Con catro representantes entre os 14 finalistas, o colexio Compañía de María de Cangas acadou o premio no IV Certame Comarcal de Regueifas ou poesía improvisada convocado para o alumnado de 2º da ESO do Morrazo, e que se celebrou onte no Auditorio de Cangas retomando unha iniciativa interrompida os dous últimos anos pola pandemia da COVID-19. Nesta edición participaron oito centros o e gañador levouse o roscón que supón o premio.

Os condutores do certame, xunto os concelleiros e as alumnas do Cª de María. | // G.N.

Aínda que o colexio Compañía de María gañou o certame, o xurado, formado por Daniel Costas (poeta, Moaña) , Sara Malvido (Banda Tromentelo, Cangas) e Nébeda Piñeiro (pandeireteira, Bueu), seleccionou catro participantes gañadores: Noa Caride (CPR Eduardo Pondal), Pedro Juncal (IES A Paralaia), Héctor Pastoriza (IES Monte Carrasco) e Andrea Guimeráns (CPR Sagrada Familia de Aldán).

Os alumnos tiñan que facer unha cuarteta de presentación, outra na que introducían dous palabras que se lles deron no momento e que tiñan que rimar, e outra cuarteta cun pé forzado que tamén coñeceron no momento.

O certame estivo dirixido polos regueifeiros Luís O Caruncho e Pinto d´Herbón, e contou coa presenza institucional dos concelleiros Aldán Santamarina (Moaña) e Adrián Pena (Cangas).

Algunhas das coplas máis enxeñosas facían alusión ao cambio de hora (Ás veces un cambio de tempo / Non me gusta nada / Ou o único que teño que facer / E quedarme máis na cama), o volcán da Palma (Lava do volcán da Palma / Alí hai moita destrución / Algo peor que o calor / É que non hai salvación) o sobre a natureza (Hai quen lle gusta a cidade / É mellor a natureza / Que mal gusto ten a xente / Isto é unha beleza).

Este certame chegou precedido dunha serie de obradoiros organizados pola Deputación de Pontevedra que tiveron lugar durante o mes de outubro en cada centro de ensino. Os obradoiros estaban dirixidos, preferentemente, a alumnado de 2º ESO e foron impartidos polos regueifeiros Pinto d’Herbón e Bieito Lobariñas.