Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Víctor Gómez Guitarra e produtor de La Quinkillada

“O disco é un canto para voltar a xuntarse e pasalo ben coa música”

A formación de La Quinkillada que se subirá hoxe ao escenario do Aturuxo.

La Quinkillada é un novo proxecto musical formado durante a pandemia e no que conflúen unha serie de músicos que xa pasaron por outras bandas da comarca do Morrazo. O seu primeiro disco “Gozar, sentir, bailar” está á venda desde onte e hoxe comezan a súa xira de presentación. Unha serie de concertos que só podía arrincar na sala Aturuxo de Bueu, hoxe ás 21.00 horas e coas entradas xa esgotadas.

–A banda formouse ou empezou a cobrar forma despois do duro confinamento do ano 2020. Como foi ese proceso?

O COVID freou repentinamente a actividade das nosas bandas. Unha delas era o formato acústico do grupo de punk Satxa, de onde procedemos a maioría e que se pode considerar o xermen de La Quinkillada. A formación comezou por medio de videochamada e así foi como se daría forma aos primeiros temas deste proxecto. Co tempo e adaptación ás novas medidas e realidades a formación foi mudando ata o que hoxe somos, con músicos que pasaron por bandas coma Ludovaina, Malas Pulgas, The Skarnivals, entre outras bandas do Morrazo.

–O título para este primeiro disco é imposible que sexa máis acaído: “Gozar, sentir, bailar”… Precisamente todo o que a pandemia nos impediu durante demasiado tempo.

O título é parte da letra do primeiro sinxelo, “Festival”, que non deixa de ser un canto a voltar a xuntarse e pasalo ben coa música, sexa cal sexa o teu estilo.

–Onde gravaron o álbum e como foi ese proceso?

A produción do álbum correu totalmente a conta miña, que tamén son guitarrista da banda. Ata a pandemia traballei na produción musical e como técnico de son, principalmente no VigoSónico, servizo do Concello de Vigo. Foi un proceso creativo moi longo debido as dificultades para xuntarse polas restriccións, pero finalmente moi satisfatorio pese a non contar con axeitadas instalacións e a ter que traballar na casa.

–Como son as dez cancións que integran este primeiro traballo?

–O disco presenta dez temas que van desde a verbena ao festival, literalmente abrindo e pechando o disco. En canto ao musical predominan os ritmos latinos e bailables, centrándonos na cumbia e a rumba, pero con lixeiros ápices de electrónica, funk, rock e incluso reguetón. En canto as letras, pese ao contido social ao que estamos acostumados compoñer nos proxectos anteriores, desta volta centrámonos máis nos estados de ánimo e situacións máis persoais e intensas, tentando facilitar sentirse parte a quen escoite.

–E a instrumentación?

O son do grupo caracterízase sobretodo polo acordeón tocado por Jesús, quen ademais fai pequenas percusións. A melodía foi reforzada coa última incorporación, Rocío, encargada do saxo. Nas guitarras repartimos entre acústicas da man de Daniel e eléctricas por parte miña. Na base rítmica atopamos a Yago co baixo e a Rodri coas baterías e percusións. O tema das voces está repartido entre Rubén, Daniel e eu mesmo, moi ben reforzados polos coros de Rocío e Jesús. En canto ao disco cabe destacar as colaboracións de Fino, quen foi membro fundador nos teclados, Rubén das recoñecidas bandas Skalariak ou Vendetta á trompeta e Noelia e Laura a cargo da voz e recitar respectivamente no tema “Viva e libre”.

–Despois do proceso de gravación chega o momento da presentación ao público, o que realmente vai permitir iso de gozar, sentir e bailar. Cales son as sensacións coas que afrontan esta xira?

–As sensacións son de nervos e orgullo ao tempo. Moito traballo vai verse reflectido nos directos e chega o momento de recibir a acollida real do proxecto. O principal motivo de comezar agora loxicamente foi a situación sanitaria que afectou sobretodo as salas, pero por outra banda tamén o saír cun espectáculo ben pulido serán cimentos de algo que esperamos sexa moi duro pero bonito.

–O lugar elexido para arrancar é a sala Aturuxo, en Bueu. Por que escolleron esta afamada sala da comarca do Morrazo?

Decidimos comezar tocando as primeiras datas en salas, unhas das grandes afectadas desta pandemia, as cales toca revitalizar e lles agradecemos que nos abran as portas. E como non podía ser doutro xeito escollemos o Aturuxo por ser a casa dos nosos anteriores proxectos durante moitísimos anos. Non poderíamos presentar noutro lugar!

–Que lles transmite a xente despois de escoitar eses primeiros tres adiantos ou singles que xa publicaron nas redes sociais?

As sensacións non poden ser mellores, parece que funciona entre todo tipo de público e idades, agradecemos todas as palabras que nos chegan, as veces dende lugares moi lonxanos. Moito aprezo e agarimo da xente en moi pouco tempo, non podemos pedir máis!

–La Quinkillada terá máis percorrido despois deste primeiro disco ou de momento só pensan precisamente en gozar, sentir e bailar…?

Non imos negar que os primeiros que o queremos pasar ben coa nosa música somos nós. Pero non cabe opción a durmirse, xa estamos a traballar en moitos outros temas que sairán nun futuro, colaboracións e diferentes formas de ir medrando. Desfrutando de este bo momento, no que é hora de recoller o que se sementou durante moitos meses, pero sen deixar de pensar no futuro.

Compartir el artículo

stats