Os estudantes de entre 3º de Primaria e 2º de Bacharelato de todos os centros de Moaña rematan este domingo o seu reto de vivir durante “21 días en galego”. Para agasallar a todos aqueles que foron quen de completar o reto, o Concello entregará camisolas conmemorativas.

Onte os deseños das camisolas foron presentados nun evento retransmitido de xeito telemático a través do Facebook do Concello. Participou a responsable da empresa local de camisolas “Afouta”, Yaiza Santomé, e o vocalista do grupo de rock NAO, Pablo Carracedo “Jasper”.

A camisola presentada.

A camisola presentada.

Xunto ao concelleiro de normalización Lingüística, Aldán Santamarina, amosaron unha camisola co título da canción de NAO “Cartas no caderno” e uns debuxos de temática mariñeira como unha embarcación, un caderno de bitácora ou un timón.

Cada camisola contará cun código QR nunha manga “que dará acceso á canción na aplicación de Spotify para que os rapaces poidan escoitala e descargala”, apunta Yaiza Santomé. Explica que é o primeiro deseño dunha nova liña en colaboración con NAO que se chamará “Son de Moda”.

A responsable da empresa de camisolas deu os parabéns “a todos os que completaron o reto” e pediu que “pase a ser un reto para toda a vida”.

O propio Santamarina explicou o espírito de “21 días en galego”, que busca que os rapaces se incorporen pouco a pouco ao idioma propio “que é un tesouro pero moi pouco falado pola rapazada de Moaña”.

Jasper, pola súa banda, sinalou que el mesmo é neofalante e considerou “moi valentes” aos que remataron o reto. Deixou unha frase para eles: “O único galego mal falado é o que non se fala”.