Foi en agosto de 1900 cando a confaría de Marín decidiu custear un vaporciño para controlar na ria de Pontevedra o cumprimento da lei por parte das traiñeiras, pois a pesar da presenza dos canoneiros da armada, estas seguían a faenar onde lles petase sen respeitar os acordos pois a vixilancia oficial era deficiente e as sancións escasas. Poucos anos despois, serían as sociedades de xeiteiros de Cangas e Moaña quen lle proporían ao Goberno a observancia do cumprimento da Lei cun vaporciño lixeiro, dado que os barcos da armada estaban obsoletos e polo seu gran calado, eran lentos e pouco manobrables. Tamén se comprometían a compartir gastos e aportar persoal cualificado (gardapescas xurados) sendo que o mando do vapor de vixilancia sería da Armada, aceptando incluso que a tripulación fosen mariños deste estamento, custeando o arrendo do vapor en todo ou parte. Como non houbo resposta e a connivencia de traiñeiros e oficiais da armada era evidente, as sociedades do xeito veríanse obrigadas a fletar o vapor de pesca Carme cun notario a bordo para que levantase actas das infraccións e remitirllas ás autoridades. Nin que dicir tén que estas farían, como xa era habitual nestes tempos, caso omiso das denuncias.

O ‘Uad Martin’ e o ‘Fogonero Bañobre’. | // ARQUIVO DO AUTOR

Durante este tempo, sería o canoneiro “Cóndor” quen se ocupase de vixilar que as traiñeiras faenasen fóra das Cies, apresar ás que pescaban na ria e a escoltar aos galeóns dos conserveiros que desde diversos portos acudían a mercar a pesca. A esta misión tamén se sumaría, como dixemos, a presenza do canoneiro-torpedeiro “Temerario” (58 m. eslora), outro barco considerado inservible pola escasa protección que ofrecía e que viñera sustituir ao “Audaz”. Mais, o 24 de xaneiro de 1902, o “Condor” pararía máquinas para controlar unhas lanchas de pesca perto de Alcabre cando se produciría a explosión da sua caldeira e do pañol de armamento, falecendo seis dos seus vintedous tripulantes. Catro cadáveres recuperaríanse no sitio e tres deles aparecerían semanas despois, un nunha praia de Vigo, outro en Rodeira e outro en Liméns.

Canoneiros ‘Dorado’, ‘Gaviota’ e ‘Delfín’. | // ARQUIVO DO AUTOR

Agora, sería o “Temerario” quen ficase só nos labores de gardapesca e unha das suas intervencións sería no porto de Cangas a onde acudira para mediar e dar parte dun enfrentamento no que houbo feridos, un deles por arma de fogo. Así estaban as cousas. En 1903 remitirían os enfrentamentos coas traiñeiras e estas espallaríanse por todos os portos, desaparecendo a conflitividade. A comezos do 1905, recén botado no Ferrol, chegaría a Vigo para a vixilancia nas Rías Baixas, o canoneiro de 2ª clase “Marqués de la Victoria” de 72 m. eslora e 30 mariñeiros de dotación, que máis tarde foi sustituido polo cazatorpedeiro “Proserpina” (70 m. eslora), máis antigo e moi coñecido en Cangas por realizar manobras de ataque na sua enseada. A carencia de medios oficiais para a vixilancia da pesca foi sempre evidente e mesmo terían que recorrer a gardas xurados contratados para exercer un maior control. Contodo, o aumento das infraccións levaría en marzo de 1911 a que se pronunciase neste sentido Álvaro Guitián, exaxudante de Mariña de Cangas que propuña a cración dun corpo de garda-pescas xurados, tres canoneiros e oito lanchas canoneiras para as rías galegas que auxilien aos anteriores e combatan a los peces feroces y arroaces. Como non se cumprise esta demanda, ao final encargaríanse desta misión o vapor de pesca “Elduayen” na ría de Vigo e o “Aurea” na de Pontevedra, fletados polas asociacións de mariñeiros e comandados por un cabo de mar dependente da Comandancia de Mariña. En 1916, a pesar de retornar á ria o “Vasco Núñez de Balboa”, o Ministerio de Mariña seguiría con esta idea de arrendar un vapor pero só tripulado por militares, prescindindo do anterior fletado polo denominado Comité de Defensa de la Pesca, constituido polas asociacións de mariñeiros.

Iate ‘Urania’. | // ARQUIVO DO AUTOR

A guerra de Marrocos había xerar un continuo travase de unidades navais entre 1914 e 1927, ainda que algunhas de canoneiros como o “Hernán Cortés”, o cruceiro “Rio de la Plata” ou o auxiliar “Urania”, eran deslocados ás nosas costas para os estudos das pesquerías que realizaba o Instituto Español de Oceanografía. Estas investigacións pesqueiras xa foran iniciadas no 1788 da man de Sáñez Reguart a bordo do bergantín “Descubridor” e marcarían un fito importante en 1916 coa implantación da pesca á ardora. Os gardapescas e gardacostas máis habituais desde 1912 nas rias de Vilagarcía, Pontevedra e Vigo, foron o “Dorado”, o “Delfín” e un novo “Gaviota” (os tres iguais feitos en 1910) no que era segundo comandante Carlos de la Piñera, que logo foi axudante de mariña de Cangas. O “Dorado”, con base en Marín e moi avellentado, foi sometido a reparación en 1913 e sustituído neste tempo polos canoneiros “Mª de Molina” ou polo “Hernán Cortés”. Entre algúns servizos especiais destes barcos destaca a xira que a mediados de xullo de 1914 fixo no “Gaviota” a infanta Isabel desde Vigo a San Simón e logo ata Marín no gardapesca “Dorado” que tivo que atracar en Bueu. Este barco tamén participaría no ano seguinte nunha incautación de combustible para os submariños alemáns, realizada na ria de Pontevedra, onde adoitaba operar desde Marín. Durante os conflitos pola pesca á ardora ou escurada o Comité pola Defensa da Pesca (armadores e conserveiros) tiña posto desde 1915, para apoio da canoneira “Gaviota” un vapor auxiliar de vixilancia chamado “Primero de Meira” que na altura de 1917 tiña feito numerosas requisas de diversos aparellos.

Canoneiro ‘Hernán Cortés’. | // ARQUIVO DO AUTOR

En abril de 1927, o canoneiro “Dorado” patrulla na ría de Aldán vixilando o uso de pistóns por traiñeiras a motor e en novembro este barco e máis o “Delfín” terían como misión a persecución e ametrallamento das mandas de arroaces que, segundo algúns pósitos denunciantes, destruían as redes e aniquilaban os peixes. Porén, algúns mariñeiros de Cangas dubidaban do acertado destas medidas, pois afirmaban que os mesmos cetáceos que nas rías nos destrúen as redes, non nos causan este prexuizo nas costas de Portugal. Poida que isto sexa obra da casualidade... Estes barcos, “Gaviota” e “Dorado” serían os máis asiduos no control da pesca nas costas galegas, algún ata 1929-1932, servindo o primeiro nas Rías Baixas e enviándose ao “Dorado” a vixiar as Rias Altas. Despois da visita do xefe do goberno Primo de Rivera á Ria de Vigo en xullo do 1924, este prometera novos barcos de vixilancia da pesca para evitar o uso da dinamita polos vapores e traiñeiras que andaban ao caldeo e ao trasmallo. En cumprimento disto, a partir de agosto do 1924 chegarían para equiparse en Marín dous novos gardacostas, o “Uad-Martin” e o “Contramaestre Castelló”, utilizado logo como prisión en Ferrol na guerra civil, que serían os novos encargados do control das rias de Pontevedra, Arousa, Muros... Estes barcos estarían adscritos á Escola Naval onde tamén tiña base o gardapesca “Fogonero Bañobre” (23 m. de eslora), dos chamados “palmatoria” pois de perfil e coa gran cheminea sobresaínte, semellaban a forma dun candeleiro. Moitos destes barcos procedían de arrastreiros (trowlers) das flotas pesqueiras de Francia ou Inglaterra que se reconvertían e armaban cun canón para actuar en labores de vixilancia costeira ou de investigación como dixemos. O “Gaviota” tamén adoitaba acudir nestas datas de 1928 cun piquete da sua dotación ás procesións das festas da Virxe dos Dolores e ás do Cristo.

O ‘Audaz’, ‘Temerario’ e ‘Marqués de la Victoria’. | // ARQUIVO DO AUTOR

Nos anos seguintes, os barcos de vixilancia da ría de Pontevedra perden efectividade pola maior velocidade dos barcos de pesca e os gardas xurados recorren ao aluguer de motoras máis rápidas, facéndose moi coñecida a “Celta” de Marín que abriría numerosos expedentes pola pesca con dinamita. Mais, en 1931 o servizo de inspección xa estaba en precario e desde Cangas quéixanse da escasa efectividade dos gardas xurados da Mariña que só de día perseguen aos do arrastre e pola noite úsase sen control a pesca con dinamita. Ademáis disto, tamén se botaba de menos un servizo de salvamento cun barco aprestado a esta función, como se suxeriu no ano 1932 despois do naufraxio da motora canguesa “Azaña”. Esta proposta, que tería que sustentarse coa aportación dos patróns, non se faría efectiva, sendo que nestas datas estarían adscritos á ria de Vigo, os gardapescas V-2 e V-12, este último en longo servizo ata 1974. Entre os seus servizos destacaron o control de artes prohibidas como o bou e sobre todo contra o uso da dinamita con moitas aprehensións. En marzo de 1933 crearíase o Cuerpo de Servicios Auxiliares de Vigilancia de la Pesca e proponse tamén a creación dunha guardia civil pesquera co fin de perseguir aos infractores, imposibilitar, no que se poida, as suas feitorías, controlar o uso da dinamita e proteger los intereses de los pescadores cazando las marsopas, delfines, golfines y toda la serie de animales dañinos para la pesca.