Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Festival Intercéltico do Morrazo
Xosé Lois Romero Músico e compositor

“A música galega ten unha gran capacidade de resistencia ”

Xosé Lois Romero, o primeiro á esquerda, xunto ás integrantes de Aliboria durante un concerto anterior. | // DAVID RAMOS CASTELLANO

A necesidade de incluír elementos de vangarda na música galega, máis concretamente na percusión, foi o xerme do proxecto conxunto entre o compositor Xosé Lois Romero e as voces femininas de Aliboria. A súa primeira colaboración foi en 2017, agora veñen de acadar o éxito con “Latexo”, o seu segundo disco. A proposta, recoñecida internacionalmente, chega mañá [22.30 horas] a Moaña, para inaugurar o escenario do Festival Intercéltico do Morrazo. Tamén se poderá seguir por streaming.

Xosé Lois Romero, nado en Oleiros, conta cunha gran experiencia na música tradicional galega, colaborando anteriormente en proxectos con Suso Vaamonde ou Xabier Díaz. Romero reflexiona agora sobre a evolución e a mestura da música galega con elementos contemporáneos, tomando como exemplo as súas propias pezas musicais.

–Como nace o proxecto de Xosé Lois Romero e Aliboria?

–Xorde da miña necesidade de poñer en valor a percusión tradicional galega, o elemento do folclore que menos evolucionou nas últimas décadas. Tiña a teima de actualizalo e volvelo contemporáneo. Atopei un grupo de xente que quería aprender a tocar os instrumentos como eu o facía. A raíz desa aprendizaxe emerxe o grupo.

–Agora presentan conxuntamente o álbum “Latexo”. Que pretenden achegar con el?

–É un proxecto de voces femininas e música tradicional. Levounos a experimentar coas voces das mulleres, a crear novas harmonías e compoñer repertorio. Aséntase na percusión tradicional galega porque é incriblemente rica, viva e variada. O propósito era actualizala, desenvolvela e poñela en vangarda. O disco está formado na súa maior parte por composicións feitas por min. Queremos facer música popular contemporánea, coa voz e a percusión. Tamén temos o compromiso de cinguirnos exclusivamente a instrumentos de percusión tradicional galega, sen introducir ningún elemento foráneo.

–E como compositor, que supuxo “Latexo” na súa carreira profesional?

–Levo toda a miña vida coa fixación de poñer en valor a percusión tradicional. “Latexo”, posiblemente, sexa o proxecto do que estou máis satisfeito e o que me fai máis feliz. Cumpre con todos os requisitos que buscaba na orixe, que era compoñer melodías inspiradas na música tradicional, pero empregando a percusión dunha forma contemporánea. Teño a sorte de traballar cun grupo como Aliboria, incrible a nivel humano e técnico. “Latexo” é a mellor mostra do que queremos facer.

O compositor Xosé Lois Romero. | // FDV

–Foi difícil vangardizar unha música tan tradicional como a galega?

–O feito de que teña tanta tradición e sexa tan popular, facilita o proceso. Tanto os músicos como o público están facendo un traballo de evolución moi natural. Están actualizando a música e o baile permanentemente. Vivimos nun país que ten unha fortuna moi grande, por ter un folclore tan vivo, tan fresco e que se renova de forma tan natural. Non sofre ningún tipo de distorsión, senón que convive facilmente a música máis tradicional cos temas de vangarda e experimentais, sen que iso provoque ningún tipo de conflito.

– O álbum estivo nominado aos “Premios de la Música Independiente”. Como foi a acollida do público?

–Está funcionando moi ben, estamos recibindo moitas felicitacións en Galicia, en España e incluso fóra de España. Tamén estivo no top 20 da lista de discos europea World Music.

–Agora son os encargados de abrir o Intercéltico do Morrazo. Que supón isto para o grupo?

–O Intercéltico do Morrazo é un dos pés da historia da música folk e da música tradicional en Galicia. É un agasallo que, neste ano tan complexo, apostaran por nós para vir ao festival. É un honor e un orgullo, imos dalo todo. Será unha festa pola nosa parte e agardamos que para o público tamén. “Latexo” foi editado xusto antes da pandemia, agora temos a oportunidade de tocalo en directo. O disco colle outra dimensión en vivo, o noso estado natural e onde a percusión ten máis forza.

–Precisamente no disco inclúen a canción “Muiñeira de Ons”, moi vinculada á zona do Morrazo. É a primeira vez que a tocan nesta zona?

–Si, será a primeira vez que interpretemos esta peza no Morrazo, lugar de onde provén. Ademais, é o tema que nos serviu de adianto do disco. É unha desas melodías que están gardadas como xoias e un día aparecen. Son temas que atravesaron o tempo e levan décadas, case séculos, convivindo con nós. É un orgullo poder traela de volta.

–Como definiría a situación actual da música galega? Está vivindo un dos seus mellores momentos? Hai grandes propostas que inclúen elementos novidosos.

–Estamos vivindo uns tempos moi complicados, non só na música. Creo que a música galega ten un compoñente de resistencia realmente fascinante. Consegue manterse viva e incluso recrearse e refundarse todas as veces que faga falta, en situacións adversas. As novas variantes que están saíndo teñen unha gran personalidade galega, inspirada na música tradicional.

Compartir el artículo

stats