un total abandono que mereceu entrar na lista vermella da Asociación Hispana Nostra.

Para intentar resolver estas preguntas, tres vellos amigos cangueses, entusiastas lectores de Domingo Villar, visitaron ao inspector Leo Caldas, amigo do pai dun deles. Pois aínda que non se trataba de investigar un crime, tiñan a certeza de que ao inspector ía interesarlle o tema pola amizade coa familia e sobre todo polo arrevesado do tema.

O primeiro que fixeron, a petición do inspector, foi tentar contextualizar a historia dun xeito breve pois non era cousa doada desenguedellar o asunto que levaba moitos anos coleando e no que algúns flocos aínda están en litixio no Tribunal Supremo.

Aconteceu, comentáronlle a Leo Caldas, que ao redor de 2004 unha empresa denominada CRMA (Complexo Residencial Marina Atlántica) quixo especular cos bens deixados por Massó: 20 hectáreas de terreo cun quilómetro de litoral en O Salgueirón. O proxecto inmobiliario, coa participación de Caixanova, incluía unha urbanización de 700 vivendas con vistas á ría e un porto deportivo con 400 amarres. Coa guinda, como reclamo internacional, do afamado arquitecto Norman Foster.

Unha burbulla inmobiliaria en terreos de dominio público que coincide coa crise bancaria, a fusión de Caixanova e Caixa Galicia en Nova Galicia Banco que máis tarde, despois de inxeccións de moitos millóns do Estado, mercou Banesco, un banco venezolano que hoxe, aquí e agora, ven sendo Abanca.

Entrementres protestas e manifestacións da veciñanza canguesa e da Confraría de Pescadores baixo o lema “Cangas non se vende”; a decisión da Autoridade Portuaria de Vigo anulando a concesión do porto deportivo; intervencións da Garda Civil; a Xunta de Goberno do Concello decide a instalación dunha sinal de dirección prohibida en camiño para peóns polo que non poden transitar os camións da empresa construtora. Ao fin, esta decide retirar a maquinaria e os traballadores en decembro de 2009.

Isto foi a grandes trazos o que lle narraron ao inspector, rematando a información coas últimas noticias e comentarios de prensa: que o lume do día 14 de abril de 2022 declarouse nunha zoa da fábrica na que se gardaban vehículos e outros materiais do Concello que permanecían alí desde había moitos anos; que tanto a policía local como a garda civil aseguraban que, a pesar de estar ben pechada a fábrica, entraba xente...E que xa houbera outros conatos de incendio e que, segundo algunhas fontes consultadas o lume, case con toda probabilidade, fora intencionado...

Leo Caldas, escoitou con atención e mesmo foi tomando algunhas notas mentres eles falaban.

Ao remate e coma nun soliloquio, foi dicindo:

- Quen pode ter tanto empeño e reincidir en prenderlle lume á fábrica? Un pirómano? É posible mais... por que precisamente neste lugar?

- Un simple ladrón que procura chatarra para vender despois? E nesta hipótese, porque prende lume podendo pasar desapercibido sen facelo?

- Se houbo varios intentos, non será que o se pretende é que a fábrica se derrube, perda todo o seu valor patrimonial e se poida logo construír de novo sen ataduras?

Os tres amigos entenderon que o inspector comezaba deste xeito a súa indagación, agradecéronlle o seu interese polo tema e antes de despedirse agasallárono co libro “Salgheiron” do xornalista Primitivo Carbajo.

Caldas prometeu lelo e díxolles que xa os avisaría cando tivese algunha pista segura. En calquera caso, comentou, que dadas as circunstancias era moi conveniente procurar un saída intelixente e beneficiosa para o ben común entre a Autoridade Portuaria, o Concello e Abanca.

(*) Veciño do Morrazo

Compartir el artículo

stats