A 16ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego acolleu na edición deste 2021 como actividade paralela a exposición ONS SOA. Comisariada pola arqueóloga e etnógrafa Paula Ballesteros-Arias a partir do seu traballo de campo na Illa de Ons, a exposición mostra unha selección de imaxes e sons que proceden da súa investigación no Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC entre 2009 e 2013 xunto con materiais propios que foi recompilando dende finais dos 80 ata o 2016. Un achegamento á vida cotiá a través das pegadas dun pasado que nos remonta á prehistoria e das testemuñas das persoas que residen na illa no momento da investigación. A exposición, como un relato autoetnográfico, resume as inquedanzas e impresións da antropóloga sobre o patrimonio cultural de Ons, unha mostra práctica -e sensorial- de antropoloxía visual. A exposición estará do 4 de agosto ao 15 de setembro de 2021 no Centro de visitantes da illa de Ons.

Fotografía dun carro en Ons. Paula Ballesteros

 O discurso narrativo colle forma de viaxe de ida e volta a través das imaxes e das paisaxes sonoras. A mostra ONS SOA está formada por 18 fotografías e outros documentos audiovisuais. As imaxes representan historias de vida, historias dunha comunidade que modelou a propia illa e conviviu con esas pedras desde o respecto, dotando dunha enorme simboloxía aos espazos, con numerosos mitos e lendas asociados a elas.

"Trato de plasmar a diversidade dun territorio aillado, relativamente pequeno, cheo de contrastes"

Paula Ballesteros - Arqueóloga e comisaria da exposición "Ons Soa"

 “Trato de plasmar a diversidade dun territorio illado, relativamente pequeno, onde os contrastes son unha parte esencial que marcan a súa singularidade, partindo do que vemos, do espazo físico onde as súas vertentes leste e oeste están claramente diferenciadas. Cara ao mar aberto do Atlántico ten unha costa abrupta e recortada con pequenas enseadas de coídos, cantís e covas mariñas. Porén, cara á ría, os areais ocupan unha parte moi importante do espazo, e onde atopamos a paisaxe agraria e os pequenos núcleos de poboación, onde acontece a vida social e o achegamento ao continente. Esa dualidade tan marcada entre a paisaxe salvaxe e a máis doméstica é o inicio do percorrido da exposición”, explica a comisaria.

Gamela na illa. Paula Ballesteros

 A illa de Ons (Bueu, Pontevedra) pertence ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia dende o 2002 xunto cos arquipélagos de Cíes, Sálvora e Cortegada. É o único que aínda está habitado. Paula Ballesteros comezou a idear este traballo no verán de 2006, cando nun paseo pola praia de Canexol recoñeceu algo no cantil que lle fixo pensar en que alí houbera unha manufactura de salgadura de peixe da época romana. Nese momento inicia un traballo que describe no artigo ′Historia dunha investigación na illa de Ons′, que veu a luz no número 104 da publicación A Trabe de Ouro, en 2015. Unha investigación de varios anos publicada polo CSIC no volume ′Ons: unha illa habitada′ que se pode descargar de forma gratuita a través de iBook de Apple Store. http://bit.ly/QI2rXx.