Non como rito, como envoltorio, senón como cerna, como motor de vida, como mensaxe de razón, de entendemento para o diálogo. Esa é a palabra que practicou Xosé Manuel Pazos. Por iso a palabra que lle acai é dinamizador. Dende noviño impulsando a cultura e o compromiso por un mundo mellor. Con entrega e sen tregua. Con xiria. Na Historia do Teatro Galego Xosé Manuel ten un peso específico moi relevante. O seu nome vai asociado á fundación de grupos, á dirección de espectáculos, á creación de textos, á interpretación, á tradución de obras e un cento de cousas máis. Labor ben recoñecido e galardoado. E na vida cultural e social canguesa deixa unha pegada imborrable. O azar quixo que onte volvésemos mirar de volta as fotos daquela viaxe na que fixemos en Venecia, guiados por ti, un desembarco en góndola. E despois naquela Lubjana da Eslovenia que che lembraba o teu Lubián galego-zamorano, mergullámonos na profundidade recóndita das covas de Postojna. Vaste agora para outro recóndito territorio. Pero ti, tan bo amigo e tan faladeiro, non has deixar de mandarnos mensaxes de esperanza.

*Escritor e mestre de Cangas