Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Unha vacina contra a intolerancia

Actuación de “Música Miúda” no Centro Social do Mar. FDV

Nun formato máis reducido e combinando a participación presencial coa virtual. Así se desenvolveu a edición 2021 do Correlingua do Morrazo, que tivo como sede Bueu. Uns 150 alumnos do CEIP A Pedra acudiron ó acto no Centro Social do Mar e máis de 600 o seguiron a través de streaming.

“Fronte a vergoña, a intolerancia, a ignorancia e o rexeitamento”, o galego coma lingua. Esa foi a reivindicación que onte se fixo no Centro Social do Mar de Bueu con motivo da celebración do Correlingua 2021 do Morrazo, unha iniciativa en defensa do idioma que nesta edición tivo que adaptarse a un formato máis reducido por motivo da pandemia da Covid-19.

Case 150 alumnos presencialmente e más de 600 de xeito virtual participaron no Correlingua 2021

decoration

Deste xeito, preto de 150 alumnos do CEIP A Pedra de Bueu foron os afortunados que puideron asistir en directo a un espectáculo que tivo unha audiencia real moito maior, toda vez que foi retransmitido por streaming a través de Youtube para ser seguido virtualmente por máis de 600 estudantes de outros centros do Morrazo e mesmo de Arbo. Entre os colexios que non se perderon o Correlingua 2021 estiveron os CEIP de A Rúa e O Hío de Cangas, o CEIP A Seara de Moaña, o CEIP Montemogos de Beluso (Bueu) e o CEIP Carballal de Marín.

Alumnos do CEIP Montemogos vendo por streaming o acto do Correlingua. FDV

O artista Fran Rei foi o encargado de conducir o evento nun ano no que o lema elixido foi o de “Inmunízate co galego”. Maxia e un concerto final a cargo de Música Miúda adornaron un acto reivindicativo da lingua galega cun eixo central, que foi a lectura do manifesto en defensa da lingua galega elaborado polo IES Muralla Romana de Lugo. Nel se apostou por o idioma propio fronte as linguas maioritarias, á cultura dominante, os prexuízos lingüísticos e mesmo a exclusión social, instando a todos a vacinarse “fronte á vergoña, a intolerancia, a ignorancia e o rexeitamento”. Asimesmo se apelou á responsabilidade individual de cada un para facer unha defensa da lingua galega.

Ao remate do acto, o concelleiro de Normalización Lingüística de Bueu, Agustín Gallego, subliñou a importancia de actos deste tipo “para que a rapazada coñeza dende as idades temperás a realidade do galego e fomentar o seu uso”, nun momento de perda de falantes.

O Correlingua é un proxecto de sensibilización sobre a lingua galega para a infancia e a mocidade, que organiza A Mesa pola Normalización Lingüística, a CIG Ensino e a Asociación Sociopedagóxica Galega coa axuda doutras institucións.

Compartir el artículo

stats