Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un Ulises galego e convertido en emigrante

Unha escena da montaxe da obra de teatro, co actor moañés Fran Paredes como Ulises. | // CDG

O teatro retorna este fin de semana ao Auditorio de Cangas coa obra “O charco de Ulises”, unha versión libre da “Odisea” de Homero e adaptada a nosa terra. Un Ulises galego que busca, ou non, a súa particular Ítaca por cada porto e ría de Galicia

Ulises cambia o grego polo galego e deixa o Mediterráneo polo Atlántico. Este é un Ulises emigrante, que percorre cada porto galego en busca da súa Ítaca. O Centro Dramático Galego presenta esta fin de semana en Cangas a súa nova produción, “O charco de Ulises”, unha versión dun texto de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre que a súa é unha adaptación libre da “Odisea” de Homero. Un Ulises convertido en emigrante, que vai de illa en illa porque nunca da chegado o momento de retornar.

A función será no Auditorio de Cangas, a partir das 20.00 horas, e a dirección corresponde a Marián Bañobre e Santiago Cortegoso. O papel de Ulises correspondelle ao actor moañés Fran Paredes e no elenco está tamén a actriz canguesa Mónica Camaño, que da vida a Helena. A historia de Ulises convírtese aquí nunha reflexión da emigración galega e sobre as fronteiras. “É algo pertinente nun contexto no que as restricións de mobilidade derivadas da pandemia construén fronteiras novas, que impiden saír e entrar de parroquias, cidades, comarcas e países”, di o director do Centro Dramático Galego (CDG), Fran Núñez.

O Ulises deste “charco” é un emigrante galego, que vai dunha illa a outra porque nunca da chegado o momento de voltar. “Como moitos emigrantes o medo a non regresar ao seu lugar de orixe é tan grande como o medo ao retorno”, engade Núñez. E iso é porque navegar cara o descoñecido da medo, pero aínda asusta máis “que chegue o día do regreso e non recoñecer aquilo que un día foi a túa casa ou que esta non te recoñeza a ti”, suliña o director do CDG. Esta adaptación da “Odisea” parte dun clásico grego, pero tamén constitúe un pasado moi próximo para moitos galegos e desgrazadamente é o presente de moitas persoas nestes intres.

As entradas para a representación de “O charco de Ulises” están dispoñibles a través da web de ataquilla.com e poden mercarse na billeteira do propio Auditorio o mesmo sábado dúas horas antes do espectáculo ao prezo de 8 euros.

Compartir el artículo

stats