Difundir as biografías de mulleres de Cangas, animar ao alumnado a elaborar un traballo de investigación e divulgación de mulleres que son referentes, estimular a cooperación entre o alumnado, favorecer a participación en rede e traballar na coeducación como vía preventiva contra a violencia de xénero. Son principais obxectivos da proposta “Recuperando a historia das miñas veciñas”, que promoven o Concello de Cangas e os centros educativos de A Rúa, Espiñeira, Compañía de María e Monte Carrasco, con financiamento dos fondos do Ministerio de Igualdad. Dolores Blanco, Fina Acuña, Belén Guimeráns, Ana María Soto Landeira, Carmiña Pérez Alonso e o colectivo das avoas, como recoñecemento aos seus coidados, están entre as mulleres seleccionadas e que aparecen nas lonas realizadas nos colexios para expoñer nas rúas ao resto da veciñanza, así como nos marcapáxinas para distribuir nas bibliotecas do municipio.

O programa persegue a sensibilización e a concienciación sobre o papel das mulleres de épocas pasadas ou contemporáneas, e promover cambios de valores no ámbito educativo e na sociedade, sinala a alcaldesas, Victoria Portas, que asume directamente a Concellería de Servizos Sociais, Igualdade, Feminismo e Sanidade.