O Concello de Moaña organiza un certame de poesía improvisada para difundir entre os estudantes da vila unha correcta oralidade en lingua galega mediante a creación das coñecidas como “regueifas”. Participan estudantes de 5º de Primaria da maioría dos colexios moañeses. Ao longo das últimas semanas, no marco das actividades relacionadas co programa “21 Días en Galego”, os centros enviaron vídeos dos mellores “regueifeiros” aos músicos Luís O Caruncho e Pinto d´Herbón, que se encargaron de elixir aos finalistas.

O Concello pendurou na televisión escolar online “Caranvexo TV” os vídeos coas poesías improvisadas destes finalistas, que poden ser vistas por todos os veciños. Pola crise sanitaria non se pode facer unha gala con intervencións en directo dos pequenos, como si se fixo nos certames de regueifas nos institutos de toda a comarca celebrados en anos anteriores.

Son seis os centros que participan e nos vídeos pódense escoitar rimas como:

“Hoxe fai moito frío,

porque chegou o inverno.

Temos que quentarnos moito,

isto parece un inferno”

Da representante do CEIP Seara. Ou:

“Aquí estamos en Moaña,

con poesía e liberdade,

cando miro cara o mar

penso que é saudable”

Do representante do CEIP A Guía.

Participante do CEIP Reibón.

Cada un dos finalistas intervén en representación do seu colexio e un xurado está analizando as pezas para determinar o gañador. Valóranse tres apartados. Por un lado o criterio musical, a cargo do mestre da Escola de Música Salvador Meira. Polo outro, estúdase a corrección lingüística en galego. Desta análise encárgase a técnica municipal de normalización, Paula Soto. Finalmente, a parte artística que será valorada pola técnica cultural María Hernández.

O martes día 9 o xurado fallará o premio e o concelleiro de Normalización Lingüística, Aldán Santamarina, entregará ao colexio gañador un bolo de pan, que é a peza que lle dá precisamente o seu nome ás regueifas, pois estas batallas de poesía improvisada naceron mentres se facía este tipo de pan artesanal.