Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Festival Intercéltico do Morrazo
Xisco Feijoó Cantante e bailador

“Estamos en expansión e a fusión está sendo sen vergonzas”

Xisco Feijóo, que actúa hoxe no Intercéltico. Cedida.

A relación de Xisco Feijoó coa música tradicional vén de lonxe. Leva máis de trinta anos vinculado ao baile e canto tradicional, tamén como mestre da ETRAD. Agora, o vigués acaba de publicar o seu primeiro disco, “Peixe”, que mestura tradición e modernidade. Xisco Feijoó subirase hoxe [22.30 horas] ao escenario do Intercéltico, prometendo deixar pegada.

–Cando empezou a súa vinculación co mundo tradicional?

–Proveño dunha familia que usou sempre a música tradicional, nas festas familiares cantábase toda a tarde despois do xantar, e toda a noite ata altas horas da madrugada. Aí comezou toda unha dirección cara a música e o baile tradicional.

–Como naceu a idea de publicar “Peixe”?

–Levo máis de 30 anos recuperando música tradicional. Colaborei con grupos poñendo algún tema, coido que tocaba facer xa un traballo persoal co material que tiña e desde a miña interpretación.

–O primeiro videoclip tivo moi boa acollida. Que quería reivindicar con el?

–“Peixe” pretende amosar como podes estar errado da primeira imaxe que tes dunha persoa. A portada é unha peceira coa auga fóra, todo o que está dentro da peceira é o que as persoas poñemos en común para intentar combinar. As características que nos diferencian son as que nos unirían. Esas cousas especiais que temos cada un e que, moitas veces, non deixamos mostrar por cuestións sociais, políticas ou relixiosas. O peixe debería nadar sempre fóra da peceira e mostrar todas esas características con orgullo.

–Cales son as temáticas das composicións?

–Son case todas temáticas persoais, por iso é “Peixe”. Desde desamor ata ledicia, pasando por agardar algo que a vida non che está dando. Tamén fala da ansiedade de chegar correndo a un punto final, a morte. Hai que ir máis devagar e gozar.

Imaxe promocional do disco "Peixe" Cedida.

–Inclúe versos antigos pero tamén os recrea. Como foi o proceso?

–As cantigas antigas tiñan identidade por si mesmas, en catro versos empezaban e pechaban o tema. Intentei coller unha cantiga, modificala e compoñer coa mesma linguaxe antiga, porque é onde está o transfondo do galego de antes. Intenteino facer co corazón e coido que o conseguín.

–Está presente a súa vinculación co baile tradicional no disco?

–Por suposto. A versatilidade sempre está presente en todo. Unha persoa que tocaba a gaita tamén sabía bailar e, se cadra, cantaba. É algo que nos produce unha conexión entre toda a música tradicional e incluso, co xeito de vida tradicional. O baile sempre estivo presente e tamén para a montaxe dos meus temas . Aínda que é certo que teñen certa contemporaneidade, practicamente todas as cancións son bailables.

–Con “Peixe” está contribuíndo á situación actual da música galega. Como a define?

–Cústame moito definila. Sei como é agora mesmo valorar a música galega fóra. Somos punta de lanza, reclamados desde todos os puntos da Península e desde o estranxeiro. Quizais estea máis valorada fóra que aquí, pero iso non pasa só coa música, senón tamén co baile. Estamos en expansión e a fusión está sendo sen vergonzas.

–Agora subirase ao escenario do Intercéltico. Que supón?

–É un regalo, o Intercéltico sempre estivo presente nas nosas vidas musicais, cunha gran organización. É un regalo poder amosar o disco nun escenario así, fronte a cidade onde nacín, Vigo.

–Como será a actuación?

–Agardo que sexa interactiva e que, dentro das normas, o público poida participar e sentirse dentro deste pequeno espectáculo. Estarei cunha banda de nove músicos e tamén haberá sorpresas.

Compartir el artículo

stats