Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O conflito da ardora no Morrazo

Traiñeiras na praia do Con, a comezos do século XX. Cantero/Arquivo Asociación Cultural Nós

Hoxe é día de San Xoán e aínda que esta pasada noite non puideron celebrarse as grandes fogueiras en espazos públicos a bo seguro que non faltaron multitude de cacharelas e lumes en eidos e fincas privadas. E como non podía ser menos en moitas delas asáronse sardiñas, un peixe especialmente asociado a noite de San Xoán. Aproveitando esta circunstancia o veciño moañés Xesús Cancelas Franco achega un texto sobre o conflito da ardora na comarca do Morrazo, que un 21 de xuño de hai 110 anos viviu un dos seus episodios máis graves con enfrontamentos entre mariñeiros de Moaña e Cangas

A chegada dos fomentadores cataláns na segunda metade do século XVIII significou un grande cambio na pesca tradicional galega coa introdución de novas artes de pesca, embarcacións de máis eslora e tamén trouxeron novas maneiras de elaborar o peixe. Todos estes cambios acabaron traendo enfrontamentos entre os sectores afectados polos distintos intereses. O que comezou con confrontacións entre mariñeiros non tardou en ser un labirinto de controversias transversais entre mariñeiros, armadores, fabricantes, vendedores de raba, etc.

Os primeiros encontronazos xurdiron pola introdución da xábega, unha vella arte de pesca de orixe árabe que se usaba no Mediterráneo pero non nas costas galegas. Era una rede de arrastre con copo e que tiña entre 300 e 600 metros. Coa aparición desta nova arte, pescábase máis cantidade de sardiñas e trouxo como consecuencia a baixada dos prezos, o que favorecía aos propietarios dos “almacéns” de salga, que os fomentadores tamén transformaran ao cambiar o sistema tradicional por outro que prensaba e reducía o volume do peixe, para exportar ao tempo que aproveitaban as graxas da sardiña para vender ou elaborar produtos industriais.

No último cuarto do século XIX a pesca e as distintas formas de elaborar o peixe comezan a ter unha importancia capital na economía das vilas do Morrazo, secularmente ligadas á produción agrícola. As industrias da salga comezaron a transformarse en fábricas de conserva, e a necesidade de máis materia prima provoca que muden de novo as artes de pesca, comezando a utilizarse a traíña que estaba legalizada dende 1883 en augas do Cantábrico e tamén aparece unha nova embarcación, a traiñeira, que foi traída durante os últimos anos do século en barcos a vapor de Asturias e Cantabria ata as costas galegas. Coas novas embarcaciós e redes tamén viñan patróns e piqueiros para adestrar ás novas tripulacións.

A novidade provocou outro enfrontamento entre os mariñeiros tradicionais que utilizaban unha rede de deriva chamada xeito en embarcacións de entre 3 e 5 metros de eslora con 5 ou 6 tripulantes a bordo, cos das traíñas que era una rede de arrastre e que usaban embarcacións de máis de 13 metros de eslora e de máis dunha ducia de tripulantes chegando a pasar de vinte nalgúns casos. Ademais comezouse a utilizar a raba como cebo.

Traiñeiras na praia de Moaña. Foto Pacheco/Arquivo Asociación Cultural Nós

O día 5 de maio de 1891, un grande número de mariñeiros de Tirán, Moaña e Cangas desembarcaron acompañados das súas mulleres e fillos na Ribeira do Berbés para manifestarse ata a Comandancia de Mariña en contra do uso do trabuquete (unha das artes usadas na ardora) alegando que danaba a pesca.

Nos anos seguintes hai numerosas protestas e enfrontamentos como sucedeu o día 26 de outubro de 1900 que foron dinamitadas na Praia do Con sete traiñeiras, a maioría de armadores vigueses aínda que as tripulacións eran de Moaña. Por estes feitos foron detidos días despois José Vidal de Tirán e José Tenorio, patrón dun boliche de Moaña.

O sábado 5 de outubro de 1901, durante a visita do Ministro de Mariña Cristobal Colón de la Cerda a Cangas, unha representación de dez armadores e patróns de Moaña presentados polo exalcalde Eugenio Sequeiros dicían estar dispostos a desfacerse das traiñeiras e comprar xeitos se se suprimían para todos, a iniciativa non chegou a ter éxito. Na saída do acto o Ministro foi vitoreado e moitas mulleres de Cangas axeonllábanse ao seu paso pedíndolle axuda para o xeito.

No ano 1902 en Moaña xa conviven as dúas formas de pesca e súmanse apoios de todas as parroquias para celebrar en Vigo unha manifestación o 4 de novembro a favor da traíña. De Meira e do Con saíron dous vapores remolcando trinta traiñeiras coas súas tripulacións para asistir á dita manifestación que sumou cinco o seis mil persoas e tamén era apoiada pola Liga de Agricultores e a Liga de Contribuintes de Moaña.

Nos anos seguintes o conflito foise decantado a favor da traíña. En 1911 o estudoso da pesca Benigno Rodríguez Santamaría publica o “Diccionario ilustrado, descriptivo…” no que se afirmaba que un porto de pouca importancia como Moaña prosperou moitísimo por admitir os cercos, en cambio Cangas sufríu considerables perxuicios por non admitilos. O enfrontamento entre o xeito e a traíña estaba de remate e a partir de 1908 comezara un novo, o da ardora.

Desde finais do século XIX os portos de Vigo e Bouzas xa tiñan unha boa frota de vapores, e nos primeiros anos do novo século no porto de Cangas xa hai tamén varias motoras e vapores, algúns deles eran de armadores de Vigo con base no porto do Morrazo. Estas embarcacións, sobre 1905 comezaron a traballar durante as noites que non había lúa, o que producía unha fosforescencia no mar que delataba a situación dos bancos de peixe. Este tipo de pesca non usaba raba o que lles abarataba moito os custos.

Esta forma de traballar deu en chamarse fosforescencia, escurada ou ardora, e entre as tripulacións das motoras e das traiñeiras a remo acusábanse mutuamente do uso de medios ilegais como a dinamita pola noite e os pistóns polo día.

En 1909 a escaseza de sardiña agravou a situación dos mariñeiros e tiveron que pechar varias fábricas de conserva que en anos anteriores exportaran por valor de 20 millóns de pesetas e en 1910 non chegaron a 8 millóns.

As motoras usaban como aparello o cerco de xareta e utilizaban o balo para facer entrar o peixe no aparello. O balo consistía en facer un gran estrondo –un ruído moi forte– coas hélices, co grifo de fondo das motoras ou con pandullos, sendo acusados de espantar as sardiñas con semellantes ruídos polo que non entraban nas rías. Isto provocou moitos enfrontamentos e manifestacións.

Dende principios do ano 1911 comezaron a producirse queixas por parte das tripulacións de embarcacións que pescaban en puntos de postas das xábegas polo abuso por parte de lanchas que utilizaban o procedemento do balo.

O médico e alcalde moañés Emilio Barros Valea, que era "antiardorista" Arquivo Asociación Cultural Nós

O primeiro de marzo constituíuse en Madrid a Junta Superior de Pesca á que asiste en representación dos mariñeiros de Moaña, Teis, Redondela e Tirán o patrón de Moaña Antonio Boubeta e representando aos da ría de Pontevedra o alcalde de Moaña Emilio Barros Valea, os dous contrarios da ardora. En representación dos patróns e mariñeiros de Cangas asistíu Juan Rivera Atienza e como comisionado do Concello o tenente de navío Álvaro Guitián, ambos a favor da ardora. Non houbo ningún tipo de acordo quedando as conclusións pendentes de novos estudos.

O 23 de abril celebrouse un mitin e manifestación en Vigo, con amplia representación dos sectores pesqueiros das rías de Pontevedra, Vilagarcía e Vigo cunha participación de máis de 2.000 persoas contrarias á pesca a ardora. Días despois publícase na Gaceta unha Real Orden na que se prohibe a pesca pola noite con cerco de xareta ou similares polo procedemento da ardora nas provincias marítimas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, salvo fóra das rías e a máis de dúas millas da costa.

A primeiros de xuño hai de novo manifestacións en Marín e tamén en Cangas, onde se manifestan mariñeiros de Bueu, Aldán, Hío, Beluso e Moaña xunto cos veciños de Cangas contrarios á pesca nocturna.

Despois de moito tempo de tensións, o día 21 de xuño ás 8:00 h corre a nova de que houbera un grave enfrontamento entre mariñeiros de Cangas e de Moaña cunha grande cantidade de feridos.

Ao coñecer a noticia o Axudante de Mariña de Cangas Luis Fernández Piña que levaba 15 días no cargo apresurouse a embarcar no vapor “María” de transporte de ría acompañado de dous subordinados para dirixirse ao lugar do enfrontamento. Chegando a Balea atopou no seu rumbo a varias motoras, os seus tripulantes parecían alleos ao sucedido.

O axudante dirixiuse ás Cíes nunha das lanchas a motor e estas maniobras foron seguidas desde terra por moitos veciños de Cangas, que ao mediodía xuntáronse arredor do peirao de Cangas para ver a chegada da motora onde viaxaba o Axudante remolcando a varias traiñeiras apresadas que interviran na hostil disputa.

Ao desembarcar os mariñeiros das traiñeiras de Moaña tivo que intervir a Garda Civil, Carabineiros e Autoridades para evitar que foran agredidos, tendo algúns deles que refuxiarse en casas ao seren apredreados. Foi necesario protexelos pola forza pública ata levalos a Axudantía de Mariña para prestar declaración.

O día 21 de xuño de 1911 enseguida corre a nova de que houbera un grave enfrontamento entre mariñeiros de Cangas e de Moaña con moitos feridos, o que provocou que o Axudante de Mariña de Cangas Luis Fernández Piña se trasladase de inmediato ao lugar

decoration

Dúas das traiñeiras con mariñeiros feridos a pedradas cando desembarcaban en Cangas, dirixíronse a Vigo para queixarse ante o Comandante de Mariña e este vistas as declaracións dos mariñeiros ordeou que voltasen a Cangas para prestar declaración na Axudantía. O cañoneiro “Hernán Cortés” tivo que saír pola ría ata as Cíes polas alarmantes noticias, pero cando chegou o tumulto xa tiña rematado.

Despois de prestar declaración na Axudantía os mariñeiros de Moaña acompañados da Garda Civil e Carabineros dirixíronse ás súas casas, e a medida que foron chegando atoparon as súas mulleres e moitos veciños excitados e con ánimos de revancha polo que tiña pasado nas Cíes e en Cangas. Na opinión pública había moita preocupación polos antagonismos entre Cangas e Moaña porque podían ocasionar un día de loito.

Máis tarde unha comisión de mariñeiros de Moaña visitou ao Comandante de Mariña en Vigo para queixarse de que numerosas lanchas a vapor de Cangas, atropelaran no mar a cinco traiñeiras a remo de Moaña provocando varios feridos e non houbo máis porque algúns mariñeiros tiveron que tirarse ao mar e logo valéndose da súa maior velocidade escaparon. Formularon unha denuncia por escrito e marcharon esperando que se puxera coto aos atropelos denunciados.

O 25 de xuño convocouse unha reunión para solucionar as diferencias entre os mariñeiros de ambas vilas e rematada a reunión os representantes de Moaña percorreron antes de voltar, varias rúas de Cangas sen que ninguén os molestara

decoration

O domingo 25 o Axudante de Mariña de Cangas, preocupado pola situación convocou ás 10 da mañán na Axudantía unha reunión para solucionar as diferencias entre os mariñeiros de ambas vilas. Participaron patróns das motoras de Cangas e tamén unha ampla comisión das traiñeiras de Moaña entre os que se atopaba o Alcalde Emilio Barros. Rematada a reunión os representantes de Moaña percorreron antes de voltar, varias rúas de Cangas sen que ninguén os molestara.

O martes 15 de agosto celebrouse unha grande manifestación anti-ardorista na Alameda de Vigo na que ademais de mariñeiros tamén participaron empregados de fábricas de conservas que estaban de folga. Dirixíronse á casa do Concello, é unha comisión na que estaban industriais de Marín o Alcalde de Moaña, o Patrón Antonio Boubeta e o Presidente da Federación de Traballadores de Vigo, levaron unha instancia ao Alcalde da cidade coas súas reivindicacións e para que as dirixira ao Xefe de Governo José Canalejas. Os manifestantes na Praza da Constitución diron vivas ao Alcalde polo su apoio e mortes a escurada.

Posteriormente os manifestantes foron ata a Comandancia de Mariña, entregando un escrito dirixido ao Ministro de Mariña José Pidal. O Comandante comunicoulles que así o faría e explicoulles que non tiñan medios para facer valer as Reales Ordes de maneira eficaz por falta de embarcacións de vixilancia. Na manifestación participaron representacións de Vigo, Cangas, Bueu, Marín, Aldán, Teis, Moaña e Redondela e posteriormente disolvéronse en perfecto orde.

O conflito da ardora estivo activo durante todo o verán e volvería a reproducirse ao ano seguinte.

*Veciño de Moaña e membro da Asociación Cultural Nós

Compartir el artículo

stats