Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Mostra de Teatro
Fran Núñez Director do Centro Dramático Galego

“Temos o deber de construír o futuro pero sen esquecer o noso pasado teatral”

Un momento da representación de “Entremés famoso sobre a pesca do Río Miño”. | // CDG

A convivencia entre Galicia e Portugal foi o xerme que levou a Gabriel Feixóo de Araúxo a escribir a primeira obra teatral en galego. Trescentos cincuenta anos despois, o Centro Dramático Galego e a Compañía de Teatro de Braga únense para recuperar o texto e render homenaxe aos inicios da dramaturxia. “Entremés famoso sobre a pesca do río Miño” estréase esta noite [22.30 horas] no Auditorio de Cangas poñendo fin á 38ª edición da Mostra de Teatro. Fran Núñez, director da representación e do Centro Dramático Galego, reflexiona sobre a importancia de rescatar esta obra.

–Este espectáculo baséase nun texto orixinal de 1671. Como se mantén a súa universalidade?

–É o 350 aniversario desta obra fundacional da dramaturxia galega. Trátase dun texto escrito en lingua galega que fala de nós, da relación da pesca do Miño cos nosos veciños portugueses. As temáticas que se empregan son universais e mantéñense hoxe porque falan das fronteiras, da loita polos recursos e da loita de clases. Non tanto do concepto senón da marca diferencial entre labregos e fidalgos. Os recursos son os que, aínda na sociedade actual, marcan realmente as fronteiras e as divisións.

–A única vez que se levou ao escenario este entremés foi en 1973. Hai sinerxias entre ambas montaxes?

–Tivemos a sorte de ter a complicidade de Manuel Lorenzo e de xente que estivo no elenco orixinal fai 50 anos. Hai moitos guiños ao espectáculo de 1973. Agora é a primeira vez que se monta como compañía profesional. En escena transformamos un conflito entre galegos e portugueses nun encontro e nunha festa para celebrar que, 350 anos despois, o río segue a correr.

–Nesta ocasión participan o Centro Dramático Galego e a Compañía de Teatro de Braga. Cales son as vantaxes deste traballo conxunto?

–Ten as vantaxes de manter liñas de colaboración histórica no teatro galego con Portugal.Para nós é un orgullo que eles, ao estaren convidados ao Festival de Almagro, escolleran que a dirección da obra correse a cargo do Centro Dramático Galego. Isto mostra o aprecio e as boas relacións entre as compañías do norte de Portugal e de Galicia.

Escenografía da obra "Entremés famoso sobre a pesca do río Miño". CDG.

–Como é a convivencia da lingua galega e da portuguesa nesta obra?

–É un galego portugués de fai 350 anos que nós falamos co noso acento galego de hoxe e eles co seu acento portugués actual. Temos a sorte de que no espectáculo hai xente de Brasil, Mozambique, Angola... É fermosísimo ver como o mesmo texto está falado en diferentes galegos.

-Un elenco moi variado. Que máis pode contar sobre el?

–É un reparto que vai desde os 20 ata os 60 anos. É fermosa esa amplitude. Foi un luxo como director contar cun elenco así, moi variado a nivel de perfís e de experiencias. Sempre é unha fonte de aprendizaxe moi enriquecedora.

–Que se atopará o público?

–Nas funcións que tivemos, a experiencia do público foi moi boa e divertida porque é unha comedia con música e danza. O texto orixinal é un entremés e o que fixemos foi buscar ese espírito do entremés a día de hoxe.

–Que valoración fai da importancia desta función como director do Centro Dramático Galego?

–Rescatar este texto no Centro Dramático era unha obriga. Temos un deber de construír o futuro pero sen esquecer e valorizar o noso pasado teatral, o noso patrimionio. Como director do Centro só podo valorar isto de xeito positivo.

–Que supón pechar a Mostra con esta obra?

–É moi simbólico que o Centro Dramático Galego peche unha das mostras máis importantes do noso país co texto fundacional da nosa dramaturxia. Ademais, conmemóranse os 25 anos de Teatragal e da coprodución que fixera, desde Cangas, Teatro de Ningures co Centro Dramático de Viana. Estamos nunhas datas moi redondas que propician un evento fermoso no que a xente vai gozar moito do espectáculo. Celebramos que os veciños seguimos a convivir xuntos.

Compartir el artículo

stats