Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Gardacostas e gardapescas nas rías do Morrazo (III)

Gardacostas “Paio G. Charino” e “Punta da Guía” (Xunta) e patrulleiras “Corvo Mariño” (GC) e “Águila” (SVA).

A guerra civil provocaría a repartición de barcos segundo o lugar e bando no que se atopasen, sendo que a maioría dos adscritos a Galicia quedarían no bando dos militares sublevados contra o Goberno da República. Despois da contenda, o encargado de vixiar a Ría de Vigo era o “Virgen de Begoña”, un bou vasco chamado “Iruña” que fora armado para combater aos sublevados franquistas e que ao caer en mans destes, foi destinado a patrulleiro. Na súa estadía na ría de Vigo viase incapaz de controlar (miraban para outro lado) as continuas operacións de abastecemento dos submariños nazis.

A partir dos anos corenta vai operar na ría de Vigo o barco patrulleiro “V-2” que interveu en varios naufraxios e o 22 de agosto de 1950 tería unha destacada intervención no rescate dos cadáveres de 43 falanxistas da Garda de Franco que morreran afogados entre San Simón e Cesantes. Nestas datas e na ría de Pontevedra, servirían os gardapescas da clase Rigel (kanguritos) sustituindo ao vello “Fogonero Bañobre” con base en Marín ou o “Procyon” (1951-1974), coñecido entre os mariñeiros como “Porción” e que foi o que interveu no conflito da praia de Vilariño (O Hío) a comezos do 1973.

Recreación dos primeiros medios de salvamento.

Ata 1953 tamén era habitual a presenza na ría do canoneiro “Hernán Cortés” que sería sustituido neste ano. Pouco operativos debían ser estes efectivos no control da pesca pois desde o 2 de setembro do 1950 van ser as confrarías quen poñan en servizo dúas lanchas de vixilancia, dedicadas exclusivamente a controlar a pesca con dinamita. As suas aprehensións foron consideradas un éxito e moitos armadores, patróns e incluso mariñeiros terían que someterse aos pertinentes consellos de guerra.

Entre os anos 1953 e 1977 operarían os barcos da clase Cíes, sendo moi coñecido nas nosas rías o “Serviola” (W-34) polo seu labor en salvamento, polas súas requisas no contrabando de tabaco e polas multas e detencións de furtivos nos anos sesenta. Precisamente, o incremento do contrabando nas rías daría pé á creación dun Servicio Especial de Vigilancia Fiscal que contaba coa patrulleira “Basanta Silva” que en 1969 xa realizara algunhas incautacións de tabaco. Outro dos patrulleiros da Armada foi o “Centinela” (W-33) con base en Vilagarcía, moi coñecido por ter participado no sinistro do petroleiro “Polycomander” na bocana norte das Cíes en maio do 1970. Estes barcos pasarían a patrullar na zona africana de El-Aiún con motivo da descolonización do Sahara español.

A lancha V2 buscando os corpos dun naufraxio en 1964.

Desde mediados do 1975 operaban no control da pesca co endeño ou “can” o vello e coñecido barco V-2 ou “Virxen do Carmen” e a V-12 ou “San Juan”, dispostas pola Comandancia e as confrarías da ría, que non daban abasto cos infractores polo que no momento álxido do conflito acudiron buques da Armada. Esta práctica “alegal” acabaría xerando tamén enfrentamentos cos mariscadores da vara e para poñer orde neste asunto, a Mariña estaba preparando en outubro do 1977 unha lancha de 12 metros de eslora, mandada por un alférez de navío, un suboficial e dous mariñeiros.

Non sabemos se chegaría a operar, pois mentres se axeitaba no Ferrol (fora adquerida no Salón Náutico de Barcelona) a comezos de novembro deste ano, farían acto de presenza na ría de Vigo o dragaminas “Navia”, apoiado polo destrutor “Álava” que actuarían con lanchas zodiac contra o uso do can ou endeño remolcado. Para relevar a estes barcos serían finalmente enviadas as lanchas V-31 (feita en Alemaña) e V-32 de patente alemá que xunto con outras duas, a V-33 e V-34 serían as últimas desta serie construidas en Barcelona.

O "Virgen de Begoña" antes chamado "Iruña".

A vixilancia e o salvamento

Durante séculos o salvamento de náufragos corría a conta das confrarías e non sería ata mediados do século XIX cando se inaugurase este servizo nalgúns portos sendo que o de Vigo estreaba en 1871 un garda cun bote, financiados mediante presuposto. Porén, oficialmente, a primeira Sociedade de Salvamento Marítimo sería creada en España en 1880 por Martín Tejeiro baixo a denominación de Sociedad Española de Salvamento de Náufragos, tomando como exemplo á británica Royal National Lifeboat Institution. De xeito semellante a esta, a Sociedade Española de Salvamento nutriría as súas fileiras con voluntarios, xestionada a nivel local e sen coordenación con outros medios.

O terrible naufraxio do “Serpent” en 1890, con 173 mortos, aceleraría a creación destes servizos nos portos galegos que estaban “sin medios de auxilio, sin comunicaciones, sin la vigilancia necesaria y sin autoridades... Como siempre, en el mayor abandono, en un abandono vergonzoso”. A primeira dotación destas “Estacións de Salvamento” foi a dunha lancha especial “insumerxible” dotada con caixas de aire ou bloques de cortiza. Logo incorporáronse en número suficiente os chaleques Ward e Isern, así como salvavidas Soliani e Martorelli, de gran resistencia e seguridade, así como caixas de guías, boias, rizóns, remos, farois, trípodes, bastóns ferrados, aparellos de tensar, andariveis, barrís de agua... Outros aparellos de gran eficiencia pero moi custosos eran os Lanzacabos Spandan propulsados mediante un foguete e a Canastra, un aro de goma e cortiza cunha bolsa de lona con dous buracos para meter as pernas.

Un dos primeiros portos que contou con servizo de salvamento foi Redondela, propiciado a finais do século XIX polo bispo de Tui, Fernando Hüe Gutiérrez, establecéndose en 1881 en Vigo a Sociedade ou Junta de Salvamento de Náufragos. O día 9 de outubro de 1903 estableceríase en Cangas colocándose por Montero Ríos e coa presenza do Deán de Santiago, a primeira pedra dun edificio desta institución que continuaría asentándose logo noutros portos como A Guarda, Baiona, Vilagarcía, Cambados, Ribadeo ou Corrubedo. En abril de 1914 a Junta Local de Salvamento de Cangas instalaría no novo porto unha caseta para albergar un bote e material de salvamento e despois do afundimento da motora “Azaña” en agosto de 1932 todos os sectores relacionados co mar pedirían un barco de salvamento permanente, sen obteren resultados.

Os gardapescas "Centinela", "Serviola" e "Procyon".

Ao desapareceren estas sociedades voluntarias con motivo da guerra civil, sería exclusivamente a Armada quen asumise esta función de salvamento e socorro ata 1960 sendo relevada pola Cruz Vermella no 1972. Tería que pasar máis dun século para que novamente se comezase a organizar un servizo de salvamento que asumirían conxuntamente a Armada e a empresa Remolques Marítimos e que se vería mellorada e perfeccionada ata chegar ao actual dispositivo de Salvamento e Seguridade Marítima (SASEMAR) dependente do Estado.

Coa promulgación do Estatuto de Autonomía de 1981, Galicia adquería competencias exclusivas en materia de pesca en augas interiores, marisqueo e acuicultura. En base a estas competencias, o Parlamento galego aprobaría en 1985 a súa primeira normativa en materia pesqueira, marisqueira e de cultivos mariños, incluíndo tamén o relacionado coas infraccións e sancións nesta materia.

Medalla de salvamento de náufragos que posúen algúns mariñeiros do Morrazo.

Medalla de salvamento de náufragos que posúen algúns mariñeiros do Morrazo.

Esta normativa sería sustituida en 1991 por outra que recollía novas leis e infraccións de cara a protección dos nosos recursos marítimo-pesqueiros, sentando as bases para a creación do Servizo de Inspección e Vixilancia pesqueira. Debido a alta sinistralidade nas nosas costas, os mariñeiros galegos concentraríanse en Santiago en 1989 para protestar pola ineficacia do operativo de salvamento existente forzando así á Consellería de Pesca a elaborar un plan neste sector, creando o ano seguinte o Servizo de Busca e Salvamento Marítimo. Xa que logo, no 1992 xa se encontraría totalmente operativa a Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima de Galicia que sería o primeiro servizo deste tipo en España e o segundo de Europa na utilización de medios aéreos civís para as misións de salvamento. Finalmente, crearíase en 2004 o Servizo de Gardacostas de Galicia que englobaría as funcións de inspección, vixilancia e salvamento.

Para a realización dos seus labores, este Servizo de Gardacostas dispón de distintos medios marítimos e aéreos como un remolcador, o “Sebastián de Ocampo”; un buque de salvamento e inspección marítima, o “Irmáns García Nodal”, e varias embarcacións de patrullaxe, entre elas o “Serra do Barbanza” (base en Vigo) e o “Paio Gómez Chariño” con base en Ribeira que tamén atende en itinerancia a nosa zona. Esta área tamén conta co helicóptero de busca e salvamento “Pesca I” (Sikorsky S-76 Spirit) con base en Peinador, operado en contrata pola empresa Helicsa.

A patrulleira de vixilancia "PVI 121 1982".

A Garda Civil do Mar ou Servizo Marítimo (SEMAR) tamén cubre esta área coa patrulleira Corvo Mariño con base na Escola Naval de Marín e con competencias en materia xudicial (delitos), gobernativa (garda costas e inmigración), fiscal (contrabando), administrativa (protección da natureza e do medio, inspección pesqueira e protección arquolóxica submariña) e militar (Ministerio de Defensa).

O control das numerosas embarcacións de recreo é durante os meses de verán unhas das accións máis recorrentes pois prodúcense unha vinte infracións ao mes. Outras unidades de protección costeira son as dependentes de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) estatal como a Salvamar Mirach con base en Cangas que pretende anovar a sua flota con barcos-dron ou a lancha “Águila I” do Servizo de Vixilancia Aduaneira con base en Marín, destacando nos anos noventa a “Gavilán 4” que realizou varias incautacións de tabaco de contrabando na costa canguesa.

Ademais habería que engadir outros barcos, dedicados á investigación mariña, remolque, salvamento, catástrofes... que operan tamén desde Vigo e outras bases da costa galega en réxime oficial (Xunta) ou conveniado. Unha última proposta neste sentido foi elevada nestas datas desde a Axencia Europea da Pesca (Vigo) para impulsar a creación dunha denominada Forza Europea de Gardacostas que actuaría na vixilancia, control e axuda das embarcacións de pesca comunitarias pois Galicia é a comunidade autónoma que conta con máis quilómetros de costa debido aos entrantes que conforman as rías.

A isto hai que engadirlle a bravura das augas atlánticas e a intensa navegación por frente das nosas costas que esixen uns servizos de control e rescate importantes. A riqueza marisqueira das nosas augas e a pesca tamén demandan un control dos variados produtos que se extraen e que corren da man dos distintos servizos e entidades mencionadas.

A “Salvamar Mirach”, de Salvamento Marítimo, con base en Cangas e o helicóptero Pesca I de Gardacostas de Galicia con base en Peinador.

Ata este ano 2020 a Consellería do Mar da Xunta de Galicia estivo anovando a flota de gardacostas con cinco novas unidades construidas en Rodman de Moaña, asignando á zona de Vigo a chamada “Punta da Guía”. O Servizo de Gardacostas de Galicia e outras entidades de vixilancia e control da pesca teñen actualmente unha importancia fundamental debido ao desenvolvemento deste sector e ao incremento do furtivismo, realizando milleiros de inspeccións coas conseguintes sancións e toneladas de decomisos de produtos ilegais.

A aportación do Estado nestes servizos vén a través do convenio do Ministerio de Agricultura e Pesca coa Garda Civil do Mar, á que lle financia sete patrulleiras e catro helicópteros para o seu labor. Contodo, o sector do mar rexeita a presenza da Garda Civil neste sector, non só por consider xa cuberto o labor de vixilancia cos medios existentes, senón porque este corpo tramita os expedentes pola vía penal, incluso o que son meras faltas administrativas. Agora, o futuro da vixilancia e o rescate marítimos encamíñase cara a barcos-dron (USV) cuxa construción e probas de operatividade xa están en marcha en Galicia co Plan MAR-1.

*Profesor e investigador

Compartir el artículo

stats